Skip to Content

Sementeiras de curiosidade científica

Manifesto para a celebración deste novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS.  Texto redactado pola ourensá María Elena Vázquez Cendón, doutora en matemáticas, Decana da Facultade de Matemáticas da USC, membro do Consello da Cultura Galega, presidenta do Estalmat-Galicia e Premio María Josefa Wonenburger no 2022.

Sementeiras de curiosidade científica


    O mes de novembro ten moitos sabores, e un deles é o da ciencia. Neste mes, no que celebramos o noso patrón, san Alberte Magno, asumimos o compromiso de compartila. A ciencia é un dos sabores do saber. Para degustala, é moi importante a nosa participación activa, e o grande activador é a curiosidade. Precisamos formular preguntas para saborear a ciencia e a lingua permítenos degustala, e tamén é a canle para contar e escoitar as respostas.
    Na ecuación da curiosidade científica, as persoas son incógnitas ao principio, e parte da solución cando se resolve. Todas estas persoas teñen traxectorias que sementan ciencia polas súas vivencias e polo recoñecemento das súas achegas. A pregunta de onde atopalas ten moitas respostas nas bibliotecas. Elas son sementeiras moi vivas da curiosidade científica, en cada casa, en cada centro educativo ou recreativo, e tamén nos edificios cuxa identidade é ser biblioteca. Cada libro que enche os seus andeis, ao pasar polas nosas mans, convértese nunha semente viva que activa as cores coas que o noso maxín ilustra as persoas que nos permitiron chegar a este momento, e transmiten as vibracións das persoas que os abrimos. Esta conexión cos libros sacia inicialmente a sede de querer entender e deixa unha valiosa semente para ser as científicas e científicos que acharán as solucións aos problemas que hoxe nos formulamos.
    As persoas que traballamos e gozamos no mar da ciencia temos o compromiso de mantela viva, sen edulcorar o esforzo necesario para cada novo achado; os libros son tamén as testemuñas dos tempos e contextos nos que agromaron. Por iso a aposta pola educación, a investigación, a transferencia e a divulgación debe ser un compromiso colectivo que, desde a honra que se me ofrece, asumo. E fágoo extensivo e agradézollelo, entre outras, a todas as persoas que sementaron libros de ciencia en galego: ás que fixeron agromar persoeiros admirables da ciencia galega, unha longa lista que segue medrando no Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega, como Ánxeles Alvariño, Antonia Ferrín, Domingo Fontán, José Rodríguez, Vicente Vázquez Queipo, María Wonenburger...; ás persoas que, despois de sentir como libros que un día abrimos sementaron en nós a paixón pola ciencia, apostaron pola súa tradución ao galego, e tamén ás persoas que investiron o seu talento e coñecemento na divulgación, poñendo o acento na ciencia que se fixo e na que se está a facer, para axudar a sementar cada libro que está por agromar!

Recursos para este MES DA CIENCIA EN GALEGO (tomados do blog das bibliotecas escolares de Galicia):

https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=ciencia

https://www.pinterest.es/bescolaresgal/ciencia-en-galego/

https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/maletas/

Data: 
Ven, 03/11/2023 - 12:49


page | by Dr. Radut