Skip to Content

Xuño 2019

O mundo en que vivín

de

Ilse Losa 

Nesta novela Ilse Losa, considerada a Ana Frank portuguesa, presenta a historia de Rose, unha nena dunha familia xudía, que primeiro vive cos avós nunha pequena vila de Alemaña e portadalogo se traslada cos pais e que ao longo das súas vivencias, baseadas na sinxeleza e na vida cotiá, nos vai amosando como os xudeus acabaron sendo un grupo marxinado na Alemaña do período de entreguerras. 

        Os venres á tardiña e os sábados á mañá, os xudeus ían á sinagoga, mentres os cristiáns veneraban o seu Deus os domingos, na igrexa. A sinagoga, edificio baixo, simple, branco, cunha cupuliña no cume, era de tan pouca aparencia que nin a estrela dourada de David e as letras hebraicas, tamén douradas, por enriba do portal, lle conseguían conferir prestancia. Só os cedros e os piñeiros, esveltos e melancólicos, facían adiviñar algo desa solemnidade misteriosa, un tanto incómoda, mais na fin de contas indispensable a calquera templo de calquera crenza.

(...) O  avó Markus sentaba embaixo, na sección dos homes. A avoa Ester e mais eu subíamos a escaleira para a galería das mulleres. Pregunteille unha vez á avoa por que os homes ficaban separados das mulleres e por que as mulleres non interviñan nas cerimonias máis magníficas. Respondeu que (...) a sinagoga, en tempos moi antigos, fora unha especie de escola onde se ensinaban as leis de deus que se lle lían ao pobo en voz alta. Aínda que agora, en certa medida, se continuase a facer dese xeito, iso xa non tiña a mesma utilidade, pois abondaba con que alguén se tomase a molestia de observar a asistencia para verificar que se escoitaba sen entusiasmo ou ata nin se escoitaba. Á maioría faltáballe a curiosidade e, ademais, quen entendía suficientemente a lingua hebraica? Quen sabía máis do que ler as palabras sen coñecer o seu sentido? No mellor dos casos, as persoas engaiolábanse coa súa música, mais non co seu significado.losa

-Hai séculos, dixo ela, as cousas superiores e importantes eran algo exclusivo dos homes. Nos tempos de hoxe aínda é así. Só os homes son chamados para tomar os rolos da Tora e para ler os textos. Onde se viu algunha vez un rabino ou un cantor de sinagoga con saias? Mais basta. Agora xa sabes por que nós as dúas quedamos aquí enriba, illadas dos homes.

Tirando os sermóns sobre o que era práctico e económico, nunca a avoa me explicara tanta cousa dunha soa vez. E, cousa rara: nas meixelas pálidas xurdíronlle manchas vermellas que facían lembrar...



page | by Dr. Radut