Skip to Content

Punto Laranxa contra o acoso escolar

ESPAZO_SEGURO 

CONTACONTOS DO SAMAÍN 2023

Como cada ano, desde o EDLG do IES Número 1 celebramos o Samaín 2023 cun contacontos multinivel os días 30 e 31 de outubro.

Uns grupiños de alumnado voluntario de 4º ESO aprenden e ensaian, ao longo de outubro, unha serie de contos literarios de misterio, medo e intriga, para contalos nas aulas de 2º ESO cara ao Día dos Defuntos. Do mesmo xeito, outros equipos de 3º ESO fan o propio, desta volta cunha xeira de contos populares, tamén de temática aterrecedora, para achegarse ao alumnado de 1º ESO.

Cambiamos roles. Situamos o alumnado no centro de atención e practicamos a competencia lingüística, a oratoria, a autonomía e o traballo de planificación, así como a familiarización cunha expresión cultural fundamental: a historia de transmisión oral. Todo co gallo, por suposto, de traballar pola normalización da nosa lingua, na vida cotiá dun alumnado reticente a incorporala ao seu día a día con naturalidade.

Grazas ao profesorado que fixo posible a coordinación da actividade, tanto os membros do EDLG, que prestaron o seu tempo para ensaiar e xerar lazos de proximidade co alumnado, como tamén ao resto das e dos docentes que cederon as súas aulas para permitir o desenvolvemento da iniciativa. E, sen dúbida, moitas grazas a esa rapazada voluntaria que sostén os piares da educación non formal. Sen elas e sen eles non habería contacontos e por iso as mencionamos:

  • Alba, Sira, Noa, Lara, Amaia, Daniela, Lola, Xoel, Noa, Hannah, Daniela, Marta, Alba e Yodit en 3º ESO.
  • Sofía, Sara, Miguel, Lucía, Arancha, Uxía, María, Jimena, e Helena en 4º ESO.

A nosa selección de contos literarios: “O neno suicida” e “Sobre da morte de Bieito” de Rafael DIESTE; “O enigma do menhir” de Agustín FERNÁNDEZ PAZ; “Antón de Cidrán”, “O lordanas” e “Viñan do alén” de Ánxel FOLE; “O Suso” de MÉNDEZ FERRÍN; e “Área de servizo” de Carlos NEGRO.

Os contos populares: “A ánima en coiros”; “A Casa do Medo de Lariño”; “A caveira da corredoira do Forniño”; “A caveira de Doade”; “A Cruz de Canoura”; “A fonte da nena”; “A luz das ánimas”; “A morte do noivo”; “A Santa Compaña do Freixo”; “A sombra peregrina da Quintana”; “A vella queimada en Triabá”; “Floralba e o peregrino”; “Luciñas en Ourol”; “Machismo de ultratumba”; “Unha misa na noite”; e “Visións nunha casa da Espiñeira”.

Aí vai unha selección de fotos e vídeos:

 

 

 



FSE

convivencia

Plambe

CUALE

story | by Dr. Radut