Skip to Content

Actividades Complementarias e Extraescolares

Taller "Elaboración de novos fármacos" na Domus

O 14 de maio o alumnado de 1º de Bacharelato que cursa as materias de Bioloxía e Xeoloxía e Cultura Científica visitou o laboratorio aberto da Domus na cidade da Coruña.

A actividade que realizaron consistiu nun taller práctico sobre o proceso de desenvolvemento dun novo fármaco para o tratamento do Parkinson, que actualmente están a desenvolver científicos da Plataforma de Química Combinatoria do Parque Científico Barcelona.

Os nosos alumnos convertéronse en científicos por un día realizando este experimento en 3 etapas: levaron a cabo unha reacción química entre os principios activos que forman parte do novo medicamento, illaron o produto por filtración ao baleiro, e por último caracterizon o produto obtido mediante cromatografía en capa fina utilizando unha lámpada de luz ultravioleta.

Parabéns a todos pola atención prestada e excelente comportamento!

 

Letras Galegas 2019."Antón Fraguas: A memoria dun pobo".

O martes 14 de maio, o alumnado do IES Miraflores desde 2 ESO a 1 BACH asistiu nas Torres de Santa Cruz a unha charla sobre Antón Fraguas.

O actor, director de teatro, contador de contos e guionista Ramiro Neira foi o encargado de dar a coñecer aos rapaces e rapazas a figura homenaxeada este ano nas Letras Galegas.

A actividade estaba organizada polo Concello de Oleiros en colaboración co departamento de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización do noso centro.

Charla-coloquio sobre o libro Campus Morte

O pasado martes 30 de abril, o alumnado de 1 Bach tivo o privilexio de poder charlar con Lito Vila Baleato, sobre o seu libro Campus Morte.

Chegado directamente de Alemania onde imparte clases de español nun centro de Secundaria, compartiu cos rapaces e rapazas as súas experiencias como docente no estranxeiro e como recén estreado novelista.

Desexamos que continúe escribindo e que nos regale novas historias coas que entreternos...

A actividade estaba organizada polo Departamento de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización Lingüística.

VISITA A PULL AND BEAR

 

O alumnado de Economía da Empresa e Fundamentos de Administración e Xestión de 2º Bacharelato tivo ocasión de participar na mañá do venres 26, nunha visita guiada á sede e centro loxístico que a empresa Pull & Bear ten no concello de Narón.

A actividade comezou coa visita ó centro loxístico, no que tivemos ocasión de coñecer como dende ese lugar son distribuídas as prendas da marca por todo o mundo, como os robots realizan operacións de almacenaxe, ou cales son os controis de calidade que pasan as prendas antes de chegaren ós consumidores.

Posteriormente visitamos as oficinas centrais dende as que se dirixe a empresa e se desenvolven as distintas actividades de xestión como deseño, marketing, finanzas, etc

"Pártome e Móndome"

O alumnado de 1BACH do IES MIRAFLORES asistíu os días 25 e 26 de abril a un curso acelerado de técnicas do humor:“Pártome e móndome” na Biblioteca de Oleiros que impartía Maria Isabel Andrés LLamero, licenciada salmantina en Filoloxía Hispánica e en Teoría da Literatura e Literatura comparada.

Os rapaces e rapazas disfrutaron facendo unha serie de tarefas nas que o riso e o inxenio estaba garantizado.

A actividade estaba organizada polo departamento de Lingua Castelá e de Lingua Galega en colaboración co Concello de Oleiros.

 

"Viaxando pola Noite"

No IES Miraflores quixemos este ano facerlle unha homenaxe a Xabier P. Docampo, que tanto se preocupou e ocupou da boa literatura xuvenil galega. O venres antes das vacacións de Semana Santa, o alumnado de 1ºESO asistiu á representación de Viaxando pola noite, actividade proposta pola Rede de Bibliotecas Municipais. O actor coruñés Ramiro Neira deulle voz a varias historias escritas por Xabier P. Docampo no libro Cando petan na porta pola noite, libro do que os rapaces e rapazas leran con anterioridade o prólogo e un anaco do Cumpremortes, conto para o que inventaron un desenlace. Ramiro Neira faloulles de Xabier P. Docampo, a quen coñeceu persoalmente, e destacou que era fascinante escoitalo contar historias. Na foto, Ramiro posa con nós e co cartel que fixemos para lembrar a Xabier.

Encontro coa escritora Yolanda Castaño

O pasado 27 de marzo, no Centro Cultural As Torres de Santa Cruz, os alumnos de 2º de ESO participaron nun espectáculo poético-visual creado pola escritora compostelá Yolanda Castaño a partir dalgúns dos seus poemas máis coñecidos. A súa voz e a imaxe guiaron aos rapaces polo camiño sedutor da súa poesía e eles mesmos fixeron de críticos literarios interpretando algúns dos seus versos.

Unha boísima experiencia na que os adolescentes puideron disfrutar da poesía dun xeito innovador.

 

 

FALANDO A BOCA CHEA

 

 

O xoves 11 de abril ás 12h  o alumnado de 3 ESO, 4ESO e 1 BACH puido disfrutar dun monólogo de Cándido Pazó no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera. A actividade formaba parte do Festival de Narración Oral “Falando a boca chea” que organiza o Equipo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros.

Dende o Equipo de Dinamización Lingüística  do IES MIraflores estamos encantados de  que se nos oferten este tipo de actividades a prol da nosa lingua e cultura, pois o alumnado do Miraflores gozou ao máximo deste fantástico escritor,guionista e actor vigués...que tan ben sabe falar a boca chea...!

Concurso Coca-Cola 59 edición

CONCURSO DE RELATOS PARA OS ALUMNOS DE 2º DE ESO

 

O pasado venres 22 de marzo seis alumnos de 2º de ESO participaron na fase provincial da 59ª edición do concurso Coca-Cola “Jóvenes Talentos de Relato Corto”, na modalidade de castelán. O acto tivo lugar na Aula Magna da facultade de Filoloxía de A Coruña.

Nesta ocasión o estímulo que inspirou a súa imaxinación era un reloxo de area, e a frase que tiñan que usar nos seus relatos, “La arena se escapaba lentamente”.

Moita sorte aos participantes!

Rafting 1º Bacharelato

O 3 de abril un grupo de 32 alumnas/os de 1º Bacharelato participaron nunha actividade de rafting no río Ulla, nun tramo entre Pontevea e Herbón. No transcurso da actividade producíronse algunhas caídas nos rápidos máis perigosos, pero sen máis consecuencias que un chapuzón (e algún pequeno susto) nunha auga un pouco fría. Quen quixo, tamén puido mergullarse desde unha rocha e deixarse levar pola corrente durante un pequeno tramo.

A actividade desenvolveuse nun espazo natural cunha vexetación típica de ribeira, composta fundamentalmente por ameneiros, salgueiros e bidueiros, mesturados con outras especies autóctonas como carballos e loureiros, coa compaña dalgúns patos e cormoráns. Así mesmo, tamén puideron ver de cerca as “pesqueiras” da lamprea.

     

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut