Skip to Content
Versión para impresora

FELIZ VERÁN

Despedimos outro curso máis, cansos mais moi satisfeitos.

Dende o IES Ramón Cabanillas queremos felicitar a toda a comunidade educativa por este ano de boa convivencia e de tanta actividade.

 

Lembrade formaliza-las vosas matrículas! As obras no edificio comenzarán en breve pero agardamos que non interfiran nos trámites.

 

Desexámosvos a todos un moi feliz verán.

 

 

 

 

Fin de curso: Día da Música e entrega de orlas, premios e diplomas

Hoxe 21 de xuño, último día lectivo deste curso e Día Europeo da Música, o alumnado de Música de tódolos grupos do noso instituto veu ameniza-la fin de curso cun festival cheo de numerosas e variadas propostas musicais. Logo de moitos ensaios, nervios e con moita ilusión, soaron clásicos coma O son do ar, de Luar na Lubre, ou Smooth criminal, de Michael Jackson, no medio doutras pezas de estilos diversos como Malakatumba, de Josu Elberdin para coro (será esta a primeira de moitas actuacións dun coro mixto no Cabanillas...?), unha demostración de baile deportivo por parte de Pablo Iglesias e Noa Cores de 1º de Bacharelato que nos deixou coa boca aberta, e o alegre peche de festival coa estrea do recén creado grupo de Baile Tradicional Galego, dirixido pola profesora Lucía Enríquez e coa colaboración do Departamento de Música, no que profes e alumnos tocaron e bailaron unha xota e unha muiñeira da nosa bisbarra con moito xeito!

Trascanteadas entre as actuacións musicais sucedéronse tamén as entregas de premios e diplomas dos diferentes concursos e certames celebrados ó longo do ano: literarios, do equipo de Normalización Lingüística, de Xadrez, da Biblioteca... Sen esquecer ó alumnado de 2º do Ciclo de Elaboración de viños e aceites e de 2º de Bacharelato, que se despediu de nós recollendo as súas orlas de mans do Equipo Directivo, unha vez rematado o seu periplo no IES Ramón Cabanillas.

Foi, en fin, unha xornada intensa e feliz para despedir un curso cheo de vida, de actividade e de creatividade, tal e como o noso propio instituto é.

(Accedede ás imaxes picando no título da noticia)

Roteiros e excursións de fin de curso

Quedou o Cabanillas medio despoboado! Houbo unha praga? Deron antes as vacacións?

Non! O alumnado da ESO de tódolos cursos está desfrutando de saídas a diferentes e apetecibles destinos (aínda que algúns, coma os de 4º, máis ben da chegada...).

1º de ESO camiñando pola Ruta da Auga, 2º de ESO medindo A Illa a pé con descanso no parque do Carreirón, 3º de ESO xa dende onte por Ponteceso e Laxe, e 4º da ESO recuperándose da súa semana na costa e capital catalás.

Chégannos fotos de todas partes, boa envexa!

(Accedede ás imaxes picando no título da noticia)

 

 

ADMISIÓN A CICLOS DE FP

Informamos de que entre o luns 24 de xuño e o martes 2 de xullo ás 13:00 horas estará aberto o prazo para a presentación de solicitudes de admisión nos Ciclos de FP.

Tedes toda a información relativa ó acceso á FP na seguinte ligazón do portal da Consellería:  Ven á FP .

O calendario do proceso de admisión está na pestana de Información admisión nese mesmo menú.

 

 

Convocatoria para Fondolibros 2019-2020


Publicada a orde da convocatoria de Fondolibros para o curso 19/20. Podedes atopala visitando o portal da Consellería.

http://www.edu.xunta.gal/portal/fondolibros

O prazo de solicitudes finaliza o 21 de xuño.

Día das Letras Galegas 2019

 

Con este magnífico mural adicado a Antonio Fraguas, queremos desexarvos un feliz Día das Letras Galegas. Ampliade picando na imaxe.

Traballo realizado pola clase de 4º de ESO e 1º de Bacharelato, dirixidos pola nosa profesora de Plástica e Debuxo, Rebeca Novo.

Día das Letras Galegas 2019

Rematou a Carreira dos Institutos 2019!

16 Maio 2019
Etc/GMT+1

Rematou a xornada da Carreira dos Institutos, rexistrando unha alta participación e moi bo ambiente! Agradecemos ó IES Francisco Asorey, encargado este ano da organización, o seu traballo e acollida. E queremos felicitar a tódolos clasificados na carreira, especialmente ós do noso instituto.

Deixámosvos algunhas imaxes de como se desenvolveu a xornada así como a clasificación de gañadores. Picade no título para acceder ás páxinas seguintes (as ligazóns aparecerán  debaixo das fotografías).

 

CONFERENCIA SOBRE CAMPOS DE CONCENTRACIÓN FRANQUISTAS NA GALIZA

O alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato participou o venres 10 de maio nunha actividade formativa sobre os Campos de Concentración que funcionaron en Galiza durante o franquismo. Da man do profesor da Universidade da Coruña Carlos Velasco Souto, Doutor en Historia e especialista en Historia Social de Galiza e no estudo do franquismo, o noso alumnado achegouse a unha parte da nosa historia moi pouco coñecida.

O profesor Velasco Souto leva anos estudando a existencia e localización dos Campos de Concentración que funcionaron en Galiza durante a Guerra Civil e na primeira década da ditadura franquista. Neste momento téñense localizados 11, polos que pasaron máis de 30.000 prisioneiros, na súa meirande parte persoas comprometidas co sistema democrático contra o que Franco deu o golpe de estado.

Pica aquí para ler a reseña completa.

 

Campamentos de verán de Ciencias en Inglés

 

A Consellería vén de convocar os campamentos gratuítos STEMweek 2019, que versarán sobre contidos de ciencia e tecnoloxía, e ademais contarán con moitas actividades en inglés.

Estes campamentos serán de unha semana de duración, a finais de agosto e comezos de setembro, e terán lugar na Coruña. Picando na imaxe podedes acceder á páxina da convocatoria.

O prazo para presentar as solicitudes remata o 30 de maio.

Animádevos para acadar os requisitos de admisión e poder ser un dos 200 participantes!

Día do Libro e certames literarios

23 Abr 2019 18:27
Etc/GMT+1

Con motivo do Día do Libro a nosa Biblioteca permanecerá aberta toda a semana, e acollerá diversas actividades para conmemorar esta data. As funcións e actividades habituais da Biblioteca -servizos de préstamo, clube de lectura, sala de estudo- continuarán funcionando segundo o seu horario normal.

Convidámosvos a todos a traspasar este marabilloso pórtico realizado polo Departamento de Educación Plástica e Visual que invita a mergullarse neste fantástico mundo de libros.

Así mesmo, aproveitamos para lembrar que seguen abertos os prazos de presentación de traballos para os certames literarios que organiza o IES Ramón Cabanillas. Podedes preguntar ó profesorado dos Departamentos de Lingua e Literatura Galega e Castelá toda información relativa a estes certames.

Feliz Día do Libro, tódolos días!

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut