Skip to Content

presentación_libro

Falamos de Identidade, falamos de transxénero

Grazas ao patrocinio da Concellería de Igualdade, este venres, 17 de xuño, teremos connosco a Nee Barros Fernández.
Coñecide  nas redes  como @neeumatiko, Nee  dirixe unha canle en youtube, escribe poesía, canta e fai música, e tamén se confesa un apaixonado da fotografía. Salientamos o labor de visibilización que fai da realidade das persoas trans e dos abusos que estas padecen por parte dun sistema que aplica o odio por defecto. Elu é tamén un defensor do binormativismo.
Na biblioteca temos a súa obra Identidade, un texto teatral que aborda o tema da transexualidade dunha forma moi persoal e cunha linguaxe que chega ao público máis novo. Dentro la literatura galega estamos diante dun dos textos pioneiros desta temática igual que as novelas Fóra do normal de María Reimóndez ou 22 segundos de Eva Mejuto.
Identidade propón que as persoas sexan sempre escoitadas e tratadas dende a súa diversidade. A través de Zé, o protagonista, tomamos conciencia do camiño que segue unha persoa que busca a súa propia identidade, dos apoios que atopa e tamén dos atrancos dunha sociedade marcada polos patróns do patriarcado e da transfobia e que ten medo ao diferente.
Accede a unha entrevista con elu premendo aquí
e podes visitar a súa canle de youtube aquí

Escritoras que falan do Amor

Tal como estaba previsto, entre as 16.30 e as 18 horas celebramos o día das Escritoras contando coa presenza das autoras de Ám@me.
Chis Oliveira, antiga alumna do noso IES, e Amada Traba fixeron unha primeira intervención para presentar a súa obra e incidir nalgúns dos aspectos tratados nela, logo chegou a rolda das  preguntas.
Dun xeito moi divulgativo reflexionamos sobre como aprender o concepto do amor e desaprender as ideas que sobre o mesmo herdamos como resultado dunha educación chea de prexuízos patriarcais e machistas e de mitos románticos, sobre o impacto da pornografía na educación sexual das novas xeracións ou como podemos modificar condutas para rexeitar o “mal amor” e vivir no “ben amar”, un amar que respecta a igualdade, a felicidade e dignidade de todo ser humano, buscando un enriquecemento recíproco; tampouco faltaron referencias aos “Comandos Igualdade” formados por mozos de distintas idades, identidades, orientacións sexuais e traxectorias vitais que seguindo a metodoloxía da aprendizaxe compartida inter pares falan de estereotipos, machismo, sexualidade ou diversidade.
Ao rematar aproveitamos para inaugurar o noso particular espazo “Arco da Vella”: un recanto acondicionado para a lectura, a consulta, o diálogo que poida ser o xermolo dun “Comando Igualdade” porque podemos ser todos máis o menos diferentes pero estamos moi unidos e comprometidos na consecución dunha sociedade máis equitativa e xusta tanto na órbita do público como do privado.

Distribuir contido


by Dr. Radut