Skip to Content

Entender el cómic: el arte invisible, de MacCloud

 

entender el cómic

 

Autor: McCLOUD, Scott

Obra: Entender el cómic: el arte invisible

Editorial: Astiberri

 

“Duascentas páxinas! Horror! Este non o leo eu nin de broma...” Pero calma, calma lector ao peso. Neste caso non todo é letra e ademais desta vez si que tes debuxos, e non penses que tan só uns pouquichiños por iso de adornar.

Aquí tes un libro que está ben cheo de imaxes e xusto elas son a chave da historia. Imaxinas ben, o título é transparente: aquí tes un auténtico cómic que explica de xeito moi divertido, claro e gráfico que é a banda deseñada, onde están as súas orixes, as convencións da súa linguaxe, os seus variados estilos…

Ler este obra é algo máis que descifrar palabras e sentidos (o cal xa non está mal). Vas contemplar e admirar cada páxina dun xeito especial e diferente. Asegúroche que o farás sen présa, pero sen pausa. Avanzarás viñeta a viñeta engaiolado polo ritmo das imaxes, as suxestións, as relacións que se fan co cine, coa literatura, coa pintura… O xenial vai ser que poderás confirmar moitas das experiencias que ti mesmo tes como lector de cómic, chegarás a comprender como funciona a narración con imaxes gráficas, descubrirás que mecanismos activamos cando desciframos esas atractivas ventás de ficción e un sen fin de cousas. Diría máis: se es desas persoas que sempre están a debuxar, lendo o libro váiseche espertar o formiguiño de compoñer un cómic e experimentar coas propostas de Scott.

E para rematar un poder engadido máis que isto é como o anuncio da coca-cola, para todos hai. Se non les banda deseñada e tes prexuizos con este medio, contas aquí cunha ferramenta que che permitirá xulgar con criterio. McCloud amosa a complexidade desta arte dende dentro e, ao final, pasarache coma a mín: terás moitas ganas de ler e coñecer cómics. Enton… a quen lle imos recomendar esta lectura? Pois xa ves. A todo o mundo. Vivimos, pensamos e sentimos rodeados de mensaxes audiovisuais, que menos que comprender ben como funcionan!

Recomendado por Montserrat López (Lingua castelá e literatura)

Páxina sobre banda deseñada galega e internacional. Inclúe variados recursos e novidades.



page | by Dr. Radut