Tripulando a igualdade

Unha viaxe para o fomento da igualdade de xénero e a prevención da violencia
Tripulando a igualdade é unha viaxe educativa desenvolvida desde a educación infantil para o fomento da igualdade de xénero e a prevención das violencias machistas que hoxe en día teñen lugar. Este programa desenvólvese no CEIP María Pita da Coruña e autodefínese como un conxunto de responsabilidades sociais e docentes para contribuír aos cambios sociais, compensar as desigualdades en canto ao xénero e crear novos modelos de muller e novas masculinidades.

Helga Vázquez Regueira
helgavr@edu.xunta.es
CEIP María Pita (A Coruña)
 

 

Tripulando a igualdade  é un plan educativo que pretende fomentar a igualdade de xénero (coeducación) e previr a violencia desde a educación infantil. Alén diso, recibiu o Premio Concepción Arenal outorgado pola Deputación da Coruña a proxectos educativos pola igualdade de xénero e o Premio Irene: «La paz empieza en casa» concedido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional a prácticas que contribúen a evitar e erradicar as condutas violentas e a promover a igualdade e a cultura da paz.

 

Este proxecto estivo apoiado polo CFR da Coruña a través dun plan de formación do profesorado no que se desenvolveron diferentes actividades e que tiña como eixes temáticos a convivencia escolar e a xestión socioemocional das aulas.

Por outra banda, Tripulando a igualdade é un conxunto de ilusións e de emocións que pretenden impulsar a infancia como motor do cambio social. Alén diso, medra a partir do sentimento de responsabilidade social (e tamén legal) de catro docentes que decidiron embarcarse nesta aventura —Helga Vázquez (coord.), Susana Naveira, Gutier Pardo e María del Carmen Mato— para que a igualdade de xénero pasase de ser tan só legal a poder desenvolverse nos contextos cotiáns. Deste modo, tamén é un berro á esperanza para que a escola actúe como axente construtor da sociedade do futuro e, polo tanto, como institución rompedora da hexemonía patriarcal e das condutas machistas que hoxe en día teñen lugar.

Alén diso, o alumnado imaxinou e decidiu como quere vivir e como se quere organizar como sociedade. A participación deste foi activa, dinámica e baseada na competencia do emprendemento e iniciativa persoal, así como o apoderamento. Polo tanto, Tripulando a igualdade é un proxecto moi amplo que non está pensado para un momento educativo e persoas concretas senón que máis ben é un proxecto de filosofía educativa no que se desenvolven diferentes tarefas presentadas a un certo número de alumnas e alumnos. A súa intención é que sexa replicable noutros contextos e que desde a educación infantil, e tal como está sucedendo nestes momentos, poida ser adaptable á etapa de educación primaria e, deste xeito, implicar a máis profesorado.

Entre todas as actividades pensadas dun programa inicial, durante o curso 2017/18 seleccionamos as que consideramos prioritarias e que nunha maior porcentaxe implicaban o desenvolvemento da educación emocional, concienciación da identidade de xénero e sexual, visibilización de mulleres ilustres e pioneiras, apoderamento feminino, o uso das TIC e a colaboración das familias. Deste modo, leváronse a cabo as actividades tituladas como:

 

  • Capitana verdadeira, embarca a primeira: visibilidade de mulleres pioneiras e ilustres a través de expresións artísticas ou escritas, robots educativos,   iniciación á realidade aumentada, entre outros.
  • Construíndo un barco: elaboración dun libro de bitácora o viaxeiro e a súa edición tanto escrita como dixital (aínda en desenvolvemento).
  • O teu corpo, o teu temón: reflexión sobre a identidade de xénero e sexual.
  • Xoguetes con rumbo: reflexión e consciencia sobre os roles de xénero.
  • Vento en popa a toda vela: visibilidade de mulleres pioneiras e ilustres actuais (invitación da artista Susana Seivane)
  • 8M: elaboración dun mural  con adxectivos de personalidade e concienciación da identidade emocional.
  • Nós, emocionalmente mariñeiros: coñecemento e identificación das emocións  e consciencia das desigualdades, así como dos sentimentos e consecuencias que xorden a partir destas.
  • Mayday! Disfraz estereotipado: xornada de formación para a comunidade educativa (profesorado, familias e persoal non docente) sobre a concienciación e reflexión da desigualdade de xénero e da violencia machista (invitación de Ana Torres Jack como relatora).
  • Amarrando un conto: elaboración e compilación de libros e recursos educativos para as familias e colaboración nunha sesión de contacontos co alumnado e profesorado do IES Otero Pedrayo (A Coruña ); premiado tamén co Premio Concepción Arenal.
  • Chegamos a porto: elaboración dun anuncio publicitario no que se fai alusión á metáfora sobre a protección contra o machismo e a crema da igualdade e se inicia o alumnado na creación de material audiovisual aplicando a técnica Chroma Key.

Ademais de todo isto, ao longo destas actividades o profesorado elaborou recursos educativos inéditos e propios, así como outro tipo de recursos complementarios que serviron como punto de partida das aprendizaxes: Symbaloos, Wix, (blog/web), marcapáxinas, chaveiros,cadernos, imáns, entre outros. Por outra banda, o proxecto foi difundido a través de diferentes canles de comunicación, entre elas: foros educativos, prensa e redes sociais a través do perfil corporativo @ospitinos  e a etiqueta #TripulandoIgualdade

 

Sección: