Skip to Content

DÍA DE ROSALÍA


 

 

Este 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, conmemoramos o 182 aniversario do nacemento da escritora recordando os versos que lle adicou á Nosa Señora da Barca.

 

 




Visita ás Torres do Allo e a Cabo Vilán


   

   O día 22 de febreiro, os alumnos de 3º e 4º de ESO visitaron as Torres do Allo, un monumento histórico que é considerado o primeiro pazo de Galicia, con máis de cincocentos anos de antigüidade. Percorremos o edificio e tamén a súa contorna, o que nos permitiu coñecer a súa capela, o pombal, os cabazos e un xardín barroco do século XVIII cun xigantesco abeto de Vancouver duns 20 m. 

 

 

 

 

   Tamén participamos nun obradoiro titulado "Escudo de familia", no que os alumnos deseñaron o seu propio escudo familiar buscando os emblemas dos seus apelidos ou inventándoos.

 

 

 

 

 

 

   Para completar a saída, achegámonos tamén ao Cabo Vilán, en Camariñas, posto que nas semanas previas os rapaces estiveran traballando na materia de Ciencias Sociais sobre o faro aquí ubicado e sobre o de Punta Nariga (ao que non puidemos ir). Neste lugar lemos algúns poemas relacionados co mundo dos faros e desfrutamos das súas espléndidas vistas.

 

 

 




Concurso gastronómico de Entroido 2019


 

  Se queres participar neste saboroso concurso confeccionando unha larpeirada típica do Entroido, ten en conta as seguintes bases:

  • O día do festival de Entroido (1 de marzo) terás que traer unha sobremesa elaborada para que o xurado poida degustala e puntuala.
  • O prato ou bandexa irá acompañado dun sobre pechado no que figuren o nome, apelidos e curso do participante, así como a receita redactada en lingua galega (na que deberán aparecer os ingredientes e o modo de preparación). AS SOBREMESAS QUE SE PRESENTEN SEN A RECEITA ESCRITA NON OPTARÁN A PREMIO.
  • As sobremesas deberán presentarse na cafetería a primeira hora da mañá, a ser posible en bandexas ou pratos dun só uso.
  • Os pratos presentados ao concurso serán valorados en función do sabor, a presentación rechamante, o uso de ingredientes orixinais e a dificultade na elaboración. Tamén se terán en conta a redacción e ortografía da receita escrita, así como a presentación do texto.
  • Os alumnos optarán a tres premios:

   - Primeiro: vale desconto de 10 € para a cafetería do centro.

   - Segundo: vale desconto de 7 € para a cafetería.

   - Terceiro: vale desconto de 5 € para a cafetería.

As receitas e fotos das sobremesas gañadoras publicaranse no blog do EDLG.

 

ANÍMATE A PARTICIPAR!

 




DÍA DA LINGUA MATERNA


 

  O 21 de febreiro é o Día Internacional da Lingua Materna. Para celebralo, durante a semana do 11 ao 15 deste mes pedímoslles aos alumnos dos diferentes grupos que escollesen, cada un, tres dos termos máis fermosos, chamativos e/ou interesantes da nosa lingua galega. A partir das listaxes obtidas en cada clase, elaboramos nubes de palabras empregando a aplicación www.nubedepalabras.es e expuxémolas na entrada do centro.

 

 

 As 15 palabras máis votadas polos alumnos do IES Ramón Caamaño foron as seguintes:

FOCHICAR (26 votos)                       CÓXEGA (6 votos)

MORRIÑA (19 votos)                         PAPORRUBIO (5 votos)

TOXO (16 votos)                                BARALLOCAS (5 votos)

SAPOCONCHO (11 votos)                  COMAREA (5 votos)

VAGALUME (11 votos)                      OLLOMOL (5 votos)

MOINANTE (9 votos)                        MIÑOCA (5 votos)

RABUDO (7 votos)                            BICOS (5 votos)

TRAPALLADA (6 votos)

 

Se queres ver e descargar as nubes, selecciona o título desta entrada de blog e mira ao final os documentos adxuntos.

 

 


Ficheiros adxuntos:


Saída a Santiago de Compostela


  O día 19 de febreiro, os alumnos de 1º e 2º de ESO fixeron unha saída didáctica a Santiago de Compostela. O noso primeiro destino foi o Museo Pedagóxico de Galicia, onde puidemos coñecer mellor o pasado das nosas escolas e aprender, por exemplo, que era unha escola "de ferrado", que diferenzas existían entre as aulas da II República e as da Ditadura ou con que xoguetes se divertían os nosos avós.

 

 

  Despois visitamos, no Museo Centro Gaiás, a exposición titulada Castelao Maxistral, centrada na vida e obra dun dos nosos escritores máis importantes. Alí puidemos contemplar o seu cadro A última leición do mestre, considerado o "Guernica galego". Pintado en Arxentina en 1945 en recordo do seu amigo Alexandre Bóveda, esta obra é propiedade do Centro Galego de Bos Aires, cidade da que saíu por primeira vez na súa historia para formar parte desta exposición temporal.

 

 

 

 

 

 

 




Gañadores do concurso "Cartas de amor"


 

Hoxe 14 de febreiro, día de San Valentín, foron entregados na Biblioteca os premios aos gañadores do concurso Cartas de amor.

 

Parabéns para Laura (2º A), Nerea (2º B), Yago (3º A)

e Xiana (4º A)!!!

 

Podes ler os seus textos no taboleiro da Biblioteca.

 

 




Distribuir contido


by Dr. Radut