Bibliotecas LIA, ampliando horizontes

A participación no proxecto LIA 2 achegou novos aires á biblioteca do centro. Bibliotecadocole abriu novos camiños para a comunidade educativa, abrindo as portas a unha biblioteca escolar do século XXI.
O Proxecto LIA de biblioteca escolar incorpora a un centro educativo novos enfoques metodolóxicos, novos medios de expresión e comprensión e un espazo para a convivencia e a aprendizaxe que permite educar alumnado do século XXI mediante procesos acordes con este tempo, co obxectivo final de educar cidadáns social e emocionalmente activos con pensamento crítico propio.

Belén Escariz Ferrín
bescariz@edu.xunta.es
CEIP de Quintela (Moaña - Pontevedra)

LIA 2: ampliando horizontes

O Plan de mellora de Bibliotecas Escolares facilitou recursos e formación necesarios para botar a andar as bibliotecas escolares galegas coa calidade do ensino como sinal de identidade.

Bibliotecadocole CEIP de Quintela en Moaña comezou cunha pequena colección catalogada en Biblos que permitía a coordinación de propostas para o fomento da lectura e a iniciación ao traballo documental nas aulas. Ao abeiro do PLAMBE, foron abordadas liñas de actuación referidas á xestión técnica en Meiga, as iniciativas a prol da mellora das competencias ALFIN e AMI, fomento da lectura, formación de usuarios e outras como a inclusión e a participación das familias.

O Plan LIA 2 2016-2020  para a mellora da lectura, a información e a aprendizaxe facilitou que moitos centros puidésemos desenvolver aqueles proxectos que foran medrando curso a curso e que resultaban inabordables pola falta de medios, recursos e espazo.

Para o noso centro era importante que a biblioteca seguise propoñendo novas metas, ampliando horizontes innovadores na metodoloxía e nos recursos, facilitando a aprendizaxe cun compoñente social e emocional. O Plan LIA 2 dinamizou a actividade do centro abrindo novas posibilidades de acción.

Que permitiu LIA 2?

Aquel novo proxecto facilitou o deseño dunha nova biblioteca, máis ampla, acorde coas necesidades que se foron derivando dos novos proxectos formulados no centro, enmarcados todos eles na formación competencial do alumnado; pero dándolles oportunidade á colaboración entre alumnado, á integración das familias e á participación no deseño das prácticas de ensino de entidades ou persoal externo ao centro.

Este novo deseño do espazo da biblioteca tivo a súa repercusión na distribución dos espazos do centro, que foron modificados redimensionándose baixo a perspectiva do metodoloxicamente máis axeitado e adaptándose ás pautas actuais da lexislación no ámbito da educación. Repensar como queriamos que se integrase a biblioteca nos demais proxectos do centro, como os Patios inclusivos, o Proxecto TIC, o Proxecto de ampliación de currículo e outros estarían presentes na biblioteca. Repensar as prácticas do alumnado para progresar na competencia de aprender a aprender, nun marco do aprender facendo ligando a aprendizaxe aos procesos, non tanto ao produto como resultado final.

En definitiva, LIA 2 foi un proxecto que mellorou os espazos de todo o centro ao tempo que formulaba unha biblioteca máis creativa, dinámica e substancial.

Necesitabamos unha biblioteca cun fondo documental máis amplo, para poder facilitarlles recursos e información ás diferentes aulas. Un fondo que se adaptase aos diferentes currículos e centros de interese do alumnado. Lecturas e información para cada lector, lectores para todos os títulos. As necesidades de ampliación deste tipo de fondos, ademais de atender ás necesidades curriculares, permitía a diversificación de lecturas e adecuábase mellor aos gustos e necesidades lectoras do alumnado.

Outro dos obxectivos que pretendiamos acadar ampliando os fondos era o de apoiar as propostas no campo da competencia de aprender a aprender e as habilidades relacionadas coa alfabetización informacional para a busca, selección e elaboración de contidos. Deste xeito, a biblioteca podería nutrir máis facilmente o fondo documental dos proxectos que se desenvolven nas aulas, garantindo así a formación nos procesos de busca bibliográfica que cualifica parcialmente o alumnado para os procesos de busca no medio dixital.

Queriamos tamén facer da biblioteca un espazo máis inclusivo, con novas posibilidades de recursos e fondos adaptados ás necesidades do alumnado. Melloramos os rexistros de lectura fácil e creamos o rexistro de diversidade (entre outras propostas), o que apoiou a idea de adaptar a colección ás necesidades educativas do centro.

Lectura, pero tamén información e aprendizaxe. A nova biblioteca permitiu incluír espazos para a creación de contidos a través das multilinguaxes: a creación audiovisual, a creación plástica e impresión 3D, a robótica, radio escolar, xogos de mesa cooperativos e xadrez. A biblioteca pensada como espazo creativo para deseñar producións propias en calquera dos ámbitos mencionados. 

A biblioteca pensada tamén como espazo para a convivencia, onde fose posible a aprendizaxe compartida, que puidese acoller a todo o alumnado tanto no tempo lectivo como no tempo de lecer. Permitiría organizar espazos para o traballo en grupo con todos os recursos á súa man; permite acoller visitas de expertos e a organización de obradoiros con diferentes propostas e materiais. Na actualidade, a biblioteca é o espazo máis demandado do centro cando se deseñan actividades lectivas e non lectivas por parte de calquera sector da comunidade educativa.

Porque a biblioteca integra e está integrada nos proxectos do centro e pode ofrecer os seus recursos tamén no tempo de lecer, como unha proposta mais do proxecto de Patios inclusivos.

 

O proxecto: ampliando horizontes

Ampliación de espazo, fondos, medios, todas estas pezas encaixan na medida na que os recursos humanos mobilicen a súa participación. É precisa a activación do alumnado, as familias e o profesorado para que a engrenaxe rode fluidamente e poida repercutir na calidade da oferta educativa.

LIA2 facilita a participación do alumnado, que rapidamente demanda o emprego dos medios ofertados á súa disposición. Estes son un axente motivador potente diante das aprendizaxes e o alumnado responde de xeito activo a todas as propostas.

As familias, integradas xa no proxecto, valoran o enfoque que sostén a renovación da biblioteca, participando nos obradoiros, nas charlas de formación, no equipo de apoio á biblioteca, no club de lectura de adultos e nas propostas anuais da biblioteca. A súa participación activa facilitou as tarefas no momento de recoller a colección e volver a distribuíla nos novos espazos creados; o mesmo ocorreu neste curso, cando a introdución no programa Koha fixo necesaria sacar e recolocar nos andeis cada título da colección.

As familias son un importante piar no que se apoia a biblioteca para facer comprensibles os seus obxectivos.

Neste contexto, a biblioteca convértese no espazo máis atractivo do centro, recrea os proxectos que a sustentan (bibliotecas creativas, radio escolar, clubs de lectura, fomento da lectura...) e transmite dinamismo arredor da lectura e da aprendizaxe. 

Outra peza clave dos recursos humanos implicados é o profesorado, que participa da mesma ilusión e entusiasmo: ten á súa man novos recursos para o ensino, que facilitan metodoloxías activas no desenvolvemento das competencias. O novo espazo fomenta o traballo cooperativo permitindo que o alumnado asuma responsabilidades no desenvolvemento das habilidades documentais. Buscamos nos fondos actualizados ou na rede de xeito cómodo e inmediato, con equipamento móbil, tabletas e portátiles. Só con esta accesibilidade se pode desenvolver un programa secuenciado sobre as habilidades e destrezas que debe adquirir o alumnado para buscar, seleccionar, ordenar e elaborar a información, porque nos permite resolver estas tarefas no aquí e agora, relacionadas coas necesidades concretas do día a día.

Redeseñar a biblioteca precisa do compromiso de todo o claustro, para compartir tarefas propias do tratamento da colección inicialmente, mais a garantía do éxito do novo proxecto estará ligada á incorporación nos principios metodolóxicos do profesorado da razón de ser dunha biblioteca activa, innovadora e comprometida co ensino competencial de calidade. 

 

A biblioteca como centro creativo de aprendizaxes

Unha biblioteca innovadora e renovada debe permitirlles ao alumnado e ao profesorado formarse para producir contidos en diferentes formatos, empregando habilidades de expresión múltiples. No deseño da secuencia didáctica, o profesorado pode propoñer que o produto final sexa un dosier, un folleto, unha presentación con soporte gráfico, un vídeo, un xogo de aprendizaxe con soporte dixital e para a súa creación precisamos os recursos da biblioteca.

O espazo croma e de gravación audiovisual reúne o material necesario para gravar e editar vídeos didácticos, informativos, literarios ou de calquera natureza. Conta con focos de iluminación, trípodes, micro, fondo croma...

O espazo dedicado a programación e robótica inclúe tabletas, xogos de programación, pequenos robots, placa Makey Makey etc. Permite o desenvolvemento e a formación en pensamento computacional, sempre como tarefa de grupo, aproveitando a resolución de problemas para desenvolver habilidades sociais e o espírito crítico.

Moitas das competencias atopan na biblioteca amplos recursos para o seu desenvolvemento. Ligada inicialmente á competencia lingüística a través das habilidades da lectura e escritura; a oralidade, protagonista este curso da proposta anual da Asesoría de Bibliotecas Escolares, peza clave no desenvolvemento das relacións sociais do noso alumnado, no apoio á adquisición de coñecemento e en etapas futuras e recurso crucial para a inserción profesional, atopa na radio escolar un dos seus máis potentes recursos. En RadioQuintela conflúen de xeito sincronizado as habilidades citadas, ademais doutras relacionadas coa educación emocional e a competencia social. Sen dúbida, un dos espazos máis apreciados polo alumnado e o profesorado.

O Proxecto LIA incorporou ao noso centro novos enfoques metodolóxicos, novos medios de expresión e comprensión e un espazo para a convivencia e a aprendizaxe que permite educar alumnado do século XXI mediante procesos acordes con este tempo co obxectivo final de educar cidadáns social e emocionalmente activos con pensamento crítico propio.

 

 

Sección: