Skip to Content

Bioloxía e Xeoloxía

Presente e futuro da Enxeñería

Charla sobre o presente e o futuro da enxeñería con Ignasi Colominas

O alumnado de Stembach conversou co Catedrático da Escola de Enxeñeiros, Ignasi Colominas nunha distendida charla sobre as enxeñeiras e enxeñeiros, os proxectos e servizos en que participan, problemáticas que afrontan e solucións aplicadas, e tamén sobre un mercado laboral no que se prevé unha demanda de persoal formado en enxeñaría moito maior do que está estudando actualmente.

Transplantes e Doazón de órganos

O 30 de outubro achegouse ata o Miraflores Fernando Mosteiro, o coordinador de transplantes do CHUAC para dar unha charla arredor da doazón e do transplante ao alumnado de 3º de ESO e de 3º e 4º de PDC.

Na charla, Fernando explicou que son os trasplantes, os diferentes tipos, a complexidade organizativa deste tipo de intervencións e a importancia dos donantes compatibles, pezas claves do proceso. Falounos tamén do consentimento presunto e da importancia de manifestar en vida a nosa opinión sobre este tema. Para finalizar, solventou numerosas dúbidas e repartiu, entre os asistentes, un cadernillo que recolle as respostas ás preguntas máis frecuentes que adoitan xurdir sobe o tema.

 

TALLER MICÓFILO

O martes 17 de novembro o alumnado da materia de Ámbito Científico-Tecnolóxico de 4º ESO participou nun Obradoiro-visita guiada á exposición “Wood Wide Web, a rede que dá vida ao planeta”. A actividade foi promovida pola asociación AMABUL e tivo como obxectivo dar a coñecer e sensibilizar sobre a importancia ecolóxica e ecosistémica dos fungos nos nosos bosques.

 

Actividade 'Disección dun corazon'

No mes de maio, todos os estudantes da materia de Bioloxía e Xeoloxía de 3º da ESO tiveron a oportunidade de realizar unha visita á Domus para participar na actividade: "Disección dun corazón". O alumnado puido repasar os contidos xa estudados sobre a anatomía e fisioloxía deste órgano, a través dunha experiencia práctica que resultou moi motivadora.

Aproveitamos a visita para percorrer as demais exposicións que están disponibles actualmente neste museo e para realizar un kahout interactivo na exposición "Bocados".

 

SAÍDA AO INTERMAREAL

O 19 de maio, aproveitando unha baixamar de mareas vivas, o alumnado de Bioloxía de 1º Bach, acompañado por porfesorado do Dpto. Bioloxía e Educación Física desprazouse a pé ao intermareal rochoso de Bastiagueiro pequeno. Alí realizaron un traballo de caracterización do medio físico, un "bioblitz" (identificación e rexistro das diferentes especies detectadas na contorna) e un estudo da zonación dos crustáceos.

Saída ao Monte Pindo

O alumnado de Bioloxía de 1º Bacharelato, acompañado por profesorado dos Dptos de Bioloxía e Educación física, realizaron, o pasado 11 de maio un roteiro pola Contorna do Monte Pindo. O ascenso, dende o nivel do mar, en Quilmas, ata o Chan de Lourenzo, transcorreu entre diferentes hábitats onde o alumnado realizou un traballo de identificación de especies endémicas e protexidas, así como de especies invasoras. Ao longo da intensa camiñata observamos orquídeas autóctonas, réptiles e anfibios endémicos e múltiples exemplos de interacción planta-animal e planta-planta.

CHARLA E SAÍDA AO PARQUE NATURAL DE CORRUBEDO

Os pasados días 12 e 15 de maio os alumnos de Bioloxía de 4 ESO realizaron sendas visitas ao PN Corrubedo acompañados por profesorado dos Dptos de Bioloxía e Educación Física. Antes da saída recibimos na aula ao ambientalista Ángel Prieto quen, nunha conversa co alumnado, presentou os valores e a importancia do Espazo. Xa na saida, acompañados polos expertos do CEIDA Laura Calvo, na primeira visita e Jorge Gude, na segunda, poidemos observar a aprender sobre o terreo acerca da biodiversidade e dos valores culturais sociais e ambientais da zona. O alumnado, coa axuda dos técnicos, profesores e empregando apps de identificación de flora, levantaron un extenso inventario da diversidade biolóxica observada.

 

Charla sobre Consumo Responsable

O pasado 30 de marzo o alumnado de 3º da ESO da materia de Bioloxía e Xeoloxía e o de Cultura Científica de 4º da ESO, asistiu no centro a unha charla da Escola Galega de Consumo sobre Consumo responsable. Na mesma recibiron información útil e práctica para poder facer compras máis intelixentes e sostibles. Belén falounos, entre outras cousas, da importancia de planificar as nosas compras para axustalas ás nosas necesidades, de ler as etiquetas así como dos dereitos que temos como consumidores. Cuestións que todos deberiamos coñecer e aplicar na nosa vida diaria.

Defensa dos proxectos STEMbach

Durante a tarde do martes 14 de marzo o alumnado que cursa o segundo ano de STEMbach defendeu o seu traballo de investigación ante un tribunal formado por profesores da Universidade de A Coruña e do IES Miraflores. Nicolás Agüero, Diego Campo, Guillermo Amor e Daniel Sexto faláronnos de como traballaron no desenvolvemento e análise da propiedade de novos polímeros para realizar envases biodegradables e sen emisión neta de CO2, explicáronnos a montaxe e programación dun robot para que, de forma autónoma, identifique un obxecto e se dirixa cara el, ou do emprego dunha plataforma analítica de código aberto para construír e adestrar unha intelixencia artificial que recoñeza e clasifique imaxes. Ao longo das exposicións e diálogo co tribunal, os alumnos compartiron as súas experiencias traballando man a man con investigadores das áreas de física de materiais, ciencias da computación e tecnoloxías da información e relataron os retos e dificultades que xurdían nas diferentes fases do proxecto e como traballaron para superalas.


Os alumnos recibiron as felicitacións e parabéns dos membros do tribunal pola participación no programa, o desenvolvemento dos traballo e as defensas presentadas.

Xornada de aprendizaxe e análise do estado ecolóxico dun espazo natural

O alumnado de Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais, de 1º Bacharelato, acompañado por profesorado dos Dptos de Bioloxía e Educación Física e persoal do Grupo Naturalista Hábitat, visitou o ENIL Torre de Hércules para coñecer os hábitats de interese comunitario que existen na zona, as ameazas debidas ás especies exóticas invasoras (EEI) e os traballos de recuperación ambiental mediante voluntariado que O Grupo Naturalista Hábitat, en colaboración coa Universidade da Coruña e o Concello da Coruña veñen realizando na contorna, en particular a eliminación da EEI Carpobrotus spp. Durante a visita as alumnas e alumnos realizaron -baixo moi adversas condicións meteorolóxicas- mostraxes de campo para cuantificar a biodiversidade en parcelas ocupadas por Carpobrotus, parcelas non invadidas e parcelas que foron recuperadas tras a erradicación das EEI. A partir dos datos obtidos elaborarán un informe e compararán a biodiversidade nas diferentes parcelas e avaliarán a eficacia dos traballos de recuperación dos hábitats.

Distribuir contido


by Dr. Radut