Skip to Content
Versión para impresora

Día do Libro e certames literarios

23 Abr 2019 18:27
Etc/GMT+1

Con motivo do Día do Libro a nosa Biblioteca permanecerá aberta toda a semana, e acollerá diversas actividades para conmemorar esta data. As funcións e actividades habituais da Biblioteca -servizos de préstamo, clube de lectura, sala de estudo- continuarán funcionando segundo o seu horario normal.

Convidámosvos a todos a traspasar este marabilloso pórtico realizado polo Departamento de Educación Plástica e Visual que invita a mergullarse neste fantástico mundo de libros.

Así mesmo, aproveitamos para lembrar que seguen abertos os prazos de presentación de traballos para os certames literarios que organiza o IES Ramón Cabanillas. Podedes preguntar ó profesorado dos Departamentos de Lingua e Literatura Galega e Castelá toda información relativa a estes certames.

Feliz Día do Libro, tódolos días!

 

 

Auf wiedersehen, Berlín!

Xa están de volta os de 1º de Bacharelato, que foron dar nada menos que a Berlín para despedir esta avaliación. Acompañados por catro dos nosos profes, percorreron os  lugares máis emblemáticos da capital e visitaron o Reichstag, a Illa dos museos ou o Palacio de Charlottenburg. E boa envexa nos deron...

 

 

 

 

11 de abril Musiqueando

11 Abr 2019 11:00
Etc/GMT+1

O alumnado de 2º e 3º da ESO do Cabanillas sumouse ós 49.000 rapazas e rapaces de coles e institutos de tódalas comunidades que saíron ás rúas para amosar o que se fai nas aulas de Música de toda España. O sol acompañou e poideron cantar, bailar e tocar na praza de Fefiñáns para o público que se achegou por alí. Deixamos aquí estes enlaces ós medios que recolleron a noticia.

A Voz de Galicia

Faro de Vigo

A Voz de Galicia no Facebook

Páxina do Concello de Cambados

Concerto da OSG en Pontevedra

O alumnado de Hª da Música e da Danza de 2º de Bacharelato asistiu o xoves 4 de abril, por cortesía da Sociedade Filharmónica de Pontevedra, ó concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia que tivo lugar no auditorio da Fundación Abanca. A pesar de que o repertorio presentaba un certo nivel de desafío ós ouvintes pola súa complexidade, extensión e modernidade, os mozos e mozas desfrutaron da experiencia de escoitar unha orquestra deste calibre en directo, e de coñecer música diferente á que se pode escoitar habitualmente, mesmo nos concertos deste tipo.

Por outra banda, o vindeiro xoves 11 de abril terá lugar a IV edición da convocatoria Musiqueando-(#nosimportalamúsica), que organiza a Confederación de Asociaciones de Educación Musical (COAEM), e que rexistra a estas horas unha participación superior ós 45.000 alumnos e alumnas de Música de cerca de 450 centros de toda España, tanto de Primaria como de Secundaria. A actividade consiste nunha actuación musical no lugar que elixa cada centro, para compartir coa sociedade o traballo que se realiza nas aulas de Música dos colexios e institutos. Os músicos do Ramón Cabanillas actuarán na praza de Fefiñáns polas 11 da mañá. Achegádevos!

 

ENCONTRO CON AUTORES

28 Mar 2019 08:50
Etc/GMT+1

O ciclo Encontro co Autores, organizado polo departamento de Lingua Castelá e Literatura, arrancou o pasado 15 de marzo coa visita de Marisol Ortiz de Zárate ó Cabanillas. O noso alumnado de 1º de ESO puido conversar no Salón de Actos coa escritora do libro La canción de Shao Li que estiveron a ler esta avaliación.

Continuando con este ciclo, teremos o pracer de recibir a Fernando Lalana o xoves 28 de marzo, que falará cos seus lectores de 3º ESO sobre Una bala perdida, e moitos máis temas.

Obradoiro de regueifas

25 Feb 2019 13:09
Etc/GMT+1

A rapazada de 2ºESO tivo a sorte de participar nun Obradoiro Didáctico de Regueifas no noso centro, coordinado pola Deputación de Pontevedra, e do que foi director o regueifeiro Pinto de Herbón.
Esta actividade organizouse en dúas quendas: a primeira, o mércores 20 de febreiro, na biblioteca, onde todo o alumnado deste nivel aprendeu as artes de regueifar, elaborando as súas coplas en papel. E a partir das súas creacións, foron seleccionadas 23 mozas e mozos para continuar co obradoiro o seguinte mércores, 27/2. Neste último, o papel desapareceu e tiveron que dar paso á improvisación, polo que se descubriron grandes regueifeiras e regueiferos!

Moita creatividade, enxeño e, por suposto, diversión alí se viviu.

Excursión de 2º de Bacharelato

O alumnado desta promoción de 2º de Bacharelato xa regresou da súa viaxe a Madrid. Ademais das visitas obrigadas pola cidade e arredores - O Escorial, Museo do Prado, Thyssen e Reina Sofía, unha obra de teatro e moitas cousas máis- tiveron a intensa experiencia de participar na masiva manifestación do 8-M polo centro da capital.

 

 

 

Día de Rosalía

O pasado venres, 22 de febreiro, na rúa de Rosalía de Castro, o alumnado de 1ºESO B asistiu á celebración coordinada polo Concello de Cambados, dedicada ao Día de Rosalía.
Houbo tempo para a música, con Lucía Veloso póndolle voz aos seus poemas, e Manuel Dopico e Álvaro Cardalda nos instrumentos. E para darlle sabor á poesía rosaliana, nada mellor que o seu "Caldo de Gloria", elaborado polo cociñeiro Xoán Galván.
Ademais, foron entregados os premios do Certame Literario, e a nosa compañeira de 2ºBach-C, Andrea Lede, resultou gañadora. Parabéns!

 

 

 

Crêperie!

Por iso de que levamos moito no tempo das filloas, ou freixós, ou "crêpes", no Cabanillas decidimos xa ilas catando sen agardar polo Entroido.

O pasado martes 12 visitounos La Marinière, unha furgoneta cunha crepería ambulante no seu interior, na que o alumnado de Francés do instituto puido aprender a face-las "crêpes" bretoas da man de Jeremy. Iso si que é unha clase de moita lingua!

Lamentamos non podervos da-la proba máis ca de maneira visual.

Mais... qu´elles ètaient bonnes, les crêpes! ;)

 

 

DÍA DA PAZ

Este mércores 30 celebramos o Día da Paz no noso centro con actividades plásticas e musicais.

Fermosas mans portadoras de mensaxes de paz invadiron a entrada do noso instituto; e durante os recreos, varios grupos interpretaron algunhas pezas musicais en distintos espazos do centro.

O grupo de 1º de Bacharelato interpretou O gaiteiro avergoñado, do grupo vilalbés Xorima na Biblioteca; o alumnado de 2º de ESO, con algunhas profesoras "infiltradas", cantaron na entrada do salón de actos Amavolo, unha peza popular sudafricana; por último, a xente de 3º de ESO cantou Peace - an end, do grupo británico King Crimson, no escenario do salón.
Pica aquí para ver algúns vídeos e imaxes das actuacións.


 

Distribuir contido


by Dr. Radut