A moda, ás veces, incomoda

Experiencia didáctica de educación para o consumo realizada no CEIP de Lourido-Poio (Pontevedra) (Programa “Consumópolis”)
A través da participación en Consumópolis 8, o alumnado do terceiro ciclo de educación primaria realizou unha actividade innovadora e motivadora de cara a traballar o consumo responsable e a calidade de vida, co obxectivo principal de formar cidadáns responsables e críticos que desenvolvan valores básicos para a convivencia.

Contextualización

O Colexio de Lourido ten, entre os seus obxectivos principais, a formación do alumnado e, por conseguinte, de toda a comunidade educativa no que respecta á educación do consumidor, coa finalidade de formar cidadáns responsables e críticos coa sociedade actual. Por este motivo, leva participando en actividades deste tipo desde hai moitos anos. De feito participamos en todas as convocatorias do concurso Consumópolis (e xa van oito), e anteriormente no Concurso do Xoven Consumidor.

Obxectivos

Entre os obxectivos que pretendemos acadar coa participación en Consumópolis están os seguintes:

  • Formar a nosa comunidade coma consumidores responsables, críticos, e solidarios.
  • Utilizar as novas tecnoloxías para afondar na educación do consumidor.
  • Favorecer procesos de ensinanza que leven ao alumnado a “aprender a aprender”.
  • Traballar as competencias básicas que debe acadar o alumnado a través de actividades multidisciplinarias.
  • Concienciar a comunidade educativa da necesidade de modificar os nosos hábitos cotiás para lograr un desenvolvemento máis sostible.

En definitiva, formar cidadáns responsables, que coñezan os seus dereitos, pero tamén os seus deberes de cara á sociedade de consumo que nos toca vivir.

Desenvolvemento

O curso 2012-2013, entre o alumnado do terceiro ciclo formamos sete equipos diferentes: os armadillos, os elfos, os naturais, alumnopolis, as gladiadoras, os informáticos e os natura. Os sete equipos do colexio rexistráronse na páxina web do concurso, escolleron os seus alcumes persoais e entraron no vestidor para deseñar a súa imaxe persoal do concurso. É un proceso divertido que axuda a entrar no xogo.


A partir de aquí, cada equipo comezou o seu percorrido pola cidade de Consumópolis. Neste paseo xorden, en determinados puntos da cidade, preguntas que necesitan resposta antes de continuar. Aquí é onde se necesitan datos para poder dar unha resposta correcta, e se pode ser á primeira (responder ben á segunda ou á terceira quita puntos). O concurso ofrece unhas fichas pedagóxicas que inclúen unha información prolífica sobre temas de consumo responsable e calidade de vida. Nesta parte é onde máis se traballan aspectos coma a lectura comprensiva ou a interpretación da información; en definitiva, o desenvolvemento da competencia lingüística.


Ademais das fichas pedagóxicas tamén utilizamos moita información atopada en internet, nos obradoiros sobre os tres erres que se fixeron no colexio, a información resultante da visita que fixemos a SOGAMA, etc.


A segunda parte do concurso consistía en facer un calendario do ano escolar no que houbera información (imaxes e texto) sobre un tema concreto de consumo. Neste caso o tema era: "Adéstrate ben para o consumo responsable". Podiamos elixir entre varias propostas; unha delas era a compra de materiais deportivos, e outra era o consumo responsable de alimentos e o deporte: a dieta saudable. Os equipos de 6º nivel escolleron como tema de traballo a segunda proposta (dieta e deporte) e os equipos de 5º nivel escolleron a primeira proposta (compra de materiais deportivos). Así cubriamos todo o concurso.


Todos os equipos traballaron arreo e todos eles finalizaron as dúas partes do concurso, presentando os sete calendarios á Fase Autonómica. Pero aconteceu algo especial: un dos nosos equipos gañou esta Fase Autonómica do Concurso.
Esta é a súa historia:
As alumnas que formaron o equipo “AS GLADIADORAS” pertencen ao 5º nivel de primaria do CEIP de Lourido, polo tanto teñen 10 anos de idade.


Para facer o equipo deixóuselles liberdade total, de feito que se puidesen traballar aspectos coma a democracia, os acordos entre iguais e a asunción de diferentes papeis e responsabilidades dentro dun equipo. O nome do equipo “As Gladiadoras” foi escollido por votación entre todas as súas compoñentes. Cada unha das compañeiras escolleu o seu alcume, e despois confeccionaron a súa imaxe na páxina web do xogo; o vestidor resultou moi divertido.


Primeiro explicóuselles como era o concurso, que tiña dúas partes diferentes, unha delas en liña, na que tiñan que percorrer a cidade de Consumópolis respondendo a preguntas variadas sobre temas de consumo, reciclaxe, medio ambiente, etc.


Estiveron facendo unha práctica na demo do concurso para coñecer ben o contorno no que se ían desenvolver.  
As compoñentes do equipo "As gladiadoras" foron Alba Jiménez Pello (music), Fátima Lorenzo Silva (villa 7), Cristina Expósito Rial (cris 9), Camila V. Rey Ramírez (camiluca 15) e Uxía Castro Peón (dansc).   

Antes de comezar o xogo comentamos as bases do concurso e botámoslles unha ollada ás fichas pedagóxicas.  Creamos unha carpeta no ordenador da aula na que copiamos todas as fichas pedagóxicas de consulta, para todos os membros do equipo. Tiñamos tamén máis información sobre temas de consumo:

Como coordinador da actividade propúxenlle ao alumando unha serie de obxectivos para o concurso, que estaban pegados nun papel na zona de informática da clase, para que non se esqueceran. Estes obxectivos foron:

  • Aprender a pensar antes de propoñer nada.
  • Ser responsables do traballo que nos toca facer.
  • Escoitarnos uns a outros con respecto, e votar cando non hai acordo.
  • Aprender a buscar e a contrastar a información.
  • Entender que canto máis coñezamos, menos erros cometeremos.
  • Mellorar na utilización das TIC.
  • Coñecer a relación entre consumo responsable e o coidado do medioambiente e a saúde.
  • Comprender que o consumo ten que ver con moitas cousas da nosa vida (saúde, economía, benestar...).
  • Desenvolver as capacidades básicas:
  • Competencia en autonomía e iniciativa persoal
  • Competencia cultural e artística
  • Competencia social e cidadá
  • Tratamento da información e competencia dixital
  • Competencia para aprender a aprender
  • Competencia lingüística

Utilizáronse varias estratexias de participación:

  • O equipo, no ordenador da aula, na clase de coñecemento do medio, co profesor controlando a participación.
  • Algúns dos membros do equipo na aula de informática do colexio en horas libres ou no recreo, cando rematamos as tarefas diarias, etc.
  • Na casa, cando acababamos os deberes polas tardes, xuntándose varias compoñentes do equipo para facer as probas.
  • Na biblioteca pública de Campelo (Poio) pola tarde.

Foto 1. Traballando na fase en liña.


O percorrido pola cidade de Consumópolis resulta moi divertido, as preguntas resultaban bastante fáciles se se lían con atención, se pensaban ben as posibles respostas e se consultaban as fichas en caso de dúbida.
As recomendacións do profesorado foron sempre na liña de non contestar ao tolo, que pensaran ben as respostas e, se tiñan algunha dúbida, consultaran as fichas, as páxinas web e ás outras compañeiras do equipo. As compañeiras que ían máis adiantadas axudaban ás que quedaban atrás ou non comprendían ben as preguntas.
A pesar de que, ás veces, a présa facía que se contestase un pouco a cegas,  o profesorado valorou moi positivamente esas iniciativas porque demostraban, por unha parte, o seu elevado grao de implicación no tema, e por outra que eran bastante hábiles no emprego das TIC, un dos obxectivos propostos para a actividade.
O concurso empezou no mes de outubro e rematou en decembro.
Tamén comezamos a traballar na confección do calendario. Había que facer un calendario do ano escolar no que se reflectise con imaxes e texto algo referente á temática deste ano. O alumnado de 5º escolleu a compra de materiais deportivos. 
Para a parte do calendario fixéronse unhas táboas en Word que serviron para todos os meses do curso escolar (setembro-xuño), e nelas fomos poñendo todos os días de cada mes. Logo pasáronse a un arquivo de Publisher para ter mellor control do espazo que quedaba para a parte da publicidade.
Para esta parte publicitaria, primeiro pensamos en facer unha banda deseñada con fotos das compoñentes do equipo; pero a unha das integrantes ocorréuselle facelo con bonecas, pensando en que o ano pasado se fixo un conto dunha tartaruga no colexio utilizando unha figura de plastilina e sacándolle moitas fotos para facer o movemento. Ao día seguinte trouxeron as bonecas para a clase e durante varios recreos e noutro tempo que se lles deixou foron facendo as fotos.

Non foi fácil, fixéronse moitos intentos, pensando ben a situación que se quería  representar (unha rapaza que merca roupa deportiva que lle gusta moito, pero que non é útil para a actividade que vai desenvolver). Ao final saíu todo moi ben e montáronse as viñetas no calendario. Elixiuse como título “A moda, ás veces, incomoda”, porque se pretendía facer fincapé na necesidade de mercar as cousas pola súa utilidade e pola necesidade que teñamos, non polo deseño ou as cores, ou por se está máis de moda nese momento. Ademais tamén se pretendía facer ver a importancia de gardar o recibo das nosas compras para posibles cambios ou reclamacións. En definitiva, incidir sobre os nosos dereitos como consumidores.

 

Finalmente subiuse o traballo á páxina do concurso e, a finais do mes de abril, recibimos a noticia de que gañaramos a fase autonómica do concurso e de que o noso traballo ía participar na fase nacional representando a Galicia. Todo un orgullo.

Valoración

Como valoración final de Consumópolis 8, queremos manifestar que a todos nos gustou moito o concurso.
En xeral, as preguntas da cidade de Consumópolis son bastante fáciles, se se pensan antes de responder, e moi interesantes, dado que formulan situacións reais ás que hai que dar unha resposta correcta.
Pensamos que é unha maneira moi boa de traballar a educación do consumidor. Ademais, queremos deixar constancia de que todo o colexio está esperando con moitas gañas que se convoque o novo concurso Consumópolis 9, porque imos participar outra vez con moita ilusión.
Por último, gustaríanos dicir que o día 16 de maio de 2013 unha representación do colexio foi a Santiago de Compostela a recibir o 1º Premio da Fase Autonómica de Consumópolis 8. Foi unha cerimonia moi bonita, aínda que ás integrantes do equipo lles deu un pouco de “corte” porque tiveron que explicar, diante de todo o público, a súa experiencia ao participar no concurso (un novo obxectivo cumprido: falar diante dun público descoñecido).

Foto 7. Entrega de premios de Consumópolis

O profesorado implicado no concurso quere tamén facer as súas reflexións:

  • Consumópolis é unha forma moi boa de traballar as competencias básicas do alumnado dun xeito práctico, ameno e, sobre todo, real.
  • Os traballos realizados polo alumnado son compartidos con toda a comunidade educativa a través da rede, o que contribúe enormemente á súa divulgación, e tamén lles permite coñecer o traballo desenvolvido noutros centros escolares. Isto enriquece moito a súa formación.
  • Foméntase o traballo en equipo, o respecto polas ideas alleas, a capacidade de ceder ante outras ideas diferentes, etc. En definitiva, trabállanse os valores da democracia.
  • Favorece á súa formación crítica como consumidores, sobre todo tendo en conta a situación actual da nosa sociedade (unha sociedade de consumo sumida nunha crise moi grande), de xeito que evolucionen como persoas e actúen de forma racional, solidaria, responsable e sostible.

 

Bibliografía: 

 

 

Para a realización do traballo de todos os equipos do centro utilizaron o seguinte material de axuda:

Sección: