Skip to Content

ROTEIROS XEOLÓXICOS DE 4º ESO E 1º BACH

Os días 29 e 30 de xaneiro realizáronse dous itinerarios xeolóxicos organizados polo departamento de Bioloxía e Xeoloxía dirixidos polo divulgador e doutor en Xeoloxía Francisco Canosa. Estas saídas de campo teñen por obxectivo dar a coñecer e identificar dunha maneira máis amena e directa os procesos, estruturas e materiais xeolóxicos que aparecen na nosa contorna.

A soleada mañá do luns 29, o alumnado de 4º ESO saiu ao campo pola costa de Dexo. Poidemos entender in situ a formación das rochas desta costa como os xistos e os filóns de diabasa, a orixe da enseada do porto causada por unha falla, a formación dos bufadoiros, que fai 20.000 anos a Marola formaba parte dun Cabo, e que o “Seixo Branco” non é tal seixo, senón unha rocha chamada aplita!

 

O martes 30 de xaneiro, un grupo de 25 alumnos de 1º de Bach recibiron a súa clase máis especial de Xeoloxía no Complexo de Cabo Ortegal da man de Fran Canosa.  Con baixas temperaturas pero cun día espléndido, a nosa primeira parada foi no alto de San Andrés de Teixido. Alí, taboleiro e rotulador en man, falounos da influencia glaciar da contorna e da orixe do manto de esvaramento que afecta a esta ladeira.

 Xa entrados en materia, explicounos que as Terras da Capelada comprenden unha das paisaxes xeolóxicas máis singulares de Galicia e, se cabe, do mundo (non existen en todo o planeta máis dunha ducia de lugares onde afloren rochas formadas entre a codia e o manto terrestre), e que as súas rochas proceden dun proceso de colisión entre os continentes de Laurussia e Gondwana fai uns 350 millóns de anos, que deixou como cicatriz rochas ultramáficas metamórficas como as que vimos neste lugar: granulitas e peridotidas.

 Máis avanzada a mañá visitamos os cantís máis altos da Europa continental en Garita de Herbeira e por último, á tarde visitamos Cabo Ortegal onde observamos de novo rochas metamórficas coma os gneises e o impoñente dique de ecloxitas, cuxa dureza e resistencia á alteración deu orixe á paisaxe dos Aguillóns. 



blog | by Dr. Radut