Skip to Content

Setembro 2023

Comezamos o curso recomendando unha novela de:

CASALDERREY, Fina,  A muller xabaril, Xerais, Vigo, 2023

UNHA HISTORIA CON FONDO REAL:    En Pontevedra, na aldea de Santa María de Xeve, vivía a Xabarina. Unha muller nada a fins do século dezanove, alta, culta que se botou ao monte, entolecida, durmindo ao raso, vítima das mofas e o escarnio de moitos. A Xabarina tiña unha triste historia detrás, ninguén sabía os motivos polos que unha moza de refinado encanto e elevada altura, tanto física coma intelectual, se fora convertendo nun repulsivo esperpento, nun animal. A Muller Xabaril percorría o mundo cun saco ao lombo e nel, ademais de quincallas, levaba libros. Deambulaba acompañada do Luís, o seu can e fiel escudeiro.

SOBRE A AUTORA: Naceu en Santo André de Xeve (Pontevedra), en 1951. O ambiente rural dos seus primeiros anos e as historias que lle narraba seu pai están presentes nos seus escritos. En Lérez, no lugar do Cruceiro, segue a vivir na actualidade. O galego era a lingua de seus pais e a súa propia. E aínda que durante a súa etapa educativa, primeiro na escola e despois no instituto, tivo que deixar de falala polas presións da época; nunca a abandonou. Traballou na ensinanza e dí que todas as horas extra que fixo co seu alumnado, fóra do horario escolar, lle valeron a súa mellor "licenciatura" en pedagoxía. Articulista en distintos medios e conferenciante, ten concedidos moitos premios e é candidata española ao Premio Andersen 2024 polo conxunto da súa obra. Tamén é numeraria da Real Academia Galega.
Na nosa biblioteca, entre outros, podes atopar os seguintes títulos: Mutacións xenéticas, O misterio do Faro Vello,  A Pomba e o Degolado, Tres pegadas, O misterio dos fillos de Lúa, O neno can, ¡Asústate, Merche! ...

Podes consultar a súa biografía na web oficial da escritora: https://fina.casalderrey.com/biografia/

E atoparás unha entrevista coa autora no seguinte enlace:  https://www.g24.gal/-/-fina-casalderrey?jwsource=cl

Para rematar, UNS FRAGMENTOS DA NOVELA:

«Tan tan tan». Tres badaladas resoaron no comezo da tarde. Xa faltaba menos para a grande aventura. Por fin lle concederan permiso para saír cos máis veteranos ata se facer noite e quedar a durmir en Santa María. Para a avoa eses tanxidos do vello reloxo eran palabras contundentes e harmoniosas que se repetían nun breve espazo de tempo.
    «Tan tan tan».
    A avoa Cándida observou satisfeita a caixa de madeira nobre coma quen esta perante unha fraga núa que houbese de encher coas súas cavilacións. Nesa paisaxe de ébano proxectaba ela a propia vida. «Un día has saber...», remoía polo baixo quizais para soportar a mentira que cría necesaria.
    Non obstante, aínda que a devandita descuberta quedaba moi lonxe, esa mesma atardecida Ramiro soubo que o Xabaril existía de veras...
    Aconteceu contra a noitiña, cando os dominios do misterio se fan máis anchos, despois dun sábado de novembro transparente e luminoso no que se podían ver voar ata os fios das arañeiras entre os castiñeiros que abeiraban o camiño. Os ourizos escachaban acotío para encheren de bullotes o souto. O brillo daquel aire tan limpo envolviao todo dun esmalte anacarado arredor da igrexa de Santa Maria de Valo. Ramiro, feliz e excitado polo perigo que roldaba invisible, intuíu que ía pasar algo extraordinario, coma se fose atravesar todas as montañas do mundo.
    -O Xabaril, o Xabaril! Aí vén o Xabaril!
    O balbordo que anunciaba a chegada do Xabaril resoou en todo o lugar do Outeiro coma un foguete de festa. A ledicia revoaba arredor da rapazada do Couso, os Fontáns, Frieiro, Gatomorto, a Canle, o Padrón, as Raposeiras, os Cabaleiros... que se preparaban para acudir ao seu encontro e presenciar o maior espectáculo do mundo, o circo do Xabaril!
    Ramiro, tamén. E se cadra con máis devezo por ser a pri- meira vez que coincidía na Casa Grande -a casa da avoa materna- canda o devandito porco bravo. Sería, pois, a súa primeira esmorga.
    Oira falar do tal Xabaril, ese animal que aparecía de cando en vez polo lugar, percorrendo os camiños ata esgotar as horas de luz. Del dicíanse cousas tan pouco verosímiles como asombrosas. Contaban que subía ao tren -loxicamente, sen billete-, escorrentábao o revisor facéndoo saltar fóra e volvía subir noutro tren e así, de estación en estación, percorría o mundo.
    Porén, nunca xamais o vira diante.
    Aquela sería unha oportunidade perfecta para participar nos enredos da mocidade de Santa María de Valo e en especial nesas algueiradas clandestinas que argallaban os máis vellos. O Xabaril, polo que dicían, deixábase ver sen mostrar pudor ningún; abondaría con saberen agardar o momento propicio.
    Naquel instante, o mundo para o Ramiro neno reducíase a descubrir o que o Xabaril posuía entre as coxas. Chegaran a asegurarlle que aquel animal levaba no medio das patas traseiras un becho negro que se botaba á xente, tal como recolle o cancioneiro popular:

Xa fun a Marin,
as pernas che vin.
Aquel becho negro
botábase a min

    Os máis veteranos coñecían á perfección o rito a seguir. O seu tío Miguel, pouco máis vello ca el, e a súa curmá Clara formaban parte daquela comitiva de troula que sobrevivía ao estío. O Xabaril, despois de case un ano de ausencia, andaba por Santa María e o Miguel e mais a súa cuadrilla foran por el á Taberna do Burato. Tiñan por misión seducilo e convencelo de que viñese cara ao seu territorio, cara ao lugar do Outeiro, onde a maioría deles agardaba á espreita.
    Por fin, a esperada voz de alarma estendeuse por todo Valo:
    -O Xabaril, o Xabaril! Aí vén o Xabaril!
    O cheiro repugnante que desprendía a moitos metros de distancia abondaba como anuncio da súa inminente proximidade.
    Ramiro viu avanzar unha silueta impoñente e o peito comezou a doerlle coma se llo estivesen a esmagar. Había bastantes minutos que o sol desaparecera tralo piñeiral cando os máis novos deron en albiscar a chegada daquel séquito encabezado polo propio Xabaril, quen semellaba ignoralos a todos, a xulgar seus pasos de lento balanceo. Ramiro non quería ser menos ca os maiores, nin ser tomado por un rapaciño débil e melindroso que viña da vila. Nunha cesta levaban bosta, terróns, carozos das mazurcas e ata algunha que outra pedra. Esas serían as armas previstas para dar comezo o ataque contra a fera, a batida; unha loita desigual na que de antemán se sabían gañadores. El foi o primeiro en lle lanzar un bo baloco de terra que lle bateu de cheo na testa. Cando pensou que todos loarían a súa proeza, a súa curma Clara reprendeuno:
    -Ei, ti, non te pases!
    -Estás tolo, rapaz! Queres que che caia o pelo? -axudou o Nito das Raposeiras cunha ollada tan ameazante que Ramiro botou unha man á cabeza coidando que lle estaba a caer literalmente o cabelo-. Vese que aínda es un año do leite. Se queres andar cos máis vellos, primeiro tes que saber onde te metes, hostia! Unha cousa é asustalo e outra é mancalo, oíches? Non se lle pode tirar a dar, besta!
    -Ti non tes nin idea de con quen dás nin do traballo que nos deu trasladalo ao universo dos humanos-advertiu Clara nun ton misterioso-. Houbemos de cargar con el en brazos dende a cova ata o río para o botar á auga e que xurdise a transformación.
    O das Raposeiras corroborou:
    -Por que pensas que lle quedou ese cheiro noxento e esa pel escura ateigada de escamas!
    A face de Ramiro pasou en fraccións de segundo da cor das cereixas maduras á das papas de arroz, non entendía nada daquelas confidencias que os máis veteranos en garuladas lle bisbaban no oído. A súa estadía en Santa María ata entón sempre fora moi breve: limitárase, case en exclusiva, a lle dar corda ao reloxo da avoa Cándida e aos días de festa. Non estaba afeito aos habituais divertimentos nos que participaba a rapazada do lugar coma nun rito no que todo estaba previsto. (pp. 22-26)

Data: 
Lun, 11/09/2023 - 12:42


page | by Dr. Radut