Skip to Content

BACHARELATO DE EXCELENCIA EN CIENCIA E TECNOLOXÍA

 

STEMBACH

Con data 11 de setembro publicouse no  portal da Consellería de Educación a resolución provisional de Centros admitidos para a implantación do STEMbach, na que estamos incluidos.

Este bacharelato, que se enmarca na estratexia Edudixital 2020, favorecerá unha conexión directa coa universidade, posto que os estudantes farán un proxecto de investigación, con posterior defensa pública, co-dirixido por persoal universitario.

O alumnado cursará unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, e realizará actividades complementarias de formación.

 

Vocación científico-tecnolóxica e conexión coa Universidade.

O obxectivo deste bacharelato é promover a vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación ao ensino universitario, e tendo en conta a perspectiva de xénero. Ademais, favorécese unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica; así como o desenvolvemento da creatividade, do sentido da iniciativa ou do emprendemento e da resolución de problemas. Por outra banda, tamén axudará a mellorar as destrezas comunicativas e expresivas e proporcionará unha relación máis estreita entre profesorado e alumno.

Este bacharelato pensado tanto para a modalidade de Humanidades como para a de Ciencias permitirá unha conexión directa co ensino universitario, posto que o alumnado que o curse deberá desenvolver, no segundo curso, un proxecto de investigación individual ou colectivo con posterior defensa pública. Este proxecto, similar ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por un docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia ( SUG), e será titorizado polos profesores que impartan a materia de afondamento STEM. De feito, e para cristalizar esta cooperación, asinarase un convenio de colaboración coas universidades participantes.

Materia extracurricular semanal.

Ademais, o alumnado cursará algunha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Esta materia será a mesma nos dous cursos coa correspondente secuenciación curricular. Así mesmo, realizará actividades complementarias de formación organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia como conferencias, talleres ou proxectos.

Ao final da etapa, e tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.

 



blog | by Dr. Radut