Innovando co STEM

Proxecto K do CFR Ferrol desde os residuos plásticos ata un hospital de robots
Proxecto K reúne un conxunto de actividades relacionadas con diversas metodoloxías novas no eido do ensino, e que están a desenvolver o profesorado e o alumnado do CFR de Ferrol. O desenvolvemento deste proxecto non é arbitrario nin ocasional, está suxeito ao establecemento dunha planificación estruturada nun itinerario que ten unha temporalidade de seis anos (2014-2020)

Miguel Carlos de Castro
CFR Ferrol
mdcastro@edu.xunta.es
Florentino Blas Fdez. Cueto
CIFP Ferrolterra
tinokit7@edu.xunta.es



Atraídos por proxectos coma os  Escornabots de Bricolabs, as FLL , First Lego Leage, o proxecto REPRAP e o tan actual DIY, do it yourself  (faino por ti mesmo), dos seus fundadores, dos organizadores e ideas, no CFR de Ferrol iníciase o impulso dunha serie de actividades, as cales  persiguen o afundamento en temas tan atractivos para o profesorado coma para o alumnado, como son: a robótica, a electrónica e a programación. Todas estas materias están incluídas na liña STEM. Xurde polo tanto o Proxecto K.

O Proxecto K vén da palabra karakuri, un tipo de autómatas feitos de madeira (Xapón, séculos XVII-XIX) que transcenden debido á súa complexidade. Karakuri pode traducirse como ‘aparatos mecánicos para producir sorpresa’ (Wikipedia).

Coincidindo coa corrente potenciadora en Europa das materias STEM, desde o CFR de Ferrol deseñamos unha serie de actividades de formación, con sede no propio CFR, que involucra xa a unha gran parte da comunidade educativa (24 centros). O interese amosado polo profesorado sobre temáticas innovadoras foi o punto de partida para os contidos dos primeiros seminarios e grupos de traballo: Impresión 3D, Arduino, Lego, Códigos QR, Hologramas, Robots…

Para todo isto, o profesorado utilizou/aprendeu as destrezas necesarias nos grupos de Arduino e Robótica, para poder crear (curso 2015/16) o K-Kuribot. No curso actual está a crear co seu alumnado uns robots aos que chamaron homeubot, e incorporará os robots na súa didáctica diaria, nas súas clases. O importante é que para a construción destes robots non precisan mercar as pezas plásticas, pois créanas eles mesmos cos deseños de pezas nas impresoras 3D ( realizadas polos grupos de traballo de Impresión 3D).

Nos diferentes grupos de traballo realízanse todas as actividades para que, de xeito coordinado, logremos o obxectivo final, que é a potenciación das materias STEM, a utilización de TEI e o traballo por proxectos nos centros participantes.

Ademais desta filosofía de traballo, tamén se acolle a centros que deciden traballar con Lego ou traballan de xeito simultáneo tarefas e actividades deseñadas para Lego e Arduino.


Unha vez que o alumnado teña creados os robots, desenvolverá actividades deseñadas polo grupo do Laboratorio de innovación tecnolóxica. Serán actividades creadas para alumnado de diferente nivel. Deste xeito, promovemos a idea de traballo colaborador e por proxectos nos centros que desexen integrar estes elementos no currículo.

Utilizando as técnicas de TEI (titoría entre iguais), o alumnado creador dos robots do centro (homeubots) compartirá os seus coñecementos co alumnado de cursos inferiores no propio centro, e incluso exportando o proxecto a outros centros. Ao homeubot pódeselle engadir unha carcasa, en función do nivel dos nenos que van traballar con el (máis atractivo, tapado de cables…) e esta carcasa tamén se pode elaborar en centro.

O alumnado dos cursos superiores poderá utilizar tamén estes robots noutras materias como Programación ou Robótica, TIC I e TIC II… implantando as novas programacións do propio robot ou xerando novas potencialidades coas ferramentas deseñadas polos grupos de traballo de Arduino.

Despois das primeiras actuacións nalgúns dos centros onde o alumnado xa está construíndo a primeira versión do homeubot (xeralmente nas materias de Tecnoloxía e Robótica), podemos observar a eficacia do proxecto en canto ao interese do alumnado polo traballo realizado.

Polo momento traballamos con alumnado de primaria e secundaria, pero preténdese estender o uso dos robots á educación infantil, pola súa versatilidade no traballo e pola incipiente demanda do profesorado. Os alumnos de primaria dos cursos superiores serían guías no proceso de ensino-aprendizaxe dos máis pequenos (infantil) nalgunhas das actividades deseñadas polo laboratorio de innovación, con total protagonismo por parte deste alumnado dos cursos superiores de primaria, que compartiría os seus coñecementos na materia cos máis pequenos do colexio (TEI).

De xeito máis ambicioso, neste curso, queremos involucrar o alumnado dos ciclos formativos, mediante o compromiso de crear un hospital de robots no que este alumnado colaborará cos centros (primaria e secundaria) do proxecto que integren os robots na aula, para darlles o apoio técnico que precisen e poder resolver os defectos e fallos que presenten no seu funcionamento, coma un servizo técnico de reparación de robots. Este alumnado dos ciclos formativos utilizará un produto final real, non ficticio, e isto serviralle para dar unha nova dimensión á súa aprendizaxe, cara á vida real. Ao mesmo tempo, o profesorado (de todos os niveis educativos) poderá traballar coa tranquilidade de estar apoiado en todo momento por un centro de referencia en canto aos problemas que poidan xurdir coa utilización dos robots.

Neste curso pretendemos construír de xeito colaborador (intercentros) as distintas partes que conforman a impresora 3D. Cada centro, na súa especialidade, desenvolverá en colaboración co seu alumnado a parte correspondente. Como resultado deste traballo colaborador construiremos as nosas impresoras 3D.

E agora ademais…

O seguinte paso é integrar a ecoloxía e a reciclaxe no proxecto, mediante a incorporación de tratamentos de residuos plásticos, para convertelos novamente en materia prima para a construción do fío da bobina coa que se construirán as pezas plásticas nas impresoras 3D.

Fases do proxecto

Grupos de traballo ou seminarios desenvoltos no CFR de Ferrol nestes últimos anos:

2014-2015

·    F1405006 Impresión 3D
·    F1405010 Laboratorio de innovación tecnolóxica
·    F1405021 Taller de robótica con Lego
·    F1406019 Taller de aplicacións con Arduino

2015-2016

·    F1505012 Aprendendo a crear escornabots
·    F1505020 Laboratorio de innovación tecnolóxica
·    F1505060 Utilización da robótica na ESO
·    F1506022 Impresión 3D
·    F1506027 Taller de Arduino
·    F1506028 Taller de proxectos básicos con Arduino
·    F1506029 Taller de robótica con Lego

2016-2017

·    F16050XX Impresión 3D
·    F16050XX Taller de proxectos básicos con Arduino
·    F16050XX Taller de robótica con Lego
·    F16050XX Taller de robótica con Arduino
·    F16050XX Laboratorio de innovación tecnolóxica
·    F16050XX Proxectos didácticos con Arduino

No curso 2019/20, última fase do proxecto, levarase a cabo a avaliación final do proxecto, coa análise dos indicadores prefixados e a avaliación de impacto nos centros participantes do CFR de Ferrol.
 
LIGAZÓNS

Laboratorio de innovación tecnolóxica

Impresión 3d

Lego

Arduino

Este proxecto foi presentado o pasado 17 de novembro na Internationalising Education Conference, que tivo lugar en Cardiff, dentro do marco das materias STEM.

 


 

Sección: