Skip to Content

Dinamización lingüística

Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

Antía Yañez no IES Miraflores

Con motivio da celebración do Día Internacional da Eliminación  da Violencia da Muller,o alumnado de 3º ESO do IES Miraflores, asistiu hoxe 24 de novembro no salón de actos a unha charla-coloquio impartida pola escritora Antía Yañez.

O alumnado puido conversar sobre feminism, vionecia machista...a través de exemplos na propia literatura,  redes sociais,  prensa escrita ou na sociedade en xeral. 

A escritora burelá, autora de libros tan significativos como Be water e Senlleiras, fíxolles reflexionar sobre esta lacra tan presente na sociedade, a importancia de desbotar prexuízos tan arraigados e mudar certos comportamentos e actitudes.

A actividade estaba organizada pola  Equipo de Dinamización Lingúística grazas ao Fondo Xacobeo de Proxectos Culturais do ano 2021.

 

PREMIO OTERO PEDRAIO

Rosario Álvarez: «No meu barco non vou soa»

Alfredo López PenideLÓPEZ PENIDEPONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CONSELLO DA CUTURA GALEGA

A primeira muller en presidir o Consello da Cultura Galega acaba de ser galardoada co Otero Pedraio

14 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando recibiu a chamada da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, para comunicarlle o premio Otero Pedraio, Rosario Álvarez Blanco (Pontevedra, 1953) «non pensei nos primeiros segundos da conversa que me estivese chamando para comunicarme unha nova tan boa como esta. Pensaba que necesitaría algún tipo de enderezo ou que me ía pedir axuda dalgunha maneira para comunicarlle o premio a outra persoa». A primeira muller en presidir o Consello da Cultura Galega, cargo que ostenta dende o 2018, deixa claro que se trata dun «premio moi prestixioso e leva o nome dunha figura da nosa cultura á quen eu, persoalmente, sempre admirei moito, aínda que poida haber moita distancia con respecto a el e o seu pensamento nalgúns puntos. É algo que me ilusiona especialmente e o feito de ser compartido con Menchu Lamas, que é unha muller importantísima dentro da nosa cultura, tamén o fai aínda máis emotivo».

Catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa na Universidade de Santiago, da que foi vicerreitora de profesorado entre 1990 e 1994, e directora do Departamento de Filoloxía Galega de 1995 a 1999, Rosario Álvarez foi directora do Instituto da Lingua Galega durante oito anos, os comprendidos entre o 2005 e o 2013. É integrante do equipo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), é coautora de dúas gramáticas do galego, con Henrique Monteagudo e Xosé Luis Regueira (1986) e Xosé Xove (2002), e investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega, institución na que ingresou no 2003 e onde coordinadora do Seminario de Gramática e é directora da Sección de Lingua.

Un dos campos no que Rosario Álvarez é especialista é o da gramática e a lingüística, áreas nas que na actualidade existe o debate en torno á linguaxe inclusiva: ¿un síntoma de as linguas están vivas ou é algo forzado? «As linguas están vivas —responde ao respecto—, porque de non estar vivas, malo. O que está viva é unha sociedade que lle reclama á lingua modos de expresar aspectos que antes, digamos, non había ese coidado en expresar. A lingua ten que responder as necesidades comunicativas, expresivas, de contidos... da sociedade que a fala e ten que poñerse ao día continuamente. A lingua galega do século XVIII non é mesma que a do século XIX ou do XX, porque houbo unha evolución».

 

De igual modo, no século XXI «hai conceptos que os nosos avós non tiñan que expresar, porque non existía ese concepto e non tiñan o léxico», pero, de igual modo, «se a sociedade preocupase por visibilizar unha igualdade tamén de xénero, a lingua ten que dotarse dos recursos necesarios. É unha demanda da comunidade lingüística que fala esa lingua». En todo caso, considera que esa acomodación da lingua á nova necesidade «debe facerse cun xeito, con cautela, tino e non de maneira excesivamente artificial. Hai que ter un tempo para reflexionar sobre cales poden ser os trazos que dende a autoridade lingüística se impulsan».

Rosario Álvarez, aínda que recoñece que é difícil autodefinirse porque «un pode tender a ser autocompracente», considerase «unha persoa optimista, creo que non optimista dunha forma irresponsable, senón unha persoa que confía en aspectos que están da nosa man. Confío na educación e está na nosa man procurar unha boa educación para todo mundo e inclusiva en todos os sentidos para que cada xeración estea máis e mellor educada que a anterior. Confío na reflexión e no dialogo. Aquel refrán de que ‘falando enténdese a xente’ e unha verdade. Non hai fendas que non se poidan encher cando un dialoga reflexivamente. E confío en que a educación e o dialogo reflexivo conducen a reforzar os afectos entre xente que pode ter posicións moi diferentes. Sempre traballei en equipo, sempre promovín crear redes de apoio, de intercambios... No meu barco non vou soa. Hai moita xente que pon vento nas miñas velas e eu recoñézoo. Sei que este premio é de moita xente máis que está aí. Son moitas e moi diversas as persoas que impulsaron o meu barquiño dende que nacín na Fonte dos Tornos de Pontevedra».

 

Si lle preguntan a Carmela Silva, a súa resposta é que a presidenta do Consello da Cultura Galega «é unha das mulleres máis relevantes da cultura en Galicia». «Ogallá sexa verdade!», afirma Álvarez Blanco: «Son consciente da posición que ocupo, pero penso que somos moitas as mulleres as que estamos na cultura galega nos distintos niveis e con distintos tipos de contribucións (...). A maquinaria do ecosistema cultural galego está sendo movida por mulleres. e moitas delas teñen un peso específico», engade asumindo que «para o ego pode ser gratificante, pero, insisto, por sorte para este país hai moitas mulleres relevantes na cultura galega. Moitas máis das que se darán premiado».

Unha base de datos reúne coa grafía orixinal toda alírica galego.portuguesa.

 

 
Montse García IglesiasMONMONTSE GARCÍASANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Membros do equipo de investigación que elaborou a ferramenta no Centro Ramón Piñeiro.

Membros do equipo de investigación que elaborou a ferramenta no Centro Ramón Piñeiro. XOÁN A. SOLER

O proxecto supón a transcrición paleográfica de máis de 61.700 versos

14 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un total de 3.200 arquivos con 61.757 versos conforman a primeira base da datos paleográfica da lírica galego-portuguesa, que foi desenvolta no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O obxectivo desta ferramenta que recolle a transcrición de todos os testemuños da tradición trobadoresa mantendo a grafía do xeito máis fiel posible á dos códices orixinais é facilitar o seu estudo. «Con ela vanse poder contrastar moitas das afirmacións que ata o de agora se teñen feito sobre a lingua medieval», asegura Pilar Lorenzo, que xunto con Mercedes Brea e Antonio Fernández Guiadanes estiveron á fronte deste proxecto que ten detrás máis de quince anos de traballo e que aínda continuará desenvolvéndose.

Esta nova base de datos en liña coa transcrición paleográfica acompañada tamén das imaxes orixinais dos códices, denominada PalMed, supón un paso más para o Centro Ramón Piñeiro despois de poñer en marcha en 1998 outra recollendo o corpus completo da lírica galego-portuguesa, incluíndo os textos e información sobre eles. Por que facer esta nova ferramenta coa transcrición paleográfica? «É importante por dous motivos. Primeiro, porque non podes facer unha edición crítica sen ter unha boa transcrición previa. E, segundo, porque a maior parte dos estudos de historia da lingua ou sincrónicos sobre a lingua medieval están feitos sobre edicións e estas non recollen o que din os manuscritos, senón o que propón o editor. Entón, para poder saber como era realmente a lingua na Idade Medie hai que traballar directamente sobre os manuscritos, pero non todo o mundo ten facilidade para acceder a eles e para lelos», responde Mercedes Brea.

A transcrición paleográfica cobra especial relevancia na lírica galego-portuguesa porque conta cunha «tradición pobre, de poucos manuscritos», resalta Antonio Fernández, fronte a outras como, por exemplo, a occitana ou a francesa. Iso fai que, finalmente, se lle preste especial atención á grafía, «que tamén é fonte de moita información e moi relevante». Dese xeito, á hora de facer a transcrición paleográfica do Cancioneiro de Ajuda, o Pergamiño Vindel, o Fragmento Sharrer, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana optaron por unha fórmula conservadora, tratando de preservar non só os grafemas, senón tamén a distribución dos folios coas mesmas liñas que ofrecen os manuscritos e a separación dos palabras. «Reprodúcese exactamente todo menos os debuxos e a decoración», explica Mercedes Brea.

 

Para facer esa transcrición paleográfica conservadora da lírica galego-portuguesa un dos retos foi establecer un código de escrita para adaptar as grafías existentes nos códices orixinais sen que perderan os seus valores. Isto permite estender o seu uso. «Sen necesidade de moitos cambios, a ferramenta podería ser aplicada a calquera das producións líricas medievais e tamén naquelas que non sexan líricas», engade Mercedes Brea. Outra das dificultades para desenvolver PalMed, segundo resalta a investigadora, foi a obtención de recursos económicos para poder contratar persoal e formalo.

Agora, acaban de obter financiamento a través do Ministerio de Ciencia para darlle continuidade con novos traballos. Deste xeito, o proxecto realizado no Centro Ramón Piñeiro, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, non vai rematar coa transcrición paleográfica dos códices do xeito máis fiel posible. O seguinte traballo que acometerán, segundo apuntan, é etiquetar toda esa base de datos de xeito gramatical e léxico. A previsión é completar este labor nun prazo de catro anos. «Canto máis coñeces o manuscrito e o que tes dentro, ao ler estudos de hai uns anos, dáste conta do máis fiables que serían as hipóteses que lanzan se se partise deste tipo de transcricións paleográficas e non de edicións críticas», afirma Antonio Fernández.

 

Interese tamén de investigadores estranxeiros e orixe para novas publicacións

A base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa do Centro Ramón Piñeiro está espertando non só interese en Galicia, «senón que están contactando con nós tanto especialistas como doutorandos doutros países», resalta Pilar Lorenzo, lembrando que esta tradición «supón o nacemento da nosa literatura. Ademais, a nivel peninsular é a primeira transmisión que ten carácter orgánico. É a secuencia de arranque, se un quere entender todo o que vén despois, ten que partir de aí». Pero non é só que esperte o interese, senón que tamén esta transcrición paleográfica xa está propiciando que saian novas publicacións, segundo apuntaron desde o equipo que dirixiu PalMed.

Un dos puntos fortes que achega esta nova ferramenta é que se trata, apuntan, dunha auténtica base de datos, xa que o existente ata o momento «son repositorios textuais que permiten certas buscas, pero moi limitadas», afirma Antonio Fernández. Nese sentido, «hai a posibilidade de facer combinacións entre campos de busca distintos para obter uns resultados moi específicos, algo que non permiten outras aplicacións que están dispoñibles», engade Brea, lembrando tamén que se trata dunha transcrición paleográfica moi conservadora, algo que tampouco é habitual.

 

Xunto a Mercedes Brea, Pilar Lorenzo e Antonio Fernández, tamén traballaron nesta nova base de datos José Carlos Sánchez Rivas, Carmen de Santiago, Helena Bermúdez, Déborah González, Simone Marcerano, María Isabel Morán Cabanas, Susana Pedro e María Ana Ramos. «Unha das fortalezas para desenvolvela foi que traballamos xente de distintos ámbitos e é un proxecto internacional con colaboradores de distintos países», destaca Pilar Lorenzo.

O verdadeiro tamaño de cada idioma do mundo, ilustrado neste estupendo gráfico

SAMAÍN 2021

MENÚ MES DE NOVEMBRO

NOVAS VOCES FEMININAS GALEGAS

As «millennials» que axitan con forza as nosas letras

 

As autoras Berta Dávila, Ana Fontenla, Sara Vila Alonso e Antía Yáñez.

As autoras Berta Dávila, Ana Fontenla, Sara Vila Alonso e Antía Yáñez.

Son menores de 35 e comparten unha ollada feminista e xeracional. Que novas voces refrescan o panorama literario e social?

15 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Oluns que vén celébrase o Día das Escritoras, unha data aínda sen moita tradición, pero necesaria para reivindicar o papel das mulleres na escrita. Certo é que na literatura galega temos de mascarón de proa a Rosalía de Castro, pero non o é menos que foi un caso excepcional en todos os sentidos. O presente século está chamado a reverter esta anomalía e a día de hoxe moitos son os nomes de referencia nas nosas letras. Elas emprenderon un camiño non sempre doado que facilitou e facilita a andaina ás novas xeracións.

 

Berta Dávila.

Berta Dávila. XOAN A. SOLER

 

Mentres en poesía publican a unha idade precoz, en narrativa non ocorre o mesmo, quizais porque unha novela precisa de máis alento, de máis tempo e doutras condicións das que non goza a xuventude actual. As editoriais afanáronse en realizar antoloxías coas novas promesas poéticas, pero ese intento non callou noutros xéneros. Quizais algunhas desas voces rematen por escribir tamén narrativa, como lle aconteceu a Berta Dávila (Compostela, 1987), que se iniciou co poemario Corpo baleiro, pero a quen lle chegou o éxito no 2015 con O derradeiro libro de Emma Olsen. A esta novela seguíronlle Carrusel e Illa decepción, coas que recibiu o favor da crítica e do público grazas ao seu estilo coidado ou ás imaxes precisas que nos insiren en mundos cheos de autenticidade. A súa escrita envólvenos nun mar de sentimentos e logra penetrar psicoloxicamente nas personaxes, especialmente nas femininas, que acadan gran protagonismo. A enfermidade, a saúde mental, a morte ou a memoria son temas recorrentes e que trata de maneira memorable.

Da poesía tamén procede Lara Dopazo (Marín, 1985), que hai un ano publicou o celebrado libro de relatos O axolote e outros contos de bestas e auga, co que gañou o Premio Illa Nova. Anteriormente fixérase co certame Antía Yáñez (Burela, 1991) con Senlleiras, unha novela de grande éxito que intercala a historia de dúas mulleres en épocas moi diferentes, pero igualmente silenciadas. Yáñez defende que as súas obras son unha arma para cambiar o mundo, un instrumento capaz de entreter, por veces divertir, pero tamén de concienciar e, sen dúbida, faino grazas ao bo manexo do misterio e da acción.

 

 

Antía Yáñez.

Antía Yáñez. ANGEL MANSO

 

O Premio Illa Nova de Narrativa está destinado a menores de 35 anos, nunha aposta da Editorial Galaxia polos novos valores. O vindeiro mes estará nas librerías Oito días sen Eva Cortes, a novela coa que Sara Vila Alonso (As Neves, 1989) gañou a última edición. Esta xornalista mantén a súa mirada na ficción, pois será a través dunha redactora dun xornal que vaiamos debullando as pistas da desaparición dunha muller, ao tempo que descubrimos paralelismos entre ambas, sobre todo en relación cos seus medos e desexos.

 

Sara Vila Alonso.

Sara Vila Alonso.

 

Finalista deste premio foi Andrea Barreira (A Fonsagrada, 1986) con Palabra de bruxa, unha obra que aínda a semana pasada era recomendada nestas páxinas pola instagramer Surfeando Libros. Agora ben, tamén hai voces que se estrean sen o respaldo dun xurado, como Ana Fontenla (Vilagarcía, 1992), que en Números vermellos afrontou os problemas da súa xeración: a precariedade, a busca da identidade, a incerteza, o amor... Son textos moi heteroxéneos, que dialogan moi ben co seu traballo performativo e teatral, que nos aguilloan como sociedade e nos retratan, especialmente ás mulleres. Dende o mundo da escena soa con forza Ana Abad de Larriva (Vigo, 1988), gañadora do premio de textos teatrais Vidal Bolaño con A sombra das árbores e, máis recentemente, do I Certame de Microteatro da Memoria, onde dá voz a María, a nai do último alcalde republicano de Tui.

 

 

Ana Fontenla.

Ana Fontenla. monica irago

 

Elas son só algunhas das nosas escritoras novas e veñen non só para quedar, senón para axitar o panorama editorial dende a súa perspectiva millennial. Unha xeración preparada e crítica, que reclama o seu espazo e a quen lle quedan todas as historias por contar.

MENÚ COMEDOR MES DE OUTUBRO

EMPEZAMOS UN NOVO CURSO...

Dende o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Miraflores, queremos darvos a benvida a todos e todas e en especial ao alumnado que se incorpora este curso ao centro.

Agradamos que participedes das nosas actividades e nos fagades partícipes de calquera suxestión que implique traballar por e para a nosa lingua: O GALEGO

Este ano co noso Proxecto CO GALEGO CHEGARÁS LONXE...

No hay fronteras: Estudiar las lenguas cooficiales en España (III): El  gallego

Distribuir contido


by Dr. Radut