Skip to Content

De amoribus (XIII) UN EXÉRCITO GAI

UN EXÉRCITO GAI

Górgidas, a comezos do século IV a. C., organiza en Tebas unha unidade de elite con tropas escollidas, o famoso Batallón Sacro, formado por cento cincuenta parellas de erómenes-erastés (amados-amantes) masculinos que pelexaban  de xeito conxunto. Este batallón baseado na educación pederástica grega, é dicir, nunha parella homoerótica integrada por un home de maior idade "heniochoi" ou “condutor” e un pupilo ou compañeiro "paraibatai", apoiábase na crenza de que un exército formado por parellas de amantes sería invencible pois considerábase que o mozo adolescente loitaría ata a morte á beira do seu mentor. 

queroneaSe cadra este foi un dos mellores exércitos que viu a antigüidade; o batallón sacro de Tebas foi quen de derrotar aos temibles espartanos nas batallas de Leuctra e Mantinea e só sucumbiu ante os exércitos do gran Filipo de Macedonia e o seu fillo Alexandre Magno en Queronea (338 a.C.). Segundo Plutarco o propio Filipo recoñeceunos : “O vitorioso Filipo pousou a súa mirada nos cadáveres e preguntou: -Quen son estes case trescentos mortos abrazados entre si afundidos e unidos en morte e en amor. Respondéronlle: -Son os de Tebas, o Batallón Sacro de Pelópidas de amantes e de amados, os virís de Tebas da estirpe de Layo. Filipo respondeu: -Pereza o home que sospeite que estes homes ou sufriron ou fixeron algo inapropiadamente.”

No diálogo platónico O banquete explícase a efectividade dun exército así formado: “(…) se por calquera circunstancia, un estado ou un exército puidesen estar compostos só de amantes e de amados, non habería pobo que levase máis alto o horror ao vicio e a emulación da virtude. Os homes, así unidos, aínda que en pequeno número, poderían en certo xeito vencer ao mundo enteiro”

“Non hai home tan covarde a quen o amor non inflame de valor e faga semellante a un heroe” pois, como sinala Platón, a maior deshonra á que estaba exposto un home era realizar accións deshonrosas diante do seu amante, polo que un exército formado por amantes evitaría realizar accións vergoñentas na derrota “se un home que ama comete unha mala acción ou sofre unha aldraxe sen rexeitala, non haberá pai, nin parente nin ninguén no mundo ante quen este home senta tanta vergoña de presentarse como ante o ser a quen ama”. Mais tamén evitará tomar accións crueis na vitoria, tan frecuentes nos exércitos. “Nada como o amor pode inspirar ao home o necesario para levar unha vida honesta: quero dicir o horror ao mal e a emulación do ben”.

Outra circunstancia a ter en conta neste modelo de exército é a inmensa solidariedade entre os seus integrantes, xa que ningún sentimento ou motivación é máis poderoso que o intento de salvar a vida á persoa que amas “preferiría morrer mil veces, sobre todo, antes de deixar en perigo ao seu ben amado e abandonalo sen socorrelo” e ningún tan terrible como a vinganza ante a perda do ser amado, polo que a ferocidade destes exércitos tamén resulta temible. morte epaminondas

En parecidos termos exprésase Plutarco: “un batallón cimentado pola amizade baseada no amor nunca romperá e é invencible; xa que os amantes, avergoñados de non ser dignos ante a vista dos seus amados e os amados ante a vista dos seus amantes, desexosos arróxanse ao perigo para o alivio duns e outros”

Se á efectividade que proporcionan os lazos amatorios engadimos unha estudada planificación estratéxica que substitúe a falanxe continua tradicional por unha liña en cuña e de maior profundidade, onde o Batallón Sacro á esquerda da fronte carga contra as tropas de elite rivais, o seu maior empuxe e forza de carga permitiralles copar a fronte dereita do inimigo e rodear ao resto do exército. O que explicaría os éxitos militares que facilitaron a hexemonía de Tebas na época de Pelópidas e Epaminondas.
 
CRÉDITOS:

TEXTOS:

https://www.jotdown.es/2018/09/los-hijos-de-eros-homosexualidad-militar-en-la-grecia-clasica/
http://historsex.blogspot.com/2017/08/la-pederastia-militar-el-batallon.html
https://ecmes.wordpress.com/2007/04/03/los-otros-300-el-ejercito-gay/
https://revistadehistoria.es/pelopidas-epaminondas-batallon-sagrado-tebas/
https://www.sergioalejogomez.com/batallon-sagrado-tebas/

IMAXES:
David Angers (1788 – 1856), A  morte de Epaminondas
https://assets.arrecaballo.es/wp-content/uploads/2014/03/batalla-de-queronea-338-ac-alejandro-atacando.png

Data: 
Sáb, 11/02/2023 - 22:00


page | by Dr. Radut