2_abril

2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Os libros fannos acougar

     Vou con présa!, Non teño tempo ningún!, Aburiño!... Expresións coma estas poden escoitarse quizais acotío, non só en Lituania -no centro mesmo de Europa-, senón en moitas partes do mundo. E a miúdo escóitase dicir tamén que vivimos na idade da abundancia da información, da présa e da precipitación.

 Kestutis Kasparavicius    Non obstante, colles un libro entre as mans e, inmediatamente sentes que algo muda. Parece que os libros teñen unha cualidade marabillosa: axúdannos a acougar. Tan pronto como abres un libro, mergúllaste nas súas tranquilas profundidades e sabes que nel as cousas non pasarán a tanta velocidade que non che permita apreciar nada. Comezas a entender que non paga a pena lanzarse a facer tarefas de dubidosa urxencia. Nun libro todo acontece paseniñamente, en orde e segundo unha secuencia. Quizais porque as súas páxinas están numeradas, quizais porque as súas follas roxen amodo a medida que as vas pasando. Nos libros, os acontecementos do pasado atópanse cos que aínda están por chegar.cartel 19

     O universo dos libros é moi extenso; e nel poden mesturarse a realidade coa imaxinación e a fantasía. Ás veces non sabes moi ben onde -se nun libro ou na vida- percibiches de que xeito tan fermoso caen as pingas do tellado nevado cando se derreten, ou de que forma tan bonita cobre a carriza o valado da veciña. Foi nun libro ou na realidade onde comprobaches que as amoras non só son bonitas senón tamén amargas? Aconteceu nun libro ou na realidade cando estabas estomballado sobre a herba seca no verán, e despois sentado coas pernas cruzadas, vendo como as nubes avanzan polo ceo adiante?

     Os libros axúdannos a vivir amodo, apréndennos a observar e convídannos a buscar acomodo e sentar durante un longo anaco. A miúdo lemos sentados, co libro sobre a mesa ou entre as mans, non si?

     E non comprobastes o milagre de que cando estás a ler un libro, o libro tamén te le?  Si, si, os libros tamén saben ler. Lenvos a fronte, as cellas, as comisuras da boca que soben e baixan, pero primeiro e por riba de todo, os libros len os ollos. E mirándote aos ollos, eles ven... vaites, xa sabedes o que ven!

     Estou seguro de que os libros nunca están aburridos se están entre as túas mans. Unha persoa que goce lendo -sexa pequena ou adulta- é moito máis interesante que unha persoa á que non lle preocupen os libros, que sempre estea bulindo a contrarreloxo, que non teña tempo para sentar, que non teña tempo para fixarse en nada do seu arredor.

     No Día Internacional do Libro Infantil, este é o meu desexo para todas nós: Que non falten libros interesantes para os lectores e lectores interesantes para os libros!

Mensaxe e ilustración do lituano Kęstutis Kasparavičius

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer