Skip to Content

Somos Miraflores

Avda Miguel Hernández, 8. 15173- Oleiros (A Coruña).

Tno: 881 880 845. e-mail: ies.miraflores@edu.xunta.es

Correlingua 2024

O Correlingua é unha iniciativa normalizadora que leva desde o ano 2006 levando a centos de centros educativos a dar pasos pola defensa e promoción do uso da nosa lingua.

 

O pasado 10 de maio un par de grupos de 1ºESO, xunto co alumnado de PDC e seis profesoras fixemos unha andaina polo paseo marítimo da Coruña para rematar nunha grande festa ao pé da Torre de Hércules. O día foi solleiro e espléndido, o que permitiu que gozásemos tanto do paseo como da compañía doutros centros educativos da  contorna, coincidindo ademais con alumnado de outros CEIP de Oleiros, de especial interese para o alumnado que desfrutou en compartir actividade con irmáns ou amigos que un ano atrás acudían con eles e elas ao mesmo cole.

 

Tinta de Calamar

Co gallo da celebración do día das letras galegas os grupos de 2º e 4º da ESO acudiron a biblioteca Rialeda para ter unha parolada con Ramiro Neira, marabilloso comunicador que falou de Luísa Villalta poeta, pero tamén violinista, ensaísta, dramaturga e, sobre todo, mestra.

 

Coa figura de Luísa docente, quixo Ramiro reflexionar con eles sobre a importancia de ler e de aprender a entender o que lemos, reflexionou sobre a posibilidade de que a educación implique compartir, pero chamoulles ademais a atención sobre o feito de  que non se pode compartir se non partimos dun respecto polos noso iguais e polos nosos docentes.

 

GAÑADORAS DO CONCURSO DE MARCAPÁXINAS. LETRAS GALEGAS 2024. LUISA VILLALTA

O xurado do IES Miraflores constituído polas profesoras Ana Sogo, Begoña Bugía, Vanessa Lesta e Graciela Grande, fallou en favor das  alumnas de 1º bacharelato do IES Miraflores:
 

1º PREMIO. ALBA DINA AMAKRANE FERNÁNDEZ

2º PREMIO. LOLA FÍRVIDA GONZÁLEZ

3º PREMIO MARIA RENÉ AGNE AQUINO

Parabéns!!!!!!!

 

LOIS PÉREZ E A TRIBO DO MAR

O mércores 15 de maio o alumnado de 3º ESO C e D tivo o pracer de compartir unha hora co escritor lucense Lois Pérez, que xa nos visitara o curso pasado para conversar sobre A gruta da torre.

 

Nesta ocasión, a charla versaba sobre o seu libro  A tribo do mar Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.

Unha aventura que mira as feridas do mundo e navega polas súas historias invisíbeis. Como unha tribo do mar.

Ademais de falar dos protagonistas da novela e dalgunha que outra vivencia de carácter persoal, adiantou tamén cal será o libro que sairá ao prelo nos vindeiros meses e que gañou recentemente o premio MarÍa Victoria Moreno de Literatura Infantil e Xuvenil : Cartas na escuridade, que el mesmo definiu como irmán de A tribo do mar.

A Actividade estaba organizada polo Departamento de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Miraflores.

REPARTO DE FROITA FRESCA NO INSTITUTO

Desde o día de hoxe (mércores 16 de maio) e todos os xoves ata que remate o curso, o alumnado do centro terá á súa disposición no segundo recreo, de maneira gratuíta, un vaso de froita fresca.

Con esta iniciativa, financiada pola ANPA do IES Miraflores e a empresa de servizo de comedor ASUETO, continuase co proxecto para fomentar o hábito saudable do consumo de froitas de tempada.

A falta de tempo e a preguiza para preparala fai que a rapazada substitúa o consumo de froitas por outros alimentos procesados e azucrados (barritas de cereais, chocolate, lambetadas...).

A oferta da froita preparada, visualmente apetecible e gratuíta, fai que o alumnado opte por probar e, tal vez, por substituír os alimentos que consome habitualmente por este máis saudable.

 

RECOLLIDA TÍTULOS DA ESO E BACHARELATO

Xa están a disposición dos interesados e interadas os títulos da ESO pertencentes á promoción do 2019-2022 e os do Bacharelato da promoción 2020-2022.

PUBLICACIÓN DAS LISTAXES DEFINITIVAS ADMISIÓN ORDINARIA 2024-2025

PUBLICACIÓN DAS LISTAXES DEFINITIVAS DO ALUMNADO ADMITIDO E NON ADMITIDO EN 1º E 2º ESO (por ser os postos escolares ofertados inferiores ao número de solicitudes de admisión): 15 DE MAIO DE 2024

As persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada a ditas listaxes ante a persoa titular da xefatura territorial no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación. A resolución da persoa titular da xefatura territorial porá fin á vía administrativa e contra esta cabe interpor recurso potestativo de reposición ou recurso contencioso-administrativo.

PARTICIPACIÓN NO XXVIII DÍA DA CIENCIA NA RÚA

Un grupo de alumnado e profesorado do IES Miraflores participou o pasado sábado, 4 de maio, no vixésimo oitavo Día da Ciencia na Rúa, celebrado no parque de Santa Margarida. Os departamentos de Física e Química e Matemáticas presentaron os seus traballos e o alumnado foi o encargado de explicar aos visitantes en que consistían.

Aqueles e aquelas que visitaron a nosa haima puideron construír dende poliedros a tensegridades, así como montar mosaicos ou comprender como funciona unha porta lóxica. Tamén se fixeron esferificacións e ata un volcán de escuma.
Agradecemos a todo o alumnado que nos acompañou esa mañá e agardamos volver para a próxima edición.

Aprendemos na Natureza (O Courel) - Bioloxía 1º de bacharelato

Os pasados días participamos co alumnado de 1º Bacharelato na actividade “Aprendemos na Natureza”. Visitamos o museo xeolóxico de Quiroga guiados por Moncho, coñecemos as microreservas de orquídeas na compañía de Marcos, camiñamos a Devesa da Rogueira, xunto a Fran, Brais e Jero e desfrutamos da sabrosa cociña de Maribel e Dolores. Durante 3 días convivimos, coñecemos algo da súa flora e fauna así como da historia, cultura e das xentes da Serra do Courel: Parque Natural, XA!

CALENDARIO FIN DE CURSO 2º BACHARELATO – CONVOCATORIA ORDINARIA – MAIO 2024

Segundo a Orde do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa: Será necesaria a avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos de bacharelato para a obtención do título de bacharel”.

O alumnado que non supere algunha materia, logo da avaliación final do período ordinario, coa finalidade de facilitar a súa recuperación, terá dereito a realizar unha proba extraordinaria entre o 10 e o 12 de xuño (segundo calendario elaborado dende Xefatura de estudos).

Entrega de boletíns da convocatoria ordinaria de 2º de Bacharelato:  O xoves, 16 de maio, ás 08:30 horas, a xefa de estudos fará entrega no Salón de actos dos correspondentes boletíns xunto coa documentación necesaria para que o alumnado que titule poida solicitar o título de bacharel e proceder a formalizar a matrícula na ABAU, se así o desexa.

Referencias legais do procedemento de reclamación das cualificacións e das decisións de promoción e titulación:

Orde do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa.

 Instrución 10/2023 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se establecen para o curso 2023/2024 os prazos e o procedemento para as reclamacións das cualificacións finais no segundo curso de bacharelato ou da decisión de titulación nesta etapa educativa.

Revisión das cualificacións no centro: Durante o luns 20 e o martes 21 de maio, de 9:00 a 13:30 horas, o alumnado, de ser maior de idade, ou as súas nais, pais ou as persoas titoras legais, de ser menor de idade, poderán solicitar ao profesorado a revisión das diversas probas e as aclaracións que consideren precisas (Anexo 1).

No suposto de que, tras as oportunas revisións e aclaracións, persista o desacordo con algunha cualificación final, o alumnado, de ser maior de idade, ou as súas nais, pais ou as persoas titoras legais, de ser menor de idade, poderán solicitar por escrito no centro (Anexo 2) nese mesmo prazo (luns 20 e martes 21 de maio, de 9:00 a 14:00 horas) a revisión da devandita cualificación por parte do correspondente departamento didáctico. Este emitirá un informe que recollerá, entre outros aspectos, a decisión adoptada de modificación ou ratificación da cualificación final obxecto de revisión. En todo caso, a reclamación formal abranguerá unicamente as cualificacións finais.

Notificación escrita por parte da dirección do centro aos/ás interesados/as da decisión razoada de ratificación ou modificación da cualificación revisada por parte do departamento: Esta levarase a cabo o mércores, 22 de maio, ás 18:00 horas, na Xefatura de estudos do centro.

Reclamación ante Xefatura Territorial:  No caso de que, tras o procedemento de revisión no centro, persista o desacordo coa cualificación final, o alumnado, de ser maior de idade, ou a súa nai, pai ou as persoas titoras legais, de ser menor de idade, poderán presentar por escrito á dirección do centro durante o xoves, 23 e o venres, 24 de maio, de 9:00 a 14:00, reclamación ante Xefatura Territorial (Anexo 3).

A dirección do centro remitirá o expediente á Xefatura territorial que emitirá resolución motivada e que se comunicará á dirección do centro para a súa aplicación e traslado á persoa interesada.

Contra a resolución da Xefatura Territorial, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Distribuir contido


by Dr. Radut