Skip to Content

Febreiro 2016

Romaría de historias
de
Xosé Neira Vilas


     Obra póstuma; novela “feita de retrincos”, como a define o propio autor no limiar, que enfía breves narracións con distintos protagonistas (nenos, mozos, vellos, meigas, tolos, emigrantes, fuxidos, eivados, aparecidos, animais...) e moitos temas recorrentes na obra de Neira: a relixiosidade, a lingua, a morte, o suicidio, a desigualdade e, sobre todo, a pobreza e  soidade. Unha visión coral do noso mundo aldeán cada vez máis descoñecido, afastada do costumismo e fornecida de mitos, realismo, humor e retranca. Historias dun tempo pasado mais tamén con referencias de plena actualidade, velaquí un exemplo de cada:

    -A Constitución di que cada cidadán ten dereito a unha vivenda, pero...
    - É un principio xusto, máis na realidade non sempre se dá.
    -Pois non. Subscríbense hipotecas cos bancos e, se o que comprou a casa non pode pagar, bótano dela. Resulta moi triste ver unha velliña ou un neno sentados na porta, nunha vella maleta, mentres rematan os trámites de expulsión ou desafiuzamento.


    O lugar non chegaba a vila, pero tampouco era totalmente aldea. Pasaba unha estrada, había dúas tabernas e unha tenda con algo de todo. Fora casar alí un mozo chegado da cidade. Era farmacéutico e instalou unha botica. Era algo enfermeiro. Vendía pouco. Cóntase que cando había unha romaría, ou unha foliada calquera, alá ía pola noite,  e onde había moita xente amoreada, bailando ou non, con disimulo sacaba do peto unha navalla de afeitar e ía cortando nádegas de home. Pouco a pouco ían chegando á botica os feridos para que os curase. Cobráballes, naturalmente.

   
   


page | by Dr. Radut