Skip to Content

Dinamización lingüística

XELA ARIAS

 

 

En plena actividade creativa, cun abismático e lúcido libro negro a presentar e a orixinalidade dunha traxectoria que non se someteu máis que ao seu propio ritmo, a morte de Xela Arias conmocionou ao mundo cultural galego en novembro de 2003. Pechábase aos 41 anos o ciclo vital dunha escritora precisa, extrema, de palabra tensa e contida. O seu é un nome que se pronuncia sen xeración, sen grupo, desas voces singulares, inclasificables, que se constrúen nas marxes dos manuais.

Nada en Lugo no ano 1962, a súa traxectoria está directamente implicada no devir cultural galego dos anos 80 e 90, como poeta, como tradutora, como activista, como profesional no ámbito da edición. É a maior de cinco irmáns, o seu pai Valentín Arias e a súa nai Amparo Castaño trasládanse cando Xela ten sete anos a Vigo, cidade na que transcorrerá o resto da súa vida. Realiza estudos de bacharelato, comeza a publicar en xornais e revistas (Faro de VigoJornal de Noticias de PortoDornaTintimánCarel...), participa en recitais poéticos e diversas iniciativas culturais. No ano 1980 comeza a traballar en Edicións Xerais de Galicia, entre os anos 1990 e 1996 é correctora de estilo e editora das coleccións Xerais Universitaria e Biblioteca de Autores Galegos. Despois de once anos de traballo editorial retoma os estudos e en 1996 licénciase en Filoloxía Hispánica. Nos últimos anos da súa vida exerce a docencia en distintos institutos da comarca viguesa.

En palabras do seu pai, Valentín Arias: "Tan intensas e punxentes como as súas arelas de liberdade, independencia e xustiza, eran nela o sentido e mais a práctica da solidariedade. Na familia, por exemplo, exerceu pola súa conta algo así como o papel de segunda nai para os catro irmáns desde moi nena. Que eu saiba nunca se desatendeu de ninguén por máis que cadrase en radical desacordo con el"

Pioneira nos labores de tradución ao galego, Xela Arias publica o seu primeiro libro de poemas en 1986. Denuncia do equilibro revela unha voz singular á marxe das marcas poéticas do momento. Interpretacións posteriores apuntan a súa condición de adiantada do que logo serían algunhas das liñas da xeración dos 90. Rupturista, transgresora, valente, ousada, son algúns dos adxectivos utilizados para definir a personalidade creativa desta autora que sorprendeu no ano 1990 cun segundo libro, Tigres como cabalos no que os poemas dialogan coas imaxes fotográficas de Xulio Gil. Mantén a actividade en congresos, recitais e iniciativas culturais e sociais, colabora en publicacións (Festa da Palabra SilenciadaLuzes de GalizaBoletín Galego de Literatura...) e os seus poemas inclúense en libros colectivos e en diversas antoloxías poéticas. Traduce a Jorge Amado, Camilo Castelo Branco, James Joyce, Angela Cárter ou Baudelaire, labor polo que recibe diversos recoñecementos, a Medalha do Premio de Traduçao Sociedade de Língua Portuguesa, o Premio Ramón Cabanillas de Tradución, ou o Premio Plácido Castro, póstumo. Forma parte do consello de redacción de Viceversa, revista galega de traducción.

Escritora demorada e reflexiva, a súa obra incide na vocación transgresora e transformadora da palabra poética. No ano 1994 nace o seu único fillo Darío, esta experiencia é a xénese do libro de poemas Dario a diario que ofrece novas lecturas sobre a maternidade. Tardaría sete anos en publicar o que será o seu derradeiro libro de poemas, o rotundo Intempériome.
Lonxe da contemplación, a palabra poética de Xela Arias revólvese, indaga, cuestiona, interroga a orde das cousas. Unha voz esixente e depurada que tensa a lingua á procura doutras formas de dicir, porque "a de quen comprende non é palabra feliz"

Morre dun ataque ao corazón o 1 de novembro de 2003. Preparaba o espectáculo poético-musical "Vencerse é cousa de se tratar".

Ana Romaní

 

foto_18_1.jpg foto_18_2.jpg foto_18_3.jpg foto_18_4.jpg foto_18_5.jpg foto_18_6.jpg foto_18_7.jpg foto_18_8.jpg

Multimedia...

XELA ARIAS

Aquí tedes un autodefinido sobre a figura de Xela Arias, escritora homenaxeada este 17 de maio de 2021

 

Autodefinido de Xela Arias - Aulas Galegas

ILUSTRANDO ONCE PORTAS DE HECTOR CAJARAVILLE

 

O alumnado de Debuxo artístico I do noso centro, realizou estas fermosas ilustracións sobre o libro Once portas de Héctor Cajaraville.

 

 

 

 

VIDEOCONFERENCIA CON HÉCTOR CAJARAVILLE

 

O venres 30 de abril o alumnado de 2º ESO puido conversar co escritor galego Héctor Cajaraville sobre o seu libro Once portas.

Unha experiencia inesquecible na que puideron adentrarse na Compostela de principios do século XX a través das pescudas do protagonista.

 

 

Menú maio

IV CONCURSO MARCAPÁXINAS LETRAS GALEGAS 2021 XELA ARIAS

O Equipo de Dinamizacón da Lingua Galega do IES Miraflores convoca IV Concurso de Marcapáxinas das Letras Galegas 2021.

O tema deste ano é a figura de Xela Alias, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas

1. Participantes

Pode participar no  concurso todo o alumnado do centro.

2. Formato

O marcapáxinas realizarase nun rectángulo aproximado  de 22cm x 6cm. Debe ser cartulina sen motivos en relevo. A técnica será manual e libre e efectuarase  por unha soa cara.

3. Presentación de traballos

O marcapáxinas terá que recoller o nome do alumno/a e o curso.

4. Prazo e lugar de presentación

Os marcapáxinas serán recollidos polo profesorado de Lingua Galega que imparta clase en cada curso e a data límite de entrega será o venres 7 de maio.

5. Xurado

O Xurado estará composto por algún membro do Equipo directivo, a coordinadora do Equipo de Dinamización, un docente do centro e alumnado que pertence ao Equipo de Dinamización.

6. Criterios para a concesión do premio

A calidade e a orixinalidade dos traballos serán os criterios nos que se baseará o xurado para a resolución dos premios.

1º Premio. Agasallo e impresión do marcapáxinas para facer entrega ao resto do alumnado e profesorado

2º Premio. Agasallo

3º Premio, Agasallo

7. Entrega de premios

A entrega de premios  realizarase a mañán do 14 de maio na Biblioteca do Ies Miraflores

 

 

CEN ANOS DAS MIRADAS DE ISAAC

Cen anos das “Miradas de Isaac”

A Cidade da Cultura de Santiago conmemora o centenario do nacemento do fundador de Sargadelos coa exposición “As miradas de Isaac”, título que fai referencia aos ollos tan característicos que representaba o artista nos seus cadros.

Isaac Díaz Pardo non tivo unha vida sinxela, pero conseguiu superar todas as dificultades coa súa admirable teimosía e o seu amor a Galicia.  De pequeno traballaba no taller de artes gráficas que seu pai, Camilo Díaz Baliño, tiña en Santiago de Compostela. Algúns dos carteis que alí se deseñaron serviron de propaganda a prol do Estatuto de Autonomía, con debuxos de Castelao ou do mesmo Camilo. Ao estoupar a Guerra Civil, o pai foi fusilado e Isaac tivo que agocharse durante seis meses na casa duns tíos na Coruña. Pouco despois tamén morreu a nai, de maneira que Isaac tivo que tirar para diante só.

Unha das máis importantes creacións de Isaac, quen tamén soubemos que foi creador do cómic galego, foi a reconstrución da fábrica de cerámicas de Sargadelos. Todos coñecemos esas vaixelas brancas e azul cobalto que levan o selo de Galicia nos seus deseños tan xenuínos.

Na exposición do Gaiás, que o alumnado de 2º e ESO do IES Miraflores tivemos a oportunidade de visitar virtualmente coa guía de dous monitores, puidemos ver as fábricas e procesos de fabricación das cerámicas; coñecer datos como cantas mulleres traballaban na fábrica ou as materias primas utilizadas, entre outras moitas cousas interesantes.

A exposición, que contou coa colaboración dos fillos de Isaac para a súa organización, leva aberta dende novembro e continuará ata finais de maio. Tamén se pode acceder virtualmente á sala do Museo a través da web da Cidade da Cultura. Na nosa opinión, merece a pena gastar unha hora na vida para coñecer mellor a un xenio como ISAAC DÍAZ PARDO.

 

Bruno Ferreiro Calvo

Javier Estébanez Santos

2ºESO A

 

Apiario-Poesía de Carla García Lista

Atérrame

Atérrame o non poder volver ao de antes,

o non poder sentirme como me sentía.

Atérrame

Atérrame a ansiedade que poida chegar a ter.

Síntoo e volvo sentilo,

sinto como os meus puños se pechan,

péchanse os meus beizos e,

sen querelo,

péchanseme con forza os dentes,

pola rabia,

pola rabia de non ter a liberdade,

a liberdade que quero ter.

Pecho os puños con forza

e penso,

penso en todos os momentos

eses momentos nos que quería rompelo,

romper o muro que non me deixa

vivir,

ese muro que fai

que me afecte todo

todo o que a xente di de min

e sobre min.

E imos vivir con iso,

con ese muro que non nos deixa

ser como queremos ser

ata que alguén o rompa, alí

alí e cando cambiarán as cousas:

o medo, a ansiedade e o terror.

 

Carla García Lista (2º ESO B)

Menú de comedor Abril

I CERTAME TIK-TOK DO CONCELLO DE OLEIROS

Distribuir contido


by Dr. Radut