Unha ponte entre xeracións

Mantendo o contacto e a comunicación en tempos da covid
Experiencia de aprendizaxe-servizo realizada no curso 2020/21 a través de videoconferencias entre o alumnado do ciclo medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e as persoas maiores usuarias dun centro de día da contorna.

Saínza Torres Cancela
PTFP de servizos á comunidade
sainzatc@edu.xunta.es

 

Obstáculos no punto de partida

Comezaba o curso 2020/21 en plena alerta sanitaria e o proceso de ensino-aprendizaxe non tiña trazas de ser moi común. Na liña de saída xa se auguraba un reto complicado, tanto académico para o alumnado como profesional na docencia.

Na rama de formación profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade entran en xogo o contacto coa contorna, a metodoloxía de aprendizaxe-servizo, as experiencias con outros centros e profesionais e, sobre todo, as «vivencias con persoas», as cales, malia non seren imprescindibles para a formación do alumnado, si lles ofrecen tal enriquecemento que poden facer cambiar o seu futuro profesional. E para iso están aquí.

Porén, a situación sanitaria pechou a posibilidade de facer ou recibir calquera tipo de visita. Co obxectivo de evitar contaxios, restrinxíronse os contactos estreitos, os intercambios e a mobilidade en todos eses centros e asociacións que, nos cursos anteriores, tanto enriqueceran a aprendizaxe e a experiencia do alumnado.

Nas clases, as medidas de distanciamento, máscaras, ventilación ou semipresencialidade provocaron unha incomodidade que acompañaría ao longo de todo o curso.

 

Tecnoloxía ao rescate

A busca de solucións e maneiras de favorecer a formación deu lugar a un proxecto entre o alumnado do segundo curso do ciclo medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia (ASPD) e usuarios e usuarias do Centro de Día Os Cortizos, persoas maiores que botaban en falta esa interacción co seu contorno social.

A posta en marcha deste proxecto tiña o desexo de enriquecer ambas as dúas partes —alumnado e persoas maiores—. Foi así como entre todos fomos construíndo unha ponte entre xeracións, unha ponte virtual na que maiores e alumnado estiveron en contacto a través de videochamadas.

 

Organizando a proposta

A execución do proxecto desenvolveuse desde o módulo de Teleasistencia e organizouse da seguinte maneira:

O alumnado dividiuse en pequenos grupos, de dous ou tres membros, e cada un dos grupos «apadriñou» un usuario ou usuaria do centro de día, cos que terían unha videochamada cada venres. Participaron 18 alumnos e alumnas e 10 persoas maiores.

 

Este contacto virtual resultou dobremente beneficioso para o alumnado, pois a clase encontrábase nunha situación de semipresencialidade, onde cada día acudían ao centro educativo nove deles e os outros nove seguían o curso desde a casa. Beneficioso porque, a pesar de non volver verse, as videochamadas permitiron que mantiveran o contacto e continuaran facendo traballos xuntos.

 

Proceso enriquecedor

A experiencia supuxo introducir actividades reais na formación académica do alumnado. Ademais da tarefa máis administrativa propia do módulo de facer enquisas e elaborar documentación, durante as conversas puideron poñer en práctica habilidades sociais e estratexias comunicativas, aumentar o coñecemento do colectivo das persoas maiores, aprender das súas vivencias pasadas, así como coñecer a súa situación actual e como poden eles mellorala a través do seu labor profesional.

Os usuarios do centro de día puideron abrir as súas relacións sociais máis alá do seu contorno próximo, tan reducido nesa nova normalidade. Ademais de vivencialo como unha novidade no seu día a día, permitiulles coñecer o uso de ferramentas tecnolóxicas e practicar con novas canles de comunicación.

 

O alumnado puxo en práctica exercicios de reminiscencia, que favorecen o mantemento das capacidades cognitivas das persoas maiores, e no transcurso das sesións foron recompilando datos das experiencias contadas e construíndo a historia de vida de cada persoa maior coa que falaban.

Tamén houbo tempo para chamadas conxuntas: a de rigor para as presentacións e outra máis distendida onde se cantaron panxoliñas despedindo o 2020 co desexo dun vindeiro ano un pouco mellor...

 

Novas barreiras

A experiencia iniciouse en novembro e a última sesión tíñase prevista para marzo, xusto antes de que o alumnado remate a súa formación académica e comece a súa formación en centros de traballo, pero non puido ser, a situación sanitaria obrigou a pechar temporalmente o centro de día en xaneiro, o que interrompeu a actividade e illou, aínda máis se cabe, as persoas maiores.

A preocupación ante tal desalento transformouse en motivación e o alumnado, co seu traballo, tratou de achegarlles animosidade e proximidade. Por un lado, animando as persoas maiores a moverse ao son de coñecidas cancións e coreografías sinxelas gravadas na aula; por outro, enviando algunha felicitación de aniversario; e por último, entregándolles como produto final das conversas a súa historia de vida, recollida dunha maneira creativa tanto en formato funxible como audiovisual.

 

Vivencia acertada

A pesar das dificultades atopadas, a actividade resultou positiva e sería desexable que esta metodoloxía de aprendizaxe-servizo tivese continuidade en cursos vindeiros, xa que esta experiencia interxeracional fixo posible que o alumnado adquirise e reforzase as competencias necesarias para o trato e atención a persoas maiores, valorase os seus proxectos de vida e se fornecese de valores e actitudes de empatía, escoita activa e axuda mutua, indispensables para o seu desenvolvemento persoal e a súa actividade profesional.

Pola miña parte, quédome coas palabras do alumnado, do cal se pode aprender tanto. Despois de aceptar o reto cun certo medo e algo de nervios, remataron o curso agradecéndolles ao centro e ao profesorado poder «saír da rutina cuns venres diferentes», poder «vivir unha experiencia tan bonita da que aprender tanto», quedaron coas «palabras que nunca antes escoitaran» e coas admirables historias, esas que os maiores non contan «por non aburrir a ninguén».

Quedaron moi lonxe de aburrirse e confío en que coinciden coa súa compañeira, que confesaba no discurso de graduación que «xa non pensa dúas veces en coller o coche e facer 65 km para ver o sorriso da súa avoa ao vela chegar», e con voz alta e clara declara que aos avós non só hai que valoralos, «hai que gozalos». Sigamos o seu consello.

 

Enlaces sobre o proxecto:

  • Curtametraxe do proxecto de colaboración entre o Centro de Día Os Cortizos e o alumnado de segundo de APSD do IES Chapela. Unha ponte entre xeracións
  • Prieto, Ana (12/03/2021). Alumnado do IES Chapela crea unha ponte entre xeracións. Radio Redondela. Artigo Radio Redondela.

 

 

 

Sección: