Muller, ciencia e tecnoloxía no IES de Brión

Este artigo recolle o traballo desenvolvido no IES de Brión ao abeiro do programa Rapazas emprendedoras nas TIC do Plan Proxecta no curso 2016/17. A detección dunha importante fenda dixital de xénero levou a profesorado dos departamentos de Tecnoloxía, Debuxo, Física e Química e Bioloxía a desenvolver accións orientadas a visibilizar o papel da muller no contexto STEAM e ao empoderamento das alumnas a través das TIC. Entre outras accións, recolle o traballo realizado a partir da convocatoria Wisibilízalas da Universidade Pompeu Fabra para a creación dunha páxina web que describise a carreira de mulleres españolas contemporáneas que traballen no ámbito das TIC e na que o noso alumnado conseguiu o terceiro premio cunha páxina web elaborada en html. Estas actuacións foron descritas como parte da memoria presentada aos Premios Proxecta de Innovación Educativa 2017 nos que o traballo do centro foi recoñecido cun accésit.

Luz Ramos López, profesora de Tecnoloxía
ma.luzramos@edu.xunta.es
Xabier Lorenzo Abalde, profesor de Debuxo
xlorenzo@edu.xunta.es
IES de Brión (A Coruña)

 

Contextualización

No IES de Brión vimos desenvolvendo desde hai xa máis de dez anos unha serie de actuacións orientadas á innovación e á mellora da calidade educativa. Unha das actuacións básicas que permite dar soporte a diferentes proxectos é a introdución das novas tecnoloxías como elemento clave nas actividades de ensino-aprendizaxe, dentro e fóra das aulas. Empregamos regularmente aulas virtuais, blogs para diferentes proxectos, a rede educativa Agueiro e outras múltiples plataformas que facilitan a aprendizaxe colaborativa en rede e para a elaboración, documentación e difusión dos traballos.

Desde o curso 2009/10 os departamentos de Tecnoloxía e Debuxo vimos desenvolvendo unha serie de proxectos interdisciplinares co alumnado de bacharelato. Estes traballos tiveron, en case todas as súas edicións, repercusión fóra da aula. Co paso do tempo, fomos ampliándoos a alumnado doutros niveis, en ocasións incluso traballando conxuntamente. Desde hai varios anos vimos participando en diferentes certames, feiras e outras convocatorias (véxase o anexo 1), pois consideramos que estes repercuten moi positivamente na motivación do alumnado, permiten compartir experiencias e contrastar resultados.

Unha das liñas de traballo por proxectos céntrase na robótica e na programación. Traballamos especificamente programación e robótica en diferentes niveis e incluímos contidos propios destas áreas en materias como Tecnoloxía, TIC, EPVA e Debuxo Técnico. Este mesmo curso inauguramos un espazo chamado Laboratorio de formas, procesos e materiais, que está equipado con material para desenvolver procesos escultóricos básicos, robótica e impresión 3D. Este espazo está aberto a desenvolver proxectos tecnolóxicos con estudantes de calquera nivel. O noso alumnado aprende a programar en Scratch, Arduino, Python e html; manexa software específico para a creación de gráficos vectoriais e a modelaxe 3D; ademais está familiarizado con hardware libre como Arduino, Raspberry Pi e impresoras 3D.

Tratamos cada vez máis de que estas accións se desenvolvan nun marco de referencia que organice e avale o traballo realizado, un contexto que permita estender a incorporación destas metodoloxías activas a cada vez máis materias, animando, comprometendo e formando ao profesorado. Detectamos a necesidade de dotar ao centro dunha estrutura que dea soporte a unha serie de cambios metodolóxicos introducidos estes pasados cursos traballando en proxectos interdisciplinares, participando no Plan Proxecta, en Contratos Programa e en diversos certames e convocatorias. Consideramos que é necesario un modelo integral de enriquecemento para o centro que facilite a implantación de metodoloxías que detecten e estimulen os talentos, atendan ás diversidades e promovan o empoderamento do alumnado.

No curso 2016/17, por exemplo, un grupo de profesores/as estivemos participando nun grupo de traballo sobre metodoloxías SEM, para o aproveitamento dos diversos talentos do alumnado. Consideramos importante que o profesorado difunda as súas prácticas educativas entre profesorado noutros contextos. Nestes últimos anos colaboramos en múltiples ocasións con relatorios en actividades de formación de profesorado organizadas por diferentes asociacións profesionais e outras entidades e no Mestrado Universitario en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas da USC e no mestrado equivalente da Universidade de Vigo.

Entendemos que os esforzos e resultados acadados ata o momento coa progresiva introdución das novas tecnoloxías e metodoloxías asociadas, sobre todo no referido ao traballo colaborativo en rede, poderían ser unha valiosa ferramenta que dese soporte ao desenvolvemento dun modelo SEM e ao desenvolvemento interdisciplinar das materias STEAM.

 

Introdución

A pesar dunha presenza cada vez máis normalizada das TIC no noso centro e do interese e consideración que o alumnado en xeral vén demostrando polas materias tecnolóxicas, no IES de Brión tamén detectamos unha importante fenda dixital de xénero que pon en desvantaxe as rapazas fronte aos rapaces no acceso ás materias tecnolóxicas. Os datos de matrícula das materias optativas e de libre elección no noso centro, así como os de centros de educación secundaria da contorna aos que se lles consultou, revélannos unha desigualdade no número de rapaces e rapazas matriculados nas materias relacionadas coa tecnoloxía en xeral e coas TIC en particular, mesmo sendo elas as que, polo xeral, acadan mellores resultados. Esta tendencia empeora a medida que aumenta o nivel académico, como se amosará nos datos recentes do IES de Brión que, ata onde sabemos, son similares aos da maioría dos centros de Galicia.

Na formación universitaria arredor dun 20 % de mulleres cursan graos relacionados coas TIC, un 17 % se nos referimos concretamente a Enxeñería Informática. Estas porcentaxes véñense reducindo nos últimos 10 anos, o que supón que, lonxe de progresar na consecución dun equilibrio, a fenda dixital de xénero engrósase de modo alarmante nun contexto no que as tecnoloxías están incrementando a súa presenza en todos os aspectos das nosas vidas e profesións. Estímase que nun futuro próximo o 90 % dos postos de traballo requirirá competencias dixitais. Sábese do déficit de profesionais para a cobertura de postos de traballo no ámbito das TIC e espéranse ata sete millóns de postos de traballo en Europa relacionados coas materias STEAM en 2025. A fenda dixital de xénero no ensino e a xa existente no sector profesional relacionado coas TIC excluirán unha importante parte da poboación feminina do acceso a infinidade de traballos, o cal incrementará as desigualdades laborais por razón de xénero.

A gravidade da situación, as consecuencias para o futuro das nosas alumnas, a posibilidade de intervención directa e a responsabilidade que como educadores temos na formación integral e o desenvolvemento persoal do noso alumnado obrígannos a deseñar accións de aula e de centro orientadas ao empoderamento das nosas alumnas coa finalidade de reverter a situación na nosa contorna educativa. Decidimos canalizar diferentes actuacións a través dos programas do Plan Proxecta Mulleres emprendedoras nas TIC e Aprendo programando no curso 2016/17. No actual curso 2017/18 continuamos a traballar neses programas.

Obxectivos

  • Reflexionar sobre a menor visibilidade das mulleres en ciencia e tecnoloxía.
  • Dar visibilidade a mulleres que traballan no ámbito das TIC.
  • Potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia, a tecnoloxía e no emprendemento nas TIC.           
  • Potenciar vocacións científico-tecnolóxicas nos adolescentes e en particular nas rapazas.      
  • Fomentar o emprendemento das rapazas de secundaria a través das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).
  • Ofrecer vías para a participación das alumnas en accións de creación no ámbito das TIC nas que elas sexan as protagonistas, non simples usuarias.
  • Introducir novas formas de traballo colaborativo e cooperativo, no cal os valores, as competencias e a promoción cultural e tecnolóxica do contorno cobren unha vital importancia.
  • Desenvolver o hábito de autoavaliar e coavaliar o seu traballo e establecer modificacións para melloralo.

 

Actividades

1. MULLERES EN ÁMBITOS CIENTÍFICOS E TECNOLÓXICOS

Materia: TIC I Curso: 1º de bacharelato

Descrición da actividade:

1.1 Busca de información: aproximación á situación sobre a presenza das mulleres no ámbito TIC a partir da busca de información empregando fontes fiables e de referencia que ofrezan datos sobre o número de mulleres fronte ao de homes que cursan estudos técnicos e traballan en sectores relacionados coas TIC.

Os datos máis relevantes introducíronse nunha folla de cálculo ou base de datos e elaborouse un pequeno informe a partir destes.

1.2 Creación de follas de cálculo:

- Creación e edición de táboas que recollan e expresen os datos de matrícula do alumnado do IES de Brión nas materias relacionadas coa tecnoloxía.

- Elaboración de gráficos que amosen os resultados nos últimos cursos académicos por materia e nivel.

Distribución de rapazas e rapaces nas optativas de primeiro e segundo da ESO

 Distribución de rapazas e rapaces nas optativas de cuarto da ESO

Distribución de rapazas e rapaces no bacharelato científico-tecnolóxico en primeiro de bacharelato

Distribución de rapazas e rapaces no bacharelato científico-tecnolóxico en segundo de bacharelato

 

1.3 Creación de bases de datos: creación duna base de datos a partir dos datos de matrícula do alumnado do IES de Brión nas materias relacionadas coa tecnoloxía.

1.4 Creación de formularios en liña: edición de formularios en liña co servizo de Google Drive que permitan identificar os motivos da elección das rapazas sobre motivación, futuros estudos, motivos da elección e posibles estereotipos. Análise dos resultados obtidos.

Metodoloxía:

O grupo aula repártese en catro grupos e cada un deles realiza unha fase da proposta, edítanse as conclusións do proceso realizado e expóñense na aula.

Resultados:

- Identificación da problemática da desigualdade de xénero no ámbito TIC.

- Cantidade e calidade dos produtos creados que reflicten a realidade: informes da busca de información, gráficos, base de datos e formularios.

2. MULLERES NA TECNOLOXÍA

Materia: Tecnoloxía Curso: 4º de ESO

Descrición da actividade:

- Creación de produtos dixitais colaborativos sobre mulleres de especial relevancia no ámbito científico-tecnolóxico a partir da visita virtual e real ás exposicións MujerTekSpace, hasta el infinito y más allá e Premios María Josefa Wornerburger. Mulleres galegas na ciencia e tecnoloxía.

- Creación de actividades interactivas, empregando a ferramenta Kahoot sobre o desenvolvemento tecnolóxico realizado por mulleres ao longo da historia.

 Kahoot Muller, ciencia e tecnoloxía

 

Metodoloxía:

Preséntase a información das exposicións ao grupo aula e compártese co alumnado. A continuación repártese o traballo en grupos de forma que un grupo crea formatos dixitais (presentación, liña do tempo e formulario) e outros grupos crean contidos sobre mulleres do ámbito tecnolóxico ao longo da historia. Unha vez creados os produtos polo alumnado, compártese co grupo aula na comunidade educativa virtual Agueiro e proponse un kahoot como actividade final.

Resultados:

- Contidos colaborativos creados: liñas do tempo, presentacións e formularios.

- Cuestionario elaborado co kahoot sobre a temática.

3. WISIBILÍZALAS

Materias: EPVA de 4º de ESO e TIC I de 1º de bacharelato

Descrición da actividade:
Participación na primeira edición da convocatoria Wisibilízalas do Departamento ETIC da Universidade Pompeu Fabra de creación dunha páxina web que describa a carreira de mulleres españolas contemporáneas que traballen no ámbito das TIC empregando html para o deseño e Gimp e Inkscape para a creación e tratamento das imaxes.

Páxina web "Mulleres TIC"

 

Páxina web "Mujeres tecnológicas"



Metodoloxía:

O reto final da creación da páxina web pasa por varias fases previas que se propoñen ao alumnado: organización de grupos de traballo nas aulas, asignación de tarefas: tratamento de imaxes, busca de información e selección das mulleres que se van investigar, redacción dos perfís, edición das páxinas web empregando html e difusión na web do centro e nunha pequena exposición con códigos QR que leven ás páxinas creadas.

Resultados:

Páxinas web elaboradas, as imaxes de portada e das mulleres escollidas, unha pequena exposición sobre as mulleres estudadas.
A páxina de "Mulleres TIC" acadou o terceiro premio na primeira convocatoria de Wisibilízalas e acadou boa acollida e repercusión no contexto escolar e nos medios de comunicación:

4. OBRADOIRO MAKEY-MAKEY

Materia: TIC I

Cursos: 1º de bacharelato 1º de ESO

Descrición da actividade:
Obradoiros lúdico-formativos e para a difusión da tecnoloxía, a robótica e a programación destinados a alumnado de primeiro da ESO, deseñados e elaborados por alumnado de primeiro de bacharelato empregando o Makey-makey.
A maioría das propostas fundamentábanse na adaptación de diversos elementos como interface para a manipulación ou interacción con gráficos ou sons (escaleira-piano, joystick artesanal, batería reactiva, mariola electrónica, teclado de plastilina...).

Metodoloxía:
O alumnado de primeiro de bacharelato na materia de TIC, organizado en pequenos grupos, deseñou diferentes aplicacións e os correspondentes dispositivos para o seu manexo empregando, entre outros, os Makey-makey que gañaran no concurso Wisibilízalas. Elaborou unha breve descrición do seu funcionamento e realizou probas e axustes. Posteriormente, e como parte das actividades dunha xornada dedicada a obradoiros para todo o centro, foille explicando ao alumnado de primeiro da ESO en que consistía cada unha das aplicacións ou xogos. Este alumnado tivo ocasión de probar os materiais elaborados e interesarse polo seu deseño.

 Obradoiro Makey-makey

 

Resultados:
- O propio obradoiro, no cal interactuou alumnado de diferentes idades e no que as rapazas de primeiro da ESO tiveron como referentes rapazas de maior idade que as aproximaron á tecnoloxía a través do xogo.
- Os diferentes dispositivos de xogo para interactuar creados polo alumnado.

5. MULTICONFERENCIA DÍA INTERNACIONAL DAS RAPAZAS NAS TIC

Materia: Tecnoloxía 4º de ESO

Descrición da actividade:
Participación no Día Internacional das Rapazas nas TIC, coa multiconferencia con catro destacadas galegas emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC o 27 de abril do 2017 organizada polo CESGA. As mulleres participantes foron: Carmen Cotelo, Nieves Brisaboa, Alba Alonso e M.ª Jesús Taboada.

Metodoloxía:
Visión na aula da videoconferencia. Posterior debate a partir dela comentando criticamente e relacionando as argumentacións coa temática muller e tecnoloxía na actualidade.

Resultados:
- Recoñecemento e visibilización de mulleres galegas relacionadas coas TIC.
- Consolidación de referentes femininos no eido tecnolóxico.
- Coñecemento de diversas opcións dispoñibles no contexto laboral relativas ás TIC.

6. DESEÑO DE APLICACIÓNS INFORMÁTICAS COA FERRAMENTA SCRATCH

Materia: Programación 1º de ESO

Descrición da actividade:
Este proxecto nace ao abeiro do certame do CPETIG Deseño de aplicacións informáticas coa ferramenta Scratch do programa Aprendo programando do Plan Proxecta.

Metodoloxía:
Propúxoselle ao alumnado o deseño da totalidade dos elementos que integran as aplicacións: concepción dos elementos, dinámicas de xogo, obxectivo, elementos gráficos e textuais. Os grupos distribuíron os distintos roles e tarefas segundo os seus propios intereses. Favoreceuse a rotación de roles e responsabilidades a través do diálogo e co acordo co alumando, prestando especial atención á distribución por xéneros. Promoveuse que o alumnado obtivese información para o proxecto preguntando a profesorado doutras materias, ademais de obtela directamente sobre todo de Internet. Promoveuse o uso combinado das tecnoloxías DAO e outras técnicas na elaboración dos elementos gráficos. Promoveuse un uso o máis consciente posible dos aspectos matemáticos e lingüísticos implicados no proxecto.

Resultados:
- Todos os grupos crearon aplicacións e dous traballos foron seleccionados como finalistas na segunda edición do certame. As propostas seleccionadas, ao redor do tema convivir en igualdade, foron as seguintes:
"Igualdade (the game)" Grupo liderado por unha alumna.
"As respostas segredas" Grupo formado integramente por rapazas.

Igualdade the game

 

7. TALLER DE ROBÓTICA

Materias: Tecnoloxía, EPVA, Tecnoloxía Industrial I e Debuxo Técnico I
Cursos: 4º de ESO e 1ºde bacharelato

Descrición da actividade:
Montaxe, deseño de compoñentes e programación de robots para participar na III Competición de Robots da EEI de Vigo.

Metodoloxía:
Montaxe e programación en pequenos grupos dos robots, empregando os contidos básicos de control e robótica.
Creación de pequenos grupos que opcionalmente deseñaron e trazaron tapices, e modelaron en 3D e imprimiron accesorios para os robots.
Asignación de tarefas e roles de liderado con criterios de discriminación positiva por cuestión de xénero.

Resultados:
- Participación na III Competición de Robots da EEI de Vigo.
- Primeiro, segundo e cuarto posto dos tres equipos participantes na competición na categoría de cuarto da ESO. O primeiro posto foi para o equipo formado por catro rapazas.

III Competición de Robots da EEI de Vigo

 

 

8. MULLERES CIENTÍFICAS

Materia: Física e Química de 2º de ESO

Descrición da actividade:

Investigación sobre diferentes mulleres científicas e elaboración de murais divulgativos sobre elas. Estes murais expuxéronse na entrada do instituto para conmemorar o Día da Muller e da Nena na Ciencia (11 de febreiro).

Metodoloxía:

Unha primeira fase de traballo en pequeno grupo para documentarse e investigar en diversa bibliografía pero sobre todo a través de rede.

Unha segunda fase dedicada á creación dos murais sintetizando a información, elaborando cabeceiras, gráficos e outras imaxes.


Resultados:

Murais divulgativos sobre mulleres científicas e exposición na entrada do instituto.


9. XINCANA MULLERES CIENTÍFICAS NA BIOLOXÍA E XEOLOXÍA

Materias: Bioloxía e Xeoloxía

Cursos: 1º de ESO e 1º de bacharelato

Descrición da actividade:

Coa intención de conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena da Ciencia (11 de febreiro), alumnado de primeiro de bacharelato deseñou unha xincana temática sobre mulleres importantes nos eidos da bioloxía e da xeoloxía.
Os obxectivos que se perseguían coa realización desta tarefa foron:

  • Familiarizarse coas achegas realizadas por mulleres científicas en diferentes campos da bioloxía e da xeoloxía.
  • Comprender as dificultades que estas mulleres tiveron que superar para levar a cabo os seus traballos.
  • Estimular o espírito emprendedor do alumnado e a curiosidade cara á actividade científica e investigadora.
  • Realizar buscas de información utilizando as fontes axeitadas. Comprender, analizar e sintetizar a información recollida para elaborar documentos sinxelos.
  • Estimular a participación do alumnado en actividades encamiñadas a lograr a igualdade de oportunidades entre xéneros.

O alumnado que tomou parte na xincana completou un cuestionario con preguntas sobre as mulleres científicas sobre as que trataba esta, para o que utilizou os apuntamentos recollidos durante a realización da proba.

Metodoloxía:

Nunha primeira fase, o alumnado de primeiro de bacharelato organizou a xincana e creou un cuestionario final.

Nunha segunda fase, o alumnado de primeiro da ESO que participou nela completou un cuestionario con preguntas sobre as mulleres científicas sobre as que trataba esta, para o que utilizou os apuntamentos recollidos durante a

realización da proba.

Resultados:

- Xincana temática sobre mulleres importantes nos eidos da bioloxía e a xeoloxía.

- A valoración da actividade a cargo do alumnado de primeiro de bacharelato foi moi satisfactoria e o alumnado receptor tamén valorou moi positivamente a actividade.


10. PROGRAMA DE RADIO MULLER, CIENCIA E TECNOLOXÍA

Materias: Bioloxía e Tecnoloxía

Curso: 3º de ESO e 1ºde bacharelato

Descrición da actividade:
Organización e gravación do programa de radio en Radio emBrión (a radio do centro) Muller, Ciencia e Tecnoloxía para reflexionar, compartir e analizar a relación das rapazas no ámbito científico- tecnolóxico.

Metodoloxía:

Nunha primeira fase preparatoria revisouse o material, organizáronse as temáticas máis salientables e a posible distribución das diferentes intervencións.
Nunha segunda fase, e a modo de entrevista, gravouse un podcast no que participaron catro rapazas e tres profesoras para a divulgación das actividades realizadas no proxecto ao longo do curso.

Resultados:
Programa de radio en Radio emBrión                   
 

Conclusións

Ao longo do desenvolvemento deste proxecto tanto o alumnado coma o profesorado tivemos a ocasión de reflexionar conxuntamente sobre a falta de visibilidade das mulleres na ciencia e na tecnoloxía. Resultou interesante valorar a situación a partir de datos concretos do noso contorno e ao tempo a partir de datos máis xenéricos publicados por universidades e outros organismos oficiais.
O alumnado adquiriu unha nova perspectiva crítica sobre a necesidade de lles dar visibilidade ás mulleres que traballan no ámbito das TIC, a ciencia e a tecnoloxía. De feito, o propio alumnado elaborou materiais para a súa visibilización que repercutiron directamente nunha revalorización das referencias femininas nestes sectores.
Non podemos avaliar, polo momento, o resultado sobre a potenciación de vocacións científico-tecnolóxicas no noso alumnado, pero si detectamos un cambio de actitude nun importante número de rapazas, que moi probablemente lles axude a decidir o seu futuro profesional menos condicionadas polos estereotipos e prexuízos e máis en función dos seus verdadeiros intereses. Estaremos pendentes de como se materializan estas apreciacións na matrícula dos vindeiros cursos e nos estudos posteriores.     
As alumnas viron reforzada a súa relevancia nos grupos de traballo como consecuencia do esforzo continuado por lograr que os liderasen e que asumisen papeis o máis activos e participativos posible. Este cambio de dinámicas repercutiu positivamente no empoderamento das rapazas da ESO e bacharelato non só en relación coas TIC senón na globalidade das materias STEAM.
Estes resultados anímannos a continuar traballando nesta liña e a abrir novas vías nos vindeiros cursos. Pretendemos seguir identificando co noso alumnado as causas do baixo número de vocacións científicas entre as rapazas, coa intención de colaborar a mudar a situación. Precisamos coñecer a realidade do noso contorno nas aulas, noutros centros, na escola, na universidade e no contexto laboral, investigar e incorporar boas prácticas para o empoderamento feminino nas TIC e, finalmente, integrar na nosa práctica docente accións nas que se potencie e visibilice a participación activa das rapazas.
Entendemos que desde as aulas podemos crear as condicións nas que elas sexan as protagonistas, as creadoras do contexto tecnolóxico. Entendemos que é a nosa responsabilidade seguir explorando esta vía cara á igualdade co obxectivo de superar a fenda dixital de xénero.


 

Bibliografía: 

 

 

FERNÁNDEZ IGLESIAS, R.: «As TIC galegas precisan de vocacións e de talento feminino». Terra e tempo. Dispoñible en: http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=4627&seccion=6. (Consulta: 06/06/2017).

PÉREZ PENA, M.: «Nalgúns ámbitos profesionais das TIC moi masculinizados as mulleres non son benvidas». Praza Pública. Dispoñible en:

http://praza.gal/ciencia-e-tecnoloxia/13040/nalguns-ambitos-profesionais-das-tic-moi-masculinizados-as-mulleres-non-son-benvidas/. (Consulta: 11/08/2016)

SAINZ, M.: Se buscan ingenieras, físicas y tecnólogas. Ariel. Fundación Telefónica. Dispoñible en: https://www.fundaciontelefonica.com/arte_cultura/publicaciones-listado/pagina-item-publicaciones/itempubli/590/ (Consulta: 26/06/2017)

As mulleres no sector TIC. Ano 2017 (2017). Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia. AMTEGA. Xunta de Galicia. Dispoñible en:

http://www.osimga.gal/export/sites/osimga/gl/documentos/d/20180309_As_mulleres_no_Sector_TIC_2017_vdef.pdf

Ediciones pasadas Girls in ICT Day (2017). ICT-Go-Girls! Dispoñible en: : https://e-learning.cesga.es/ictgogirls/dia-de-las-chicas-en-las-tic/dia-de-las-chicas-y-las-tic-edicion-2016/

Edudixital. Estratexia galega para a educación dixital 2020. Xunta de Galicia. Dispoñible en: http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/1_edudixital_2018_portal.pdf

Exposición de Mujeres Tecnólogas. MujerTekSpace. Facultade de Enxeñería de Deusto. Dispoñible en: : https://blogs.deusto.es/mujertekspace/expo/

ICT-Go-Girls. CESGA. Dispoñible en: https://e-learning.cesga.es/ictgogirls/

Mujeres con ciencia. Cátedra de Cultura Científica. Universidade do País Vasco. Dispoñible en: https://mujeresconciencia.com

Premios María Josefa Wornerburger Planells. Secretaría Xeral de Igualdade. Xunta de Galicia. Dispoñible en: http://igualdade.xunta.gal/gl/exposicions/exposicion-premios-maria-josefa-wonenburger-planells

Wisibilízalas. Departamento ETIC da Universidade Pompeu Fabra. Dispoñible en: https://www.upf.edu/web/wisibilizalas

Sección: