Preguntas frecuentes

1. Que centros poden participar?

Só centros públicos dependentes desta consellería (EEI, CRA, CEIP, CEP, CEE, CPI, IES, CIFP e EPAPU).

2. Cantas actuacións se poden incluír nun mesmo programa?

Entre 1 e 5.

3. Cal é o prazo para presentar as solicitudes e o proxecto da convocatoria 2021/22?

O prazo de presentación de solicitudes e do plan de mellora comezará ao día seguinte ao da publicación desta resolución no portal educativo e rematará o día 17 de setembro de 2021.

4. Como se solicita a participación?

Primeiro, introducindo os datos na aplicación informática habilitada para tal fin. Terá acceso á creación da solicitude a persoa responsable da dirección do centro ou persoa autorizada co usuario @edu.xunta.es. A ruta é a seguinte:

  • Programas de éxito educativo > Convocatoria 2021/22 > SELECCIONAR (na parte inferior esquerda)
  • No menú da esquerda premer en LISTAXE DE PROGRAMAS > seleccionar Contratos-programa Inclúe > premer SOLICITAR (na parte inferior esquerda) > CREAR
  • A continuación, seleccionar a/s actuación/s que pretende desenvolver o centro. Premer novamente en GARDAR e, seguidamente, pulsar PRESENTAR E EDITAR O PROXECTO. Deste xeito, abrirase unha nova páxina onde deberá cubrir todos os campos obrigatorios da/s modalidade/s solicitada/s.

Non esqueza ir gardando os datos para evitar perdelos no caso de que caduque a sesión.

5. Que documentación ten que custodiar o centro?

A documentación que xera a aplicación en pdf, logo de introducir os datos solicitados, e que deberá selar, asinar e custodiar no centro (Anexo I coa solicitude e Anexo II coa aprobación polo consello escolar).

Non é preciso enviala por ningunha vía (correo electrónico, correo ordinario, Rexistro...).

6. Onde se publicará a información da Resolución desta convocatoria?

No portal educativo e no sitio web de CPInclúe

7. Como se pode realizar unha reclamación?

Unha vez rematado o procedemento de selección dos plans e realizada a concreción dos Contratos-programa Inclúe, a comisión fará pública a resolución provisoria, que se difundirá no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal/portal) e no apartado Documentación da páxina web de CPInclúe

A publicación da resolución provisional abrirá un prazo de cinco días hábiles para efectuar reclamacións ou renuncias, dirixidas á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, que deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) a través do formulario correspondente ao procedemento de presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado (código PR004A), xunto coa documentación complementaria. Para a presentación das reclamacións ou renuncias poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e/ou renuncias, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva á persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional que resolverá a relación final dos plans seleccionados.

8. Quen elabora o plan de mellora que se vai desenvolver?

Como establece o apartado 6.2 da Resolución, o plan será elaborado polo equipo directivo que, previamente, deberá realizar unha análise sobre os procesos que se veñen desenvolvendo no centro para identificar as súas fortalezas e debilidades.

Este plan deberá prever a posibilidade de que as medidas nel establecidas se desenvolvan, de ser o caso, en réxime presencial, semi-presencial ou a distancia, establecendo os procedementos a seguir en cada un destes escenarios e garantindo, deste xeito, o seu desenvolvemento.

9. Que duración ten o contrato-programa?

O curso escolar para o que se convoca, isto é, 2021/22.

10. Ten algún tipo de recoñecemento a participación do profesorado participante nos Contratos-programa Inclúe?

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade certificará, cumpridos os requisitos establecidos na convocatoria, a participación do profesorado do centro directamente implicado no plan de mellora como actividade de innovación educativa con 20 horas de formación do profesorado. Esta certificación estará supeditada á avaliación positiva da memoria e á participación activa nas accións desenvolvidas.

Emitirase unha única certificación por docente, independentemente do número de actuacións nas que participe e do rol que desempeñe nelas.

11. Contarán os centros educativos con recursos extraordinarios para o desenvolvemento do programa?

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias, poderá dotar os centros de recursos específicos para o desenvolvemento do plan, con cargo á partida de gastos de funcionamento.

De ser o caso, as actividades e medidas propostas en Contratos-programa Inclúe que coincidan coas desenvolvidas por medio doutros plans ou programas promovidos por esta consellería non poderán ser obxecto de financiamento adicional.

12. Xustificación das axudas recibidas para o curso 2021/22.

As axudas económicas recibidas a través de Contratos-programa Inclúe xustificaranse a través da aplicación XECOCENTROS e reflectiranse na memoria final do centro.

13. Memoria das actuacións desenvolvidas no curso 2020/21.

Tras o remate do programa, os centros participantes deberán cubrir na aplicación informática, no prazo establecido ao efecto, a memoria das actuacións desenvolvidas en Contratos-programa Inclúe, tal como establece a convocatoria no apartado 15.5. Esta memoria deberá incorporar (a través de ligazóns, imaxes...) mostras do produto final acadado que permitan constatar o desenvolvemento axeitado do plan. Non será necesario enviar a memoria por ningún outro medio.

A persoa directora, ou persoa autorizada, será quen terá acceso á aplicación para cubrila a través da súa conta de correo electrónico @edu.xunta.es

A ruta é a seguinte: programas educativos > Programas de éxito educativo > convocatoria 2021/22 > premer Seleccionar >  Contratos-programa Inclúe > Memoria (no menú da esquerda) > símbolo da lupa.

Deberá ir cubrindo todos os campos que se lle solicitan, sen esquecer premer de cando en vez en Gravar e Continuar para evitar que caduque a sesión.

Para finalizar, débese premer en REMATAR E ENVIAR. A memoria figurará, entón, en estado Rematada.

Pode obter un informe da memoria accedendo no menú da esquerda ao apartado Informes > Informes xerais > Contratos-programa Inclúe > Memoria

14. Incorporación de profesorado participante en Contratos-programa Inclúe.

O profesorado que participe activamente nas distintas modalidades de Contratos-programa Inclúe será incorporado na aplicación pola persoa directora do centro, ou persoa autorizada, que é quen acredita dita participación.

15. Sobre gastos de funcionamento de todas as actuacións.

Non se contempla o financiamento de: obras e equipamento, mobiliario, reparacións, software, intercambios escolares, material inventariable obxecto de dotación por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, gastos asociados a outros plans ou programas promovidos pola Consellería (apartado 8.3 da Resolución), viaxes de ocio (só desprazamentos para actividades directamente vencelladas aos programas) e outros gastos inxustificados e así valorados pola Comisión de selección.

16. Sobre a aplicación informática:

  • Onde está a aplicación? Nesta ligazón.
  • É necesario utilizala? Si. É imprescindible porque toda a xestión da convocatoria se desenvolve a través dela.
  • Quen pode introducir os datos na aplicación? A dirección do centro ou persoa autorizada.
  • Hai que presentar unha solicitude por cada actuación? Non. Cada centro presentará unha única solicitude, independentemente do número de actuacións que solicite.
  • Podo realizar modificacións sobre a solicitude? Si, sempre dentro do prazo de solicitude establecido na convocatoria. Con todo, cómpre ter a precaución de gardar os cambios e xerar e custodiar no centro a última solicitude xerada.
  • Os cadros de texto teñen unha extensión limitada? Si, todos. Cómpre ter a precaución de introducir o texto das caixas sen exceder a capacidade destas. Recomendamos que empreguen o bloc de notas ou o Wordpad (para que limpe o texto oculto, que ocupa caracteres innecesariamente) e logo copien ese texto en Word, que permite contar o número de caracteres. No caso de datos numéricos non se deben poñer decimais. Cando sexa preciso, redondearase o decimal ao enteiro máis próximo. Tampouco poñer o símbolo da porcentaxe.
  • Son definitivos os datos que introduzo no programa? Non. O programa poderase ir completando nos prazos que determine a Asesoría de Programas Educativos co fin de axustar a solicitude aos requirimentos da convocatoria.