A biblioteca e o proxecto de investigación documental O mar

Desde o ano 2009, coa entrada no Plan de mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia, as actividades e iniciativas da biblioteca implicaron cambios fundamentais na dinámica do centro. O desenvolvemento dun proxecto documental integrado, no que participa todo o claustro e se involucra toda a comunidade educativa, fai que a biblioteca sexa o eixe ao redor do cal xiran todas as actividades. Nesta ocasión o tema elixido foi o mar, tan presente e próximo a todos

M.ª Soledad Caeiro Martínez
Profesora e coordinadora da biblioteca do CEIP Montemogos
solecaeiro@edu.xunta.es

Contextualización

A biblioteca onde vive Belusiña é a biblioteca do CEIP Montemogos, o colexio de Beluso, a só 3 km do centro urbano de Bueu, na península do Morrazo, provincia de Pontevedra. E con Belusiña ás veces conviven algúns nenos e nenas do total de 143 alumnos e alumnas que no curso actual están escolarizados nalgunha das aulas de infantil e primaria.

 

Montemogos: Belusiña, a mascota da biblioteca nun caderno viaxeiro

 

É unha sorte para ela vivir nun municipio de marcado carácter mariñeiro, xa que sabe moito do mar e de moitos dos empregos indirectos que xera entre as familias do noso alumnado.

No curso 2009/10, a biblioteca entrou a formar parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia (PLAMBE), o que permitiu incrementar e modernizar os fondos, mellorar espazos e mobiliario e incorporar as tecnoloxías da información e da comunicación. Tamén supuxo iniciar un cambio na metodoloxía. Un exemplo moi claro é o proxecto documental integrado no que participa todo o centro e se involucra o resto da comunidade educativa. A realización deste proxecto serve para crear hábitos de investigación, elaboración e exposición da información entre o alumnado. Pretendemos que o PDI fomente a capacidade crítica e comprensiva do alumnado e lle axude a cada neno e nena a construír a súa propia aprendizaxe.

Neste proxecto, a función da biblioteca é fundamental, pois é o eixe ao redor do cal se desenvolve todo: proporciona os recursos e os medios, elabora un plan de traballo e unhas propostas para xuntar e compartir esforzos.

O equipo que lle dá vida a Belusiña realiza as súas propostas nunha primeira reunión interna. Á hora de elaborar as propostas, tense en conta a posibilidade de contribución ás diferentes áreas do currículo, a adecuación ás distintas competencias, así como o carácter motivador para toda a comunidade educativa.

A coordinadora do equipo trasládalle estas propostas ao resto dos compañeiros nunha xuntanza de claustro co fin de acordar o tema que máis interese. 

No curso 2012/13 decantámonos polo mar, tan presente no día a día da nosa comunidade.

O proxecto en marcha

Por que o mar?

Porque cremos que é necesario que o noso alumnado aprenda a apreciar o que ten máis preto do seu contorno, ese mar no que pesca o avó, para o que fai redes a tía, que nos alimenta, que debuxamos, que nos adormece… e saber que ese mar é moi valioso.

E non só a través de navegar polo mar, que navegamos, ou a través de ver peixes, que os vimos, senón tamén a través de experimentar e de investigar a partir de diferentes fontes documentais e de diferentes tipos de soporte.

Isto acabounos levando a elaborar material de produción propia (libros, carteis…) e a transmitir oralmente as nosas aprendizaxes para darlles a coñecer a outras persoas o que experimentamos e sabemos do mar.

Como comezamos?

Unha vez consensuado o tema obxecto de estudo, neste caso o mar, comeza para o equipo de biblioteca e todas as persoas que queiran colaborar a fase de documentación e recompilación da información. Este traballo é moi importante xa que facilitará o desenvolvemento de todo o proxecto.

Na selección temos en conta algúns puntos importantes:

  • Soportes variados.
  • Idade do alumnado.
  • Importancia das fontes orais. Neste caso a achega de coñecementos por parte da comunidade, non só das familias, foi importantísimo.
  • Información fiable, sobre todo cando falamos de soporte web.

Toda a documentación está á disposición de quen a necesite. Para a súa difusión unha das ferramentas máis importantes é o blog Bibliomontemogos.

O proxecto vai encamiñado a que realmente se tente facer co alumnado un traballo de busca, tratamento e comunicación da información e o PDI non quede desvalorizado, limitándose a relacionalo coas celebracións tales como o Día da Paz, Entroido...

 

Organización das actividades

Ao principio de cada trimestre os equipos de biblioteca, dinamización da lingua galega e tecnoloxías da información e da comunicación programamos actividades conxuntas para todo o centro, que serven de motivación cara ao proxecto e que se articulan arredor de dous eixes diferentes.


Por unha banda, as actividades no ámbito centro que xiran arredor das conmemoracións (Nadal, Entroido, Paz…) que teñen unha función vertebradora, unificadora e motivadora. Son propostas variadas que inclúen investigación, lecturas, expresión oral, expresión plástica, dramatizacións, tecnoloxías da información e da comunicación… e que pretenden abranguer a maior parte das áreas do currículo dos diferentes ciclos e potenciar a adquisición das competencias básicas no alumnado.

 

Montemogos: Traballo de educación emocional e expresión escrita arredor da paz

 

Doutra banda atópase o traballo nos ciclos e nas titorías. Neste caso as propostas parten dos equipos de ciclo ou das aulas. A biblioteca funciona como un centro de recursos que proporciona todo o que se solicita desde as titorías, non só o acceso á información (libros, páxinas web, fontes orais…) senón tamén a organización de tempos e espazos para compartir o aprendido.

As saídas educativas planifícanse en función do tema escollido para o proxecto: visitamos o Museo do Mar onde fomos pescadores, o Museo Massó onde aprendemos que existe o bote polbeiro, o cabo Udra onde descubrimos a vexetación e a fauna da nosa contorna, o mercado de abastos onde coñecemos un oficio relacionado co mar, diferentes tipos de peixes…

 

Montemogos: Visita ao Museo do Mar en Vigo

 

A interrelación do centro co contorno e a comunidade é fundamental e sempre nunha dobre dirección. Tentamos achegarlle ao alumnado as fontes orais próximas, o saber da comunidade a través de charlas, exposicións, obradoiros… nos que contamos coa colaboración e participación das familias. Así, pola nosa biblioteca navegaron mariñeiros, mariscaron percebeiras, fixeron redes as redeiras… As familias participaron con actividades que lles gustaron moito aos nenos e nenas.

 

Montemogos: Percebeiras da Illa de Ons)

 

Noutros casos quixemos ser nós os que achegásemos o mar á comunidade escolar a través do recitado conxunto do poema “Deitado fronte ao mar”, agasallo dun calendario con refráns mariñeiros, desfile pola localidade disfrazados para representar medusas, peixes arco iris, piratas, mexillóns, pescadores…, agasallo dun tríptico polo Día Internacional do Mar, exposición dos diferentes obxectos, aparellos e demais elementos achegados polas familias en relación co mar (cunchas, nasas, áncoras, nós, cadros…), exposición “Un mar de poemas” elaborados coa colaboración das familias…

A través destas actividades e dalgunhas outras, o colexio foi cambiando pasiño a pasiño. O macromural do mar e o ceo da entrada (elaborado conxuntamente por todo o alumnado) ían mudando en función dos diferentes eventos que se ían celebrando. Así, pola entrada do colexio nadaron peixes de desexos polo Nadal ou veleiros da paz no mes de xaneiro, que incidiron na mellora da competencia socioemocional do alumnado.

Para este tipo de actividades o equipo de biblioteca facilitou os materiais e recursos para que cada titoría emprendese as tarefas. Encargouse da organización dos grupos de traballo. A coordinadora da biblioteca recolleu as achegas do resto do profesorado nunha xuntanza colectiva co fin de recibir suxestións ou propostas de mellora.

Para facilitar o acceso á información, o equipo de biblioteca creou un banco de recursos e recompilou unha escolma de fondos relacionados co proxecto en distintos soportes, co fin de que servisen de base para distintas tarefas, como a realizada por un grupo de alumnos que se encargou da etiquetaxe (co nome en galego, español e o seu orixinario en latín) dos distintos elementos relacionados co mar achegados polas familias ou para que o alumnado investigase sobre a temática dos disfraces de Entroido (augamares, peixes arco iris, piratas…). O banco de recursos creado polo equipo de biblioteca tamén foi empregado nas Horas de Ler, neste sentido en abril, mes dos libros, leváronse a cabo “lecturas do mar”.

No mes de maio e con motivo da XXVI Semana Cultural e das Letras Galegas, contamos con relatores no propio colexio que nos subministraron información. É o caso dos obradoiros de educación ambiental e reciclaxe impartidos polo persoal da Aula de Natureza de cabo Udra ou o caso de dúas persoas da comunidade escolar que lle ensinaron ao alumnado a realizar nós mariñeiros básicos. Tamén contamos coa posta en escena da obra A gaivota Antón e das exposicións, cedidas polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) “Coidando o mar” e “Áreas marítimas protexidas”.

Co fin de procesar e elaborar a información obtida por parte do alumnado, realizouse un traballo que abrangue as distintas áreas curriculares e no que se implica todo o profesorado e o alumnado. O resultado consistiu na exposición oral dos traballos e na súa publicación n nosa revista escolar FIADEIRO.

Outra maneira de mostrar a participación das familias foi a través dos cadernos viaxeiros, onde desenvolveron microproxectos sobre o tema.

 

Os cadernos viaxeiros, que van dentro das Mochilas Viaxeiras, trouxeron á escola traballos elaborados en familia.

 

A revista escolar acolleu os traballos finais do alumnado

 

Os traballos de investigación desenvolvidos polas titorías, ciclos e especialistas foron os seguintes:

 

CICLO OU ESPECIALIDADETEMA
INFANTIL

-O POLBO

-BITS: peixes da nosa ría

-OS PIRATAS

-O PERCEBE

-Conto O PEIXE ARCO IRIS

-URBANO LUGRÍS, o pintor do mar

-CURIOSIDADES DO MAR

1º CICLO

-A NOSA COSTA

-AS MEDUSAS

2º CICLO

-A PRIMEIRA VOLTA AO MUNDO

-O TESOURO DE RANDE

-A CAZA DAS BALEAS

-A PESCA DO BACALLAU

3º CICLO

-MICRORRELATOS MARIÑEIROS

-TALLER DE POESÍA

-CLASIFICACIÓN DAS MOSTRAS ACHEGADAS PARA A EXPOSICIÓN

INGLÉS-ABOUT OUR FISH AND SHELLFISH
MÚSICA

-SON DE MAR

 

Avaliación

A avaliación é unha parte primordial dentro do proceso porque nos permite identificar problemas e solucionalos para futuras propostas.

Durante o desenvolvemento do proxecto, as nenas e os nenos son os protagonistas da aprendizaxe: investigan, aprenden a buscar a información, a organizala e logo a transmitila. Desenvólvense todas e cada unha das competencias básicas, especialmente aquelas máis relacionadas co traballo na biblioteca escolar, como a competencia de aprender a aprender, a competencia artística e cultural, a competencia en comunicación lingüística e a competencia informacional e dixital.

O grao de participación acadado foi moi alto, xa que o tema resultou moi próximo ao alumnado e ás familias, isto permitiunos contar cos “saberes” da comunidade, que gustosamente compartiu con nós.

Na enquisa de avaliación final que cobren as familias ao remate do curso, os ítems relacionados co funcionamento da biblioteca obtiveron unha puntuación media moi satisfactoria.

Chegamos á conclusión de que a comunicación do aprendido é unha parte primordial da aprendizaxe, polo tanto, deberemos potencialo programando mellor os tempos e aproveitando a semana cultural, que se celebra en maio, para achegar ás familias e completar así todo o proceso.

Por último, destacar a implicación de todo o claustro, fundamental para o éxito do traballo realizado.

 

Sección: