Trazando pontes

Abrindo fronteiras e pechando portas ao bullying
A experiencia iniciada hai dous anos co equipo de mediación fixo espertar o noso interese na loita contra o acoso escolar e a resolución de conflitos. A necesidade de aprender da experiencia doutros centros e as ganas de amosar todo o aprendido animounos a participar no proxecto europeo pois, a maiores de centrarse na loita contra o acoso escolar, tamén se presentaba como unha opción para mellorar a competencia lingüística en inglés.

Nerea Costa García. nereacosta@edu.xunta.es
María Belén Castelao Rodríguez. castelao@edu.xunta.es 
Manuel Enrique López González. manuelenrique@edu.xunta.es
Xosé Lois Gómez García. xosefroix@edu.xunta.es
IES Xesús Ferro Couselo(Ourense)

 

Vivir nunha sociedade globalizada supuxo a introdución de cambios nas relacións entre as persoas, na pescuda de traballo, nos modos de vida, pero tamén no ámbito da educación, entre outros. Co obxectivo de adaptarse a esta globalización, o IES Xesús Ferro Couselo decidiu somerxerse no programa Erasmus+ K 229 e realizar intercambios con Polonia e Turquía -este último era o país coordinador-. 

Trátase dun proxecto cunha duración de dous cursos escolares. Con esta aventura pretendíase mellorar a competencia lingüística do alumnado nunha das linguas auxiliares, o inglés. Tratábase dunha oportunidade de achegamento a este idioma en contextos máis reais ca nas aulas, onde o noso alumnado puidese descubrir a importancia e a utilidade do manexo dunha lingua vehicular na relación con outras persoas con culturas, tradicións e mesmo relixións diferentes. Alén de mellorar a súa competencia en inglés, este programa tamén pretendeu acadar outro tipo de obxectivos, como a convivencia entre iguais, pois involucrou alumnado de diferentes países con culturas distintas compartindo aulas e mesmo vivendas. Así mesmo, tal e como suxería o título do proxecto Zorbalığa son ver, dostluğa yol ver (Frear o acoso, dar paso á amizade), o tema central sobre o que xiraron todas as actividades realizadas foi a loita contra o acoso escolar ou bullying e esta foi tamén unha das motivacións principais deste intercambio. Todos estes obxectivos foron acadados mediante o seguimento dun programa de actividades de diferente natureza que tiveron lugar dentro e fóra do contexto escolar.

Este proxecto involucrou a toda a comunidade educativa, pero en especial o alumnado de segundo e terceiro curso da ESO, pois coinciden máis ou menos coa idade dos estudantes convidados. Un total de nove familias ofrecéronse como anfitrioas destes rapaces e rapazas e abríronlles as súas portas para conviviren con eles durante unha semana. Neste período de tempo, o alumnado turco e polaco conviviu tanto nas vivendas de acollida como no centro escolar, sempre acompañado dos fillos ou fillas dos seus anfitrións. Previamente á súa chegada, o equipo de profesorado involucrado no Erasmus deseñou unha serie de actividades que se realizaron tanto dentro como fóra do recinto escolar. Así pois, despois de comezar cunha benvida e recepción por parte dos dous concellos involucrados (Barbadás e Ourense) o primeiro día, os alumnos e alumnas estranxeiros puideron participar co resto do noso alumnado en actividades como a celebración da festa tradicional do Magosto no noso centro escolar, a aprendizaxe dunha canción tradicional galega («Amoriños collín») interpretada con frautas e pandeiretas, a creación dun logo para este proxecto, a realización dun quebracabezas anteriormente confeccionado para a ocasión polo profesorado do centro, a proxección dun vídeo que algúns rapaces e rapazas de segundo e terceiro gravaron para presentar a cidade, ou mesmo a asistencia a un pequeno concerto de música tradicional galega interpretada con gaitas por parte dalgúns estudantes do noso centro que reciben clase no conservatorio de música. Así mesmo, leváronse a cabo actividades como a visita guiada á cidade de Ourense, na que participou como guía unha nai dunha das familias de acollida, e tamén ao complexo termal de Outariz, ou unha excursión dun día a Santiago de Compostela, onde percorremos o último traxecto de 5 quilómetros do Camiño de Santiago e visitamos a catedral e a cidade vella.

Por suposto tamén participaron en actividades máis enfocadas a un dos principais obxectivos do proxecto: combater o bullying. Neste sentido, deseñáronse actividades como a gravación dun lipdub, un vídeo no que o alumnado do centro foi representando diferentes situacións de acoso en distintos recunchos do centro e no que participaron tamén os nosos convidados turcos e polacos, que anteriormente axudaron a confeccionar as distintas cartolinas con mensaxes contra o acoso que aparecen no vídeo. Finalmente, asistiron a unha exposición na que o equipo de mediación do instituto, formado por profesorado pero, sobre todo, polo propio alumnado, lles explicou o protocolo que seguimos na mediación dun conflito escolar.

Efectivamente, no curso 2018/19 púxose en marcha no centro o proxecto de Mediación Escolar, xa tramitado no curso anterior. Coa mediación conseguiuse resolver satisfactoriamente casos reais de situacións conflitivas que se deron entre o alumnado e así evitouse que se puidesen converter en casos de acoso máis serios. O bo funcionamento do grupo de mediación levaría a que fosen convidados a presentar a súa experiencia de mediación como medida preventiva do acoso escolar no congreso que Amnistía Internacional realizou en Ourense. As dúas alumnas e os dous alumnos que acudiron como relatores ao congreso remataron a súa exposición co auditorio posto en pé aplaudindo. Isto tivo eco nas redes sociais e o equipo de mediación foi requirido para dar unha rolda de prensa en Madrid, na que pediron que a mediación escolar sexa usada en todos os centros españois.

Precisamente a idea de coñecer como se traballa fóra do noso país, noutras realidades sociais, a problemática do acoso escolar e a mediación, así como tamén a de compartir a nosa experiencia con outras comunidades educativas, foi a que nos animou a participar neste proxecto europeo. O obxectivo, daquela, non só foi desenvolver unha actividade de convivencia sempre enriquecedora, senón colaborar achegando distintos puntos de vista e experiencias nunha aprendizaxe mutua para lograr unha melloría tanto no ámbito individual como colectivo da actividade docente que estamos a desenvolver.

A aposta do IES Xesús Ferro Couselo neste camiño é decidida: así, o fomento das actividades de mediación é notoria, pasando o equipo de mediación de estar formado no curso 2018/19 por 11 persoas (4 profesores/as e 7 alumnos/as), a estar formado no actual por 20 (5 profesores/as e 15 alumnos/as). Teñamos en conta que os beneficios da mediación non só son positivos para os mediados, que ven como os seus problemas de convivencia se resolven, senón tamén para os mediadores, que adquiren estratexias que lles serán moi útiles para toda a súa vida.

De igual maneira, fomentamos a implicación do alumnado na formación a través de programas que iniciamos ao mesmo tempo ca o de mediación, como o de Charlas entre iguais, charlas formativas en temas como o respecto ou a igualdade entre homes e mulleres nas que os relatores son os alumnos e alumnas de bacharelato formados en valores e en oratoria e os receptores son o alumnado de primeiro e segundo da ESO do noso centro e o de primaria dos centros adscritos; ou o de Alumnos titores, polo que un alumno titor de cuarto da ESO apoiará ao longo de todo o primeiro trimestre ao seu alumno tutelado de primeiro da ESO, para facerlle máis doado o paso da primaria á secundaria. Nós propuxémoslles aos centros europeos de Turquía e Polonia estes programas, xunto co de mediación, como medidas preventivas para o acoso escolar. 

Nesta liña, o centro solicitou un novo PFPP 2019/20 cun seminario sobre internacionalización que nos permita desenvolver os nosos propios proxectos europeos nun futuro. Un futuro que, á vista dos datos de participación no actual proxecto de internacionalización, encaramos dun xeito moi optimista: 13 dos 35 profesores do centro (o 34,14 % do claustro) e 132 alumnas/os (39 % do alumnado) colaboran activamente no proxecto Erasmus.

Todo isto a pesar do esforzo e da cantidade de horas fóra do horario lectivo que son precisas para a preparación e desenvolvemento das actividades, e que mostran a ilusión con que toda a comunidade educativa do noso centro está a participar nesta experiencia, que abre un camiño que xa está a seguir o noso novo proxecto en francés na plataforma Twinning: Soy yo y todos mis idiomas. O noso obxectivo é que no vindeiro curso se transforme en outro K 229 entre dous países, España e Francia (concretamente o seu territorio de ultramar das Illas Reunión.) 

Aínda é pronto para valorar o impacto deste camiño iniciado no curso 2017/18. Ao remate do curso 2020/21 estarán finalizados os dous PFPP e o primeiro Erasmus+ e será o momento de analizar se as melloras ás que aspiramos se conseguiron. Pero a experiencia que temos neste momento é moi satisfactoria. É un feito que a conflitividade no centro diminuíu. A motivación para pertencer ao devandito equipo de mediación fixo preciso facer unha selección entre o alumnado candidato, xa que as solicitudes excedían a nosa capacidade para formar novos mediadores. A formación recibida nos PFPP ata agora está sendo valorada moi positivamente polo profesorado, así como a experiencia de internacionalización que nos achega o proxecto Erasmus. Os estudantes están moito máis participativos en todas as actividades escolares en xeral, polo que, en definitiva, pensamos que este é o camiño que hai que seguir: formación, apoderamento do alumnado na resolución de conflitos e participación en proxectos nos que compartir experiencias. 

Animamos a todos os centros a que poñan en marcha proxectos como os que aquí comentamos, pois temos a seguridade de que isto redundará nunha mellora da calidade educativa ofertada

 

 

 

Sección: