Benvida

 

Lingua que rexeitaron os meus pais

 

Borraron os letreiros dos camiños

cos ben amados nomes das antergas vilas,

dos silabarios das escolas algareiras

borraron o cantar humilde e puro

da lingua popular.

 

Sóio no escuro das lareiras

no apartado silencio dos labregos labios,

esquecida das espadas poderosas,

borboriñaba a nosa lingua triste.

 

Aferrollada fora coma unha delincuente.

As maos sen calos do traballo,

requintadas e doces, relixiosas,

enfeitadas co ouro dos aneis

roubados ó suor dos pobres

empurraran a lingua nobre e pura

a un cadafalso de vergoñas.

Meus, pais, tamén, amados ignorantes,

obedeceran as ordes que o espadón

desborcara na poza de Galicia.

 

ANTÓN TOVAR (1921-2004), Calados esconxuros.


 

 

Pais/Nais

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer