día_do_libro

Por algunhas xeografías da literatura galega

En galego polo mundo!

Da África subsahariana ao Pacífico, de Praga a Londres, de Xerusalén á Habana... Unha invitación a circunnavegar o mundo da man de autores e autoras galegos porque en todas partes hai unha galega, un galego. 

Velaquí algunhas lecturas que nos levarán de viaxe polo mundo sen abandonar a nosa lingua.

Únete a nosa singradura e que teñas unha boa viaxe acompañado de bos libros, comodamente instalado na cadeira de brazos do teu fogar! 

Cidades de libro, libros de cidades

Quen dixo que están restrinxidas as viaxes? Vacínate, sen efectos secundarios, con libros que che van permitir percorrer múltiples xeografías, desde as terras que rega o Nilo ata o país do Sol Nacente, desde Australia ata os Estados Unidos. Fai a túa propia volta ao mundo embarcándote en diversas lecturas. Aquí propómosche algunhas: todas as que están son pero hai moitas máis que son pero non están: constrúe o teu particular mapamundi e traza o teu itinerario persoal. Lembra que os libros garanten viaxes totalmente seguras así que Ánimo!: e cando emprendas a túa viaxe pide que o camiño sexa longo, cheo de libros, cheo de experiencias... Felices viaxes, felices lecturas!

LemosNaCasa

Parabéns ao alumnado de 1º da ESO e a súa profesora que, en tempos de coronavirus, abren e pechan (desde os seus fogares) libros e, sobre todo, LEN libros!

 

23 de abril

Neste 23 de abril imos celebrar un Día do Libro moi atípico.

O COVID-19 fainos a todos cartuxos.

Mais, aínda que en confinamento, podemos divisar desde as lecturas e os libros múltiples horizontes.

Os libros, fieis compañeiros neste arresto domiciliario, facilitan a nosa liberdade.

MENSAXE DA UNESCO PARA ESTE DÍA

Máis que nunca, nun momento na que a maioría das escolas de todo o mundo están pechadas e debemos quedarnos na casa, podemos usar o poder da lectura para combater o illamento, estreitar os vínculos entre as persoas, expandir os nosos horizontes, á vez que estimulamos as nosas mentes e a nosa creatividade.
 
Durante o mes de abril e durante todo o ano, é fundamental tomarse o tempo para ler só ou cos nenos. É un motivo para celebrar a importancia da lectura, fomentar o crecemento dos nenos e nenas como lectores e promover o amor á literatura.
 
A través da lectura e a celebración do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, o 23 de abril, podemos abrirnos aos demais a pesar da distancia, e viaxar grazas á imaxinación... Ao compartir coñecementos, lecturas e libros facemos comunidade e podemos connectar a lectores de todo o mundo e axudar a paliar a soidade.
 
Nestas circunstancias, convidamos a estudantes, profesores, lectores de todo o mundo, así como a toda a industria do libro e os servizos de biblioteca a dar testemuño e expresar o seu amor pola lectura... A canta máis xente cheguemos, maior será o número de persoas ás que poidamos axudar.
 
Se premes aquí podes ler o conto Mi héroe eres tú (escrito para nenos afectados pola pandemia do COVID-19)
 
 
 
Os libros, como sinala Juan José Millás, son unha das poucas ferramentas que nos quedan de rebeldía eficaz nun mundo cada día máis conforme co seu destino. Os libros son o medio que nos permite modificar a realidade, poñela en cuestión, construír con palabras, con libros, unha nova forma de vida, para nós e para os que nos rodean. O libro é un obxecto modesto, un produto tradicional na súa feitura, pero verdadeiramente perigoso para a sociedade do conformismo. Hoxe o lector, mellor sería dicir a lectora -o sesenta por cento das persoas que recoñecen que len un libro por mes-, é o protagonista dunha rebeldía silenciosa, traballada na soidade e nese esforzo que vai deixando pegadas indelebles; unha rebeldía que transgrede, como poucas, a orde establecida. As lectoras, as amante dos libros son as que encabezan a revolución da imaxinación.
(BRAGADO, Manuel, “Habitantes imaxinarios”, Faro de Vigo 10/06/2001 in Vigo, puro milagre, Xerais, Vigo, 2019, páx. 72)
 
E, para finalizar, presentamos o texto có que Manuel Gago agasallou ás Bibliotecas Escolares de Galicia neste día:
 
 

Feliz día do Libro!

MES DO LIBRO: lecturas xuvenís mentres #quedonacasa


 

Emocionad@s cos libros

Unha pequena mostra do noso photocall "Emocións de libro"

Feliz día do libro!

Felices emocións de libro!

O libroferido Antón Fraguas

No día do Libro lembramos a intensa relación que o autor do Día das Letras deste 2019 tivo cos libros, eles foron o seu “vicio” ata días antes de morrer.
Unha relación que comeza cando  o alumno Antón Fraguas “o da aldea” en Pontevedra merca por primeira vez un libro.
E continúa cando nace o Instituto Padre Sarmiento e é chamado para axudar a catalogar os libros que a Universidade devolvía procedentes dos fondos do extinguido Seminario de Estudos Galegos:
“... a min nomeáronme en seguida para coidar dos libros. Os libros estaban na universidade. Foron todos para a Rúa Nova [a casa da Balconada]... E alí, de noite, eu fun catalogando todo o que había...”fraguas
Os libros foron os fillos que non tivo e Teresa, a súa cónxuxe, “máis dunha vez disimulou que eu comprase algún libro para a nosa biblioteca, sabedora da ilusión que me facía algún volume detrás do que levaba moito tempo cobizoso, e iso aínda que os cartos fixesen falta para cuestións máis importantes, como o propio sustento diario. A nosa biblioteca é o legado que lles deixamos aos que veñan detrás, e  aínda que non tivemos fillos, cada un dos libros que fomos atesourando foi unha pequena criatura que nos acompañou silandeira ao longo das nosas vidas”
É obvio que a pertenza que máis valoraba era a súa biblioteca. Ao longo da súa longa vida atesourou libros dende aquel primeiro que mercara cando era  alumno do instituto de Pontevedra. Antón Fraguas invertía todos os cartos que aforraba na súa paixón bibliófila. Froito desa paixón é unha biblioteca, a súa, na que latexa a terra e a cultura propia, integrada por 12.937 libros e folletos e 399 cabeceiras de publicacións periódicas.  Cando o 17 de decembro de 1994 a entrega como doazón ao Museo do Pobo Galego escribiu: “No día que deixamos o noso “tesouro”, a sinxela biblioteca co pensamento na nosa terra e na nosa cultura”.
E Fraguas seguiu mercando libros ata días antes do seu pasamento.
Na súa casa os libros repartíanse por todas as estancias ocupando dende o chan ata o teito, sen deixar ocos libres. Don Antonio, para optimizar o espazo, xuntaba os lotes de libros ou folletos de similar tamaño, facía un atado cun cordel e os poñía nas baldas, quedando a metade no andel e a outra metade suspendida no aire.
E esa biblioteca é hoxe patrimonio de todos. Grazas, San Fraguas! (como de xeito cariñoso o chamaban os seus alumnos)

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer