Skip to Content

CORRELINGUA 2023

 

Na casa, na escola, bota a lingua fóra

O pasado venres 5 de maio, o alumnado de 1º de Bacharelato xunto coas profesoras  do departamento de Lingua Galega e de Plástica e Visual acudiron ao Correlingua da cidade da Coruña.

 

O noso instituto ía moi preparado para este momento cunha pancarta realizada polos estudantes da materia de Debuxo Técnico, cuns emoticonos e frases tradicionais galegas. Iamos con disfraces de emoticonos e outros levaban uns pequenos carteis en forma de bocadillo de cómic.

 

Con isto queriamos fomentar o uso do galego nas redes sociais como Instagram ou  Tiktok, demostrando que pode ser unha lingua moderna e usada en todos os contextos sociais.

 

O Correlingua é un evento organizado pola Asociación Cultural Correlingua, xunto   coa axuda de asociacións como A Mesa pola Normalización Lingüística e a  Asociación Socio Pedagóxica galega, de varios concellos e das Deputacións de Lugo, Coruña e Pontevedra. O concello de Oleiros colaborou conosco nesta actividade facéndose cargo do custo dun autobús.

 

O obxectivo do correlingua é convidar aos nenos e adolescentes de distintos centros educativos galegos, a reivindicar a lingua galega e defender a importancia que ten.

 

Neste ano acudiron máis de 2000 alumnos de escolas e institutos de varios concellos ademais do de Oleiros: A Coruña, Cambre, Carral, Cerceda, Vimianzo, Laxe…

 

Xuntámonos ás 11h na explanada do estadio. Realizouse primero un percorrido dende o pavillón de Riazor   ata a Torre de Hércules, que durou aproximadamente unha hora e media. As persoas coas que nos cruzabamos saudaban e interesábanse pola actividade.

 

Ao chegar, ao pé da Torre de Hércules, Ines Rey, a alcaldesa de A Coruña, fixo un pequeno discurso agradecendo a participación e o compromiso que tiñan o alumnado e o profesorado en conseguir a normalización lingüística e en coidar a nosa lingua que forma parte do noso patrimonio cultural.

 

Alumnos e alumnas do IES de Elviña leron o manifesto deste ano con moito entusiasmo. A continuación deron a coñecer o gañador do concurso de pancartas que foi o centro  CPI O Cruce de Cerceda. Ían cunha proposta moi innovadora mencionando o metaverso; no palco, na recollida do premio demostraron que o galego tamén é valido para utilizalo nas cancións actuais, facendo versións en galego delas.

 

A nosa proposta de pancarta tamén era de premio! Agora témola exposta con orgullo no corredor de arriba do centro.

 

Para rematar, puidemos desfrutar un pouco da música do grupo de rock galego  Cuarta Xusta, gañadores do Cantalingua

 

Fixemos unha entrevista a dúas alumnas do instituto Lucía e   Alba sobre como foi a súa experiencia no Correlingua.

 

-Levamos unha pancarta moi chamativa ,uns emoticonos e uns carteis. Canto tempo levou facelos?

 

L: Foi unha pancarta feita polo alumnado que cursa a materia optativa de

 

Debuxo Técnico e levoulles un par de meses preparala coa axuda da súa profesora.

 

 

A: Os carteis foron feitos por alumnos e alumnas que ían axudar a facelos durante algún  recreo.

 

 -Que representan todos os emoticonos e as frases?

 

 

A: Queremos reivindicar que o galego pode usarse nas redes sociais, como mostra a nosa pancarta cos símbolos de Instagram ou Tiktok, aplicacións moi utilizadas por nós.

 

-No voso caso, falades normalmente galego?

 

A: No meu caso coa miña familia non o utilizo e no instituto utilizámolo cando a materia é dada polo profesorado en galego. E no meu día a día utilizo o castelán.

L: Eu tampouco o utilizo coa familia e normalmente no instituto entre os compañeiros falamos en castelán, excepto cos profesores que nos falan en galego.

 

Segundo o alumnado, o Correlingua foi unha experiencia diferente e entretida, Tamén   unha maneira de adentrarse na loita pola lingua galega. Ademais viron os diferentes puntos de vista sobre o galego do alumnado doutros centros e dos adultos que fixeran o evento, polo que desfrutaron bastante desta actividade.

 

 

 

Redactora: Alba Macía.

 

 

 

  

 

 

 



story | by Dr. Radut