Eduga
Published on Eduga (http://www.edu.xunta.gal/eduga)

Inicio > Tripulando a igualdade

Tripulando a igualdade

Unha viaxe para o fomento da igualdade de xénero e a prevención da violencia
Proxeccións [1]

Helga Vázquez Regueira
helgavr@edu.xunta.es [2]
CEIP María Pita (A Coruña)
 

 

Tripulando a igualdade  [3]é un plan educativo que pretende fomentar a igualdade de xénero (coeducación) e previr a violencia desde a educación infantil. Alén diso, recibiu o Premio Concepción Arenal [4]outorgado pola Deputación da Coruña a proxectos educativos pola igualdade de xénero e o Premio Irene: «La paz empieza en casa [5]» concedido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional a prácticas que contribúen a evitar e erradicar as condutas violentas e a promover a igualdade e a cultura da paz.

Exemplo da web de Tripulando a igualdade empregada nas actividades de realidade aumentada

 

Este proxecto estivo apoiado polo CFR da Coruña a través dun plan de formación do profesorado no que se desenvolveron diferentes actividades e que tiña como eixes temáticos a convivencia escolar e a xestión socioemocional das aulas.

Por outra banda, Tripulando a igualdade é un conxunto de ilusións e de emocións que pretenden impulsar a infancia como motor do cambio social. Alén diso, medra a partir do sentimento de responsabilidade social (e tamén legal) de catro docentes que decidiron embarcarse nesta aventura —Helga Vázquez (coord.), Susana Naveira, Gutier Pardo e María del Carmen Mato— para que a igualdade de xénero pasase de ser tan só legal a poder desenvolverse nos contextos cotiáns. Deste modo, tamén é un berro á esperanza para que a escola actúe como axente construtor da sociedade do futuro e, polo tanto, como institución rompedora da hexemonía patriarcal e das condutas machistas que hoxe en día teñen lugar.

Exemplo de actividades baseadas no apoderamento feminino

 

Como obxectivo xeral, pretendeuse concienciar a toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias) de que a desigualdade de xénero aínda é unha realidade. Ao mesmo tempo, intentamos fomentar unha educación baseada no principio de igualdade real de mulleres e homes.

Deste modo, ao longo do desenvolvemento do proxecto comezouse a construír un barco no que o alumnado foi a verdadeira tripulación, as familias, a ANPA e comunidade educativa conformaron o motor, o equipo directivo proporcionou as velas que permitiron coller os mellores ventos e o profesorado apoderouse como o mar que permitiu a navegación. Por outra banda, é destacable o traballo cooperativo en equipo que se teceu entre os membros creadores do programa, sen iso o proxecto non podería ver a luz nin hoxe en día podería ser unha realidade.

Polo tanto, o alumnado enrolouse nunha aventura por diversos lugares imaxinarios, pero que reflectía as desigualdades en canto ao xénero, entre homes e mulleres de hoxe en día. As nenas e os nenos viaxaron nese barco que atracou en diferentes portos e alí esperábanos outros nenos e nenas que vivían nunha situación de desigualdade de xénero. Os habitantes deses espazos presentáronlles diferentes actividades e xogos nos que participar e nos que eran invitados a reflexionar sobre as situacións de desigualdade. Polo tanto, coas actividades e xogos levados a cabo pretendeuse que o alumnado desenvolvese ao máximo o seu propio pensamento e crease as súas propias ideas, tentando o profesorado non influír nas súas conclusións, decisións e respostas.
 

Iniciación á robótica a través do estudo de mulleres ilustres
 

Alén diso, o alumnado imaxinou e decidiu como quere vivir e como se quere organizar como sociedade. A participación deste foi activa, dinámica e baseada na competencia do emprendemento e iniciativa persoal, así como o apoderamento. Polo tanto, Tripulando a igualdade é un proxecto moi amplo que non está pensado para un momento educativo e persoas concretas senón que máis ben é un proxecto de filosofía educativa no que se desenvolven diferentes tarefas presentadas a un certo número de alumnas e alumnos. A súa intención é que sexa replicable noutros contextos e que desde a educación infantil, e tal como está sucedendo nestes momentos, poida ser adaptable á etapa de educación primaria e, deste xeito, implicar a máis profesorado.

Entre todas as actividades pensadas dun programa inicial, durante o curso 2017/18 seleccionamos as que consideramos prioritarias e que nunha maior porcentaxe implicaban o desenvolvemento da educación emocional, concienciación da identidade de xénero e sexual, visibilización de mulleres ilustres e pioneiras, apoderamento feminino, o uso das TIC e a colaboración das familias. Deste modo, leváronse a cabo as actividades tituladas como:

Iniciación á realidade aumentada e uso de dispositivos móbiles con códigos QR

 

  • Capitana verdadeira, embarca a primeira: visibilidade de mulleres pioneiras e ilustres a través de expresións artísticas ou escritas, robots educativos [6],   iniciación á realidade aumentada [7], entre outros.
  • Construíndo un barco: elaboración dun libro de bitácora [8]o viaxeiro e a súa edición tanto escrita como dixital [9](aínda en desenvolvemento).
  • O teu corpo, o teu temón: reflexión sobre a identidade de xénero e sexual. [10]
  • Xoguetes con rumbo: reflexión e consciencia sobre os roles de xénero. [11]
  • Vento en popa a toda vela: visibilidade de mulleres pioneiras e ilustres actuais [12] (invitación da artista Susana Seivane)
  • 8M: elaboración dun mural  [13] con adxectivos de personalidade e concienciación da identidade emocional.
  • Nós, emocionalmente mariñeiros: coñecemento e identificación das emocións  [14] e consciencia das desigualdades, así como dos sentimentos e consecuencias que xorden a partir destas.
  • Mayday! Disfraz estereotipado: xornada de formación para a comunidade educativa (profesorado, familias e persoal non docente) sobre a concienciación e reflexión da desigualdade de xénero e da violencia machista (invitación de Ana Torres Jack como relatora).
  • Amarrando un conto: elaboración e compilación de libros e recursos educativos para as familias [15] e colaboración nunha sesión de contacontos co alumnado e profesorado do IES Otero Pedrayo (A Coruña [16] ); premiado tamén co Premio Concepción Arenal.
  • Chegamos a porto: elaboración dun anuncio publicitario no que se fai alusión á metáfora sobre a protección contra o machismo e a crema da igualdade e se inicia o alumnado na creación de material audiovisual aplicando a técnica Chroma Key. [17]

Ademais de todo isto, ao longo destas actividades o profesorado elaborou recursos educativos inéditos e propios, así como outro tipo de recursos complementarios que serviron como punto de partida das aprendizaxes: Symbaloos, Wix, (blog/web), marcapáxinas, chaveiros, [18]cadernos, imáns, entre outros. Por outra banda, o proxecto foi difundido a través de diferentes canles de comunicación, entre elas: foros educativos, prensa e redes sociais a través do perfil corporativo @ospitinos [19]  e a etiqueta #TripulandoIgualdade [20]

Elaboración de material audiovisual coa técnica chroma key.
 

Por último, e a modo de reflexión, hai que incidir en que a coeducación non remata aquí  senón que educar de modo explícito na igualdade de xénero, na visibilidade das mulleres, na rotura dos estereotipos e na creación de novos roles, así como en novos modelos de masculinidade e de mulleres seguirá sendo necesario nos vindeiros anos. Deste modo, a importancia de replicar algunhas das actividades aquí desenvolvidas, crear outras novas e, sobre todo, conseguir máis profesorado implicado é extremadamente importante para que esta experiencia non quede tan só nunha anécdota. É evidente que moitos itinerarios dos que puxemos en práctica son susceptibles de mellora e, polo tanto, coa mesma ou se cabe máis ilusión coa que comezamos continuaremos con esas liñas de traballo e outras novas. Alén diso, continuaremos loitando e esforzándonos para que as nosas aulas, a nosa escola e a nosa contorna se desenvolvan con cidadáns máis asertivos e cidadás apoderadas, así como nenas e mulleres visibles en múltiples facetas. Esperamos que a nosa escola poida levar a cabo o inicio dun futuro docente responsable, que eduque nas liñas expostas e que nesta traxectoria nos acompañe unha Administración involucrada e sensibilizada, así como unhas familias colaboradoras. En definitiva, pretendemos crear un compromiso social no que se lles permita ás nenas medrar en igualdade e non se restrinxan os nenos a vivir nun mundo desigual [21].

Evidencias:

  • 1. As ligazóns a contidos dixitais que se atopan neste artigo.
  • 2. Fotos enviadas xunto con este artigo.
  • 3. Ligazón ao vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=GBJF8YbJOZQ [22]

 

Resumo: 
Tripulando a igualdade é unha viaxe educativa desenvolvida desde a educación infantil para o fomento da igualdade de xénero e a prevención das violencias machistas que hoxe en día teñen lugar. Este programa desenvólvese no CEIP María Pita da Coruña e autodefínese como un conxunto de responsabilidades sociais e docentes para contribuír aos cambios sociais, compensar as desigualdades en canto ao xénero e crear novos modelos de muller e novas masculinidades.
Imaxe portada: 

Source URL: http://www.edu.xunta.gal/eduga/1672/proxeccions/tripulando-igualdade

Links
[1] http://www.edu.xunta.gal/eduga/secciones-revista/proxeccions
[2] mailto:helgavr@edu.xunta.es
[3] https://tripulandoaigualda.wixsite.com/tripulandoigualdade
[4] https://www.dacoruna.gal/servizos-sociais/area-igualdade/premios-e-concursos/concepcion-arenal-proxectos-educativos-igualdade-xenero
[5] http://www.educacionyfp.gob.es/prensa/actualidad/2018/11/280181120-premiosirene.html
[6] https://twitter.com/ospitinos/status/984143046257336324
[7] https://twitter.com/ospitinos/status/988775998257860608
[8] http://twitter.com/ospitinos/status/1008740075931389954
[9] https://twitter.com/ospitinos/status/1058471294390415362
[10] https://twitter.com/ospitinos/status/940603490006642689
[11] https://twitter.com/ospitinos/status/943126812133085184
[12] https://twitter.com/ospitinos/status/1002074314957606913
[13] https://twitter.com/ospitinos/status/971025554349678592
[14] http://https://twitter.com/ospitinos/status/954371721020280833
[15] https://anatorresjack.weebly.com/blog/no-ceip-maria-pita-ganadores-do-premio-concepcion-arenal
[16] http://https://twitter.com/ospitinos/status/988408035516338177
[17] https://twitter.com/ospitinos/status/1004973375956094977
[18] https://twitter.com/ospitinos/status/973200932354822145
[19] https://twitter.com/ospitinos
[20] http://https://twitter.com/hashtag/TripulandoIgualdade?src=hash
[21] http://https://www.youtube.com/watch?v=GBJF8YbJOZQ
[22] https://www.youtube.com/watch?v=GBJF8YbJOZQ