Skip to Content

día_biblioteca

A Biblio cóidate!: lema para esta edición do Día das Bibliotecas

BibliocoidaTE

O lema deste ano para o Día das Bibliotecas  “BibliocoidaTE”, destaca o papel das bibliotecas  como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e recursos,  se preocupan por atender as necesidades dos seus usuarios. As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e son un piar fundamental ao servizo das comunidades ás que pertencen.

Son moitas as vías coas que as bibliotecas atenden e coidan aos cidadáns. A promoción da lectura é a primeira delas: as bibliotecas son espazos para a lectura. Unha lectura que acompaña, que entretén e que enriquece. Unha lectura que cura: a lectura ten un impacto directo tanto no desenvolvemento e mantemento das capacidades cognitivas como no benestar e a saúde mental.

As bibliotecas son un apoio no coidado de todas as persoas, por iso fixeron súa a idea da Axenda 2030 de non deixar a ninguén atrás. Para coidar ás persoas, desde as bibliotecas prográmanse actividades especiais de apoio á comunidade, creación colectiva, acción cultural, servizos a colectivos especiais, atención á diversidade ou acollida a refuxiados, entre moitas outras.

As bibliotecas tamén ofertan coidados en espazos como hospitais ou cadeas. As actividades de biblioterapia axudan a mellorar a saúde das persoas que participan nelas.

No medio rural, os bibliobuses achegan a cultura aos seus habitantes e as bibliotecas son un núcleo a partir do que as comunidades rurais se  fortalecen e crean arraigamento, coidando por tanto esas poboacións.

Ademais, as bibliotecas coidan tanto o acceso á información como a súa veracidade, desempeñando un papel fronte aos bulos e a desinformación. Por iso son un apoio necesario para a formación, a aprendizaxe e a investigación. Tamén son unha axuda imprescindible para profesores, estudantes e investigadores, asistindo á comunidade educativa e contribuíndo ao fomento da investigación científica.

Por último, as bibliotecas coidan e protexen o noso patrimonio documental para que poidamos legalo ás xeracións futuras.

(da presentación oficial deste Día: https://www.culturaydeporte.gob.es/cultura/areas/bibliotecas/mc/dia-bibliotecas-2022/presentacion.html)

Escribir a biblioteca

Preme nas lupas e atoparás textos sobre bibliotecas:

Falamos de bibliotecas

24 de outubro: Día das bibliotecas

A SEN CONTO (Gemma Pasqual)

Non quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun Príncipe  a devolvese á vida; nin que a salvase da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos sete  ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun raparigo; nin esperaba que San Xurxo a salvase do  dragón. Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha  madrastra, dun pai ou dunha fada boa.

E  calzou os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu buscando refuxio, converténdose nunha sen conto. Era unha sen libro, unha sen papeis, non a querían en ningures.

Nunha casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba  contracorrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e se abandonou  á súa sorte, de súpeto, salvouna a capitá  Pippi  Långstrump, unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por  Matilda navegaban polo mar das letras para rescatar a todos aqueles personaxes que se aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte sentido da xustiza e do deber de protexer aos máis débiles.

Finalmente, despois de moitas tribulacións chegaron a porto seguro, o Porto da Biblioteca, o Paraíso do que lle falaba Borges. Un lugar cheo de tesouros afundidos, como lle dixera Virginia  Woolf; unha nave espacial que a levaría aos puntos máis afastados do universo; unha máquina do tempo que a transportaría ao pasado afastado e ao afastado futuro; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como lle explicou Isaac  Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa para ser a protagonista de todos os contos.

Longa vida ás bibliotecas, refuxio de todos, tamén dos sen conto, dos sen libro, dos sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros.

O cartel desta edición do Día das Bibliotecas foi encargado ao ilustrador valenciano Miguel Calatayud e o pregón, a escritora tamén valenciana Gemma Pasqual.

Abecedario bibliotecario

Biblioxornal 49

 
Distribuir contido


by Dr. Radut