Skip to Content

 Lamas de Castelo s/n - 15293 - Carnota (A Coruña) - ies.lamas.castelo@edu.xunta.gal - 881867200

Horario: de luns a venres de 8:40 a 14:10 - luns tarde de 16:20 a 18:00 - recreo de 11:10 a 11:40




Curso 2007-2008

Pero quen puido dicir tal?

Morra a intelixencia! Viva a morte! Así, con exclamación. O certo é que é unha frase ben famosa. Pronunciouna Millán Astray
no paraninfo da Universidade de Salamanca o 12 de novembro de 1936,
cando a Guerra Civil levaba apenas uns meses, cando, en realidade, máis
que dunha guerra se falaba aínda dunha sublevación militar, dun golpe

de estado que non acababa de triunfar definitivamente. Quizais esa foi
unha das consecuencias máis graves do 18 de xullo do 36 (á marxe da
conseguinte dictadura franquista durante catro décadas), o feito de que
desembocara nunha guerra ao non ser sufocado pola República nin acabar
de impoñerse. As estimacións máis altas falan de que preto dun millón
de almas pagaron ese impasse, ese fatídico punto morto de tres anos.
         

Franco e Millán Astray

Curiosamente, dous dos protagonistas da sublevación, Millán Astray (fundador da Lexión) e o propio Franco eran galegos. Foi o primeiro deles o que berrou a frase de hoxe ao escoitar a Unamuno dicir outra das proclamas máis famosas do conflicto: Venceredes, pero non convenceredes.
Neste punto son varias as versións que relatan o acontecido no acto,
mesmo hai dificultades para pórse de acordo no que berrou exactamente o
militar coruñes.

De todos os xeitos, o que si queda claro é o abismo moral e ético entre vencer (a punta de pistola), actitude propia dos bárbaros prepotentes que buscan exterminar ao contrario e, convencer (a
base de argumentos), actitude do intelectual que rexeita a violencia e
opta pola paz e o diálogo como medio de solución de conflictos.

 

Miguel de Unamuno.

A
semana pasada falabamos na clase de Ética de que o conflicto é algo
natural, é normal que xurdan diferencias entre nós. O que xa non é
natural é tratar de solucionalo por medio da violencia porque, ao
final, esa solución
redúcese a unha imposición, xusta ou non, pola forza. A outra opción é dialogar, escoitar as dúas partes,
tratar de achegar posturas, de limar diferencias, mesmo de saber ceder
se estamos errados e ser capaces de recoñecer que o contrario ten
razón. Algúns falan de guerra xusta (se é
que as dúas palabras poden ir no mesmo sintagma) cando existe unha
causa xusta e certa, cando esta sexa proporcional aos males que vai
ocasionar na procura do ben común. Iso era o que pensaba o piloto do Enola Gay,
falecido hai unhas semanas, que defendeu ata o último momento o
lanzamento da bomba atómica sobre Hiroshima en agosto de 1945. Dicía
que as 70.000 persoas que morreron nunha fracción de segundo serviran
para evitar máis mortes, rematando así a Segunda Guerra Mundial. Señor Paul Tibbets, onde queira que estea, permítanos que o dubidemos.

Hoxe, no canto de pór unha frase nova, ímoslle adicar este curruncho da web a Abel e a Serxio,
agardando que aprenderan que ante un conflicto, do tipo que sexa,
sempre hai dúas opcións: a) a violencia. b) a razón. Vós decidides...

A Xeración Prestige

O
tempo non se para con ninguén. Xa vai alá un lustro, cinco anos daquel
fatídico 13 de novembro no que un barco pirata cargado de ouro negro
desatou unha galerna de chapapote sobre as nosas costas. Carnota foi
unha das zonas máis afectadas pola marea negra do Prestige e,
inevitablemente tamén, pola marea branca. Milleiros de mans voluntarias
recolleron piche no Ximprón, en Boca de Río, Ancoradoiro, nos areais de
Lariño, Lira, Maceiras, Carnota, Caldebarcos, Gures... Daquela, Antón,
Hugo, Chindo, Jose, Mauro, Abel, Iria e Aitana eran alumnos de
primaria, pero os seus ollos vírono todo cuberto daquela manta escura.
E hoxe aínda se lembran daquel Nadal negro. Como nos lembramos todos
cando vemos a famosa fotografía de Xurxo Lobato do vello petroleiro partido en dous, gañadora de varios premios e seleccionada para o tomo Siglo XXI da colección de El País, La mirada del tiempo.
A Axencia EFE púxose en contacto co Departamento de CC.SS. do Lamas de Castelo para buscar rapaces que quixeran participar nunha entrevista sobre os cinco anos da marea negra. E o resultado foi un artigo, A Xeración Prestige, que apareceu publicado en Galicia Hoxe, La Región, De luns a venres pero que se pode consultar tamén nas hemerotecas dixitais de elmundo.com, yahoo! noticias, periodistadigital.com, terra, elconfidencial.com, Congreso Nacional de Medio Ambiente, 100cia.com...
No
corredor do primeiro andar do centro hai un pequeno mural cos recortes
de prensa e cos titulares das distintas edicións dixitais. Pronto
haberá unha foto aquí, tamén. Ah, e o feito de que en todos os xornais
apareza sempre o mesmo texto obedece a que é unha nova de axencia, é
dicir, unha axencia de noticias (EFE, neste caso) envía un
teletipo ás distintas redaccións, que o publican tal e como llo envían
ou con pequenas modificacións. Outras veces son as propias redaccións
dos xornais as que recollen a noticia cubríndoa cada unha á súa maneira.

Pontevedra, boa vila, dá de beber a quen pasa

O último Quen dixo tal...? nacera
inspirado nun paseo pola vila do Lérez. Alí, baixando dende a alameda
cara ao paseo das Corbaceiras, pasando por diante da Escola de
Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia chegamos a
unha praza recentemente remozada. Nun muro, con letras de brillo
metálico, aparece a frase da muller que lle dá nome á praza: Concepción Arenal. Puido ter sido calquera das tres propostas, pero no campo das frases lapidarias a ferrolana deixou algunhas frases memorables.
 
Ademais,
non foi casualidade que a frase aparecera en Pontevedra. Xa se pode
facer oficial: o departamento de CC.SS: organizou unha visita o
vindeiro mes de febreiro a Pontevedra, ao Porto de Marín
e á Casa da Matanza,
en Padrón. O da Casa da Matanza non ten nada que ver con San Martiño e
posibles degustacións de chourizos e filloas, nin tampouco con que alí
mataran a Rosalía, outra das mulleres galegas que aparecía na última
frase.
Na visita á capital da provincia haberá tempo para visitar varias
prazas: a Ferrería, a da Leña, a da Verdura, a de Méndez Núñez ou a de
Curros Enríquez. Nesta última hai un monumento a Alexandre Bóveda, asasinado no 36, moi pretiño de alí, na Caeira. Estes días, ademais, acaba de se estrear As trece Rosas do director Emilio Martínez Lázaro, baseada na novela de Carlos Fonseca, Las trece rosas rojas. Narra a historia
de trece mozas fusiladas no ano 39 en Madrid recén rematada a Guerra
Civil pola súa militancia esquerdista. Por iso a nova frase serviranos
para nos achegar ao terrible daqueles días. A Carmen, a Martina, a
Blanca, a Pilar, a Adelina, a Julia, a Adelina, a Elena, a Virtudes, a
Ana, a Joaquina, a Dionisia, a Victoria, a Luisa, ás outras 43 persoas
fusiladas aquel mesmo día e a todas as almas que pasearon por cunetas e
tapias de cemiterios van adicadas estas letras. Para tratar de facer
memoria e xustiza. Para decatarnos de que había (e hai...?) xente capaz
de berrar:
VIVA A MORTE! MORRA A INTELIXENCIA!
Quen puido ser capaz de dicir tal? Millán Astray? Yagüe? Franco? Primo de Rivera? Calvo Sotelo? Quizais alguén do outro bando?  

Cortegada volta ser de todos

A illa de Cortegada volta
ser de titularidade pública logo dunha rocambolesca historia
particular. En 1910 foi "cedida" (daquela maneira, como foi tamén o Pazo de Meirás aos Franco) a Afonso XIII coa idea de que o monarca construira alí unha residencia de verán. Co tempo, o seu fillo Xoan, o Conde de Barcelona (pai de Xoan Carlos I) rematou vendéndolla a unha inmobiliaria que tentou levar adiante un esperpento coma o de Toralla.
Afortunadamente Cortegada mantívose coas súas edificacións de sempre e
escapou á especulación urbanística máis marbellí e agora a Xunta acaba de facerse coa súa titularidade para que a incorporación do arquipélago ao Parque Nacional das Illas Atlánticas sexa plena.
Tamén nestes días vimos como o Concello de Corcubión pide que as Lobeiras entren
a formar parte desa reserva. Foi por iso que decidimos rescatar uns
traballos presentados polos alumnos (e alumnas, que a políticamente
correctos non nos gaña ninguén) de CC.SS. de 3º ESO do curso pasado.
Entre todos eles fomos facendo unha escolma parágrafo a parágrafo e o
resultado é o seguinte artigo.


Os parques nacionais son áreas naturais pouco transformadas pola acción
humana que, en razón á beleza das súas paisaxes, a representatividade
dos seus ecosistemas e a singularidade da súa fauna, da súa flora ou
das súas formacións xeomorfolóxicas posúen uns valores ecolóxicos,
estéticos, educativos e científicos polos que a súa conservación merece
unha atención preferente. Son, polo tanto, patrimonio natural e
cultural dun indubidable valor científico, recreativo e educativo.


No 2002 o BOE recollía o nacemento dun novo Parque Nacional na rede
española, o primeiro no caso galego: o Parque Nacional
Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. Esta nova área protexida conta
con máis de mil hectáreas terrestres e unhas sete mil marítimas e
inclúe catro arquipélagos situados nas Rías Baixas: Cíes, Ons, Sálvora
e Cortegada. Quedaron fóra outras zonas de indubidable beleza e valor
ecolóxico coma Cabo Udra, San adrián, Costa da Vela, a illa de San
Simón, Lobeira, o sistema dunar de Corrubedo, as illas Sisargas ou a
propia Costa da Morte, se ben non se descarta unha futura ampliación do
parque.

As Cíes desde o Monte Facho.

 


Situado nun entorno natural vencellado ao mar presenta unha enorme
biodiversidade, cunha gran variedade de ecosistemas. O valor ecolóxico
do medio terrestre é enorme, pero aínda o é máis o do medio mariño. E é
que os ecosistemas mariños, que sustentan unha extraordinaria
diversidade de especies vexetais e animais, presentan un moi bo estado
de conservación aínda que son susceptibles á
contaminación de hidrocarburos procedentes do tráfico marítimo (a marea negra do Prestige asolou
as costas de Cíes, Ons e Sávora aos poucos meses da declaración de
Parque Nacional), por sustancias orgánicas procedentes do
turismo estival e polos propios vertidos urbanos e industriais
ás rías. Tamén está o risco da sobreexplotación de recursos pesqueiros
e o uso de artes de pesca nocivas para o medio. O traballo do Parque
Nacional consiste, pois, en regular estas actividades para que os
ecosistemas naturais non se vexan afectados e para
que se desenvolvan de maneira sostible.

 


Mostra desa riqueza ecolóxica é que nas Illas Atlánticas están
catalogadas 412 especies vexetais terrestres, 200 especies de algas,
máis de 200 de animais terrestres e numerosas colonias de aves mariñas.
No tocante á vexetación hai especies de litoral, de cantil e de duna:
loureiro, piñeiros mansos, toxos, xestas mansas, pirixel de mar, herba
de namorar...

 

O arquipélago de Cíes
sitúase na boca da ría de Vigo e está formado por tres illas
(Monteagudo, Montefaro e San Martiño) e unha serie de pequenos illotes.
As dúas illas máis grandes, Monteagudo e Montefaro, están unidas por
unha barra de area resultado da acción das correntes mariñas. Fronte a
unha costa abrupta polo oeste, a costa leste deixa paso a mansas praias
coma a de Rodas. Na primeira das illas está o sistema dunar de
Figueiras e o faro de Monteagudo, onde se pode visitar un observatorio
de aves. En Montefaro está a praia de Rodas e a lagoa dos Nenos; ten
tamén un faro, un observatorio para o estudio ornitolóxico e alberga os
restos dun pequeno castro; mesmo se poden visitar as ruínas dun vello
mosteiro da época sueva.

 


En Cíes temos as dúas maiores colonias de gaivotas arxénteas e de
cormoráns moñudos de toda España e alí aniña tamén unha especie
protexida como é o
arao común.
En 1980 as Cíes xa foran declaradas Parque Natural, así como Zona de
Especial Protección para as Aves (ZEPA). A maior parte está cuberta de
toxo e matogueira baixa, con algúns piñeiros e eucaliptos, que xunto
coa acacia están a desprazar a flora autóctona da zona. No espacio
intermareal e nos fondos abondan percebes, bois, nécoras, ourizos,
estrelas de mar, polbo e unha inmensa variedade de algas.

 

Na boca da ría de Pontevedra están a illa de Ons e a súa irmá pequena, Onza (ou Onceta),
rodeadas de illotes menores coma Freitosa ou o Centolo. É lugar de
parada migratoria dunha manchea de aves. Ons ten ao norte o Monte
Centolo e praias coma a de Melide, Pereiró ou Cans, restos dun castro e
acantilados coma o B
urato do Inferno, todos lugares destacados pola súa riqueza en canto a ornitofauna e especies submarinas.

 


Tanto en Cíes coma en Ons podemos atopar evidencias da presencia humana
desde moi antigo; hai restos arqueolóxicos do Bronce Final e castros
coma o das Hortas, en Montefaro, nas Cíes, que nos falan de xente que
xa viviu alí durante a Prehistoria gracias á abundancia de peixe,
crustáceos e moluscos e á cría de galiñas e ganado menor. O propio
Xulio César
estivo en Ons, perseguindo a un grupo de lusitanos que tentaba fuxir do
exército romano. Na Idade Media Ons e Cíes albergaron pequenas ermidas
e mesmo un mosteiro, o de Santo Estevo, cuxas ruinas se poden visitar
en Cíes. Da mesma época é unha tumba antropomorfa de Ons, a
Laxe do Crego. Nin Cíes nin Ons e Sálvora se libraron tampouco dos ataques de piratas coma o inglés Francis Drake
no século XVI (famoso por loitar con María Pita na Coruña). No século
XIX algunhas familias voltaron instalarse en Cíes e viviron da pesca
ata a década de 1970, cando abandoaron definitivamente as illas. Tamén
Ons se repoboou no XIX; xentes da parroquia marinense de Seixo
asentáronse alí e viviron das relacións comerciais con Bueu e
Pontevedra, se ben os máis deles deixaron Ons nos anos 80. Hoxe a illa
está despoboada a meirande parte do ano, se ben no verán permanecen
varias familias que aproveitan o tirón. Ata semella que o propio
Nautilus de 20.000 légoas de viaxe submarina de Verne atravesou os fondos da ría de Vigo.

 

Xa na ría de Arousa temos a maior illa do Parque, Sálvora.
Destaca o seu relevo abrupto, con altos coma Milreu ou As Galleiras. En
Punta Besugueiros está o faro de Sálvora, construído en 1847 e ampliado
en 1954. Alí estivo tamén a mediados do século XVIII a primeira
industria de salazón de toda a ría. A súa costa áspera e accidentada é
viveiro natural de numerosos mariscos, especialmente de percebes.


No interior da ría arousana, fronte á vila de Carril, xusto na desembocadura do Ulla temos a illa de Cortegada,
un verdadeiro xardín botánico galego: garda o bosque de loureiro máis
grande toda Europa, con exemplares de 13 metros de altura e abondan os
piñeiros mansos. Quedan alí os restos dunha pequena capela e a piques
estivo de convertirse nunha urbanización de luxo, o que acentúa a
necesidade de protexer e conservar a illa.

 


Aínda que o acceso a todo este paraíso é restrinxido podemos visitar
Cíes e Ons en Semana Santa, nas fins de semana de maio e durante todo o
verán. No caso das Cíes hai liñas de barcos que saen de Vigo, Cangas ou
Baiona para faceren visitas e voltar no mesmo día. E se queres
acampar en Ons
non tes máis que solicitar permiso con antelación e coller un catamarán
en Bueu, Marín, Sanxenxo ou Portonovo. Iso si, lembra que entras nunha
zona protexida, polo que todos debemos colaborar ao máximo para
preservar esa beleza e permitir que se conserve de cara a que as
futuras xeracións as poidan visitar e disfrutar.

 

 

volta ao choio!


Despois do merecido parón estival, aquí estamos de novo, coas pilas
cargadas a tope. A verdade é que a páxina notou o das vacacións, sen
ningún contido novo que lle dera un algo de vida. Foi en xuño cando
quedou no aire o último Quen dixo tal...? Daquela quedamos
sen saber quen era o que estaba disposto a defender coa súa vida o
dereito dos demais a decir o que pensaba. Unamuno? Sócrates? Nin un nin
outro. Foi François-Marie Arouet, máis coñecido como Voltaire,
un dos filósofos ilustrados franceses máis coñecidos xunto a
Montesquieu e Rousseau. Os tres apareceron na recuperación de CC.SS. de
4º esta mesma semana, xunto aos pais da Enciclopedia, Diderot
e Dalembert. Non imos perder as boas costumes e, tal e como faciamos
antes do verán, deixamos un par de enlaces para que poidades saber un
pouco máis del, un pequena biografía e o xa cada vez máis familiar enlace á wikipedia. Por certo, en pouco tempo seica se quere lanzar o wiki search, un novo buscador para competir co todopoderoso google.

E para non perder a práctica, que vos parece unha nova frase? A idea de
que aparecera nesta web saltou dando un paseo por Pontevedra. Nunha das
súas prazas atopamos, en letras prateadas o seguinte:
Abride escolas e pecharedes cárceres.

Curta pero contundente, das que nos gustan aquí, das que fan pensar. A
cousa está entre tres mulleres e as tres do país, galegas. De xeito que
non vos vai custar moit saber que dixo tal? Sería Emilia Pardo Bazán? Quizais Concepción Arenal? Ou Rosalía?
A procura comezou...

Vázquez Pintor, Premio Vicente Risco 2007

Logo do seu paso por Carnota, este "amigo dos nenos" vén de recibir o Premio Risco pola súa última novela. A casualidade quixo que o título coincida co nome dunha parroquia do noso concello: Lira,
unha historia de amor, na que Pintor reivindica algo tan de recibo coma
a igualdade de sexos, a non discriminación xa non por cuestión de sexo,
senón de amor. Unha "arquitectura de bicos" para un tema de hoxe.

No
centro fixemos un pequeno mural recompilando as novas que atopamos
tanto en prensa escrita coma na rede. De momento non hai foto, pero
tede paciencia.

Tedes, iso si, algúns links ás edicións dixitais de varios xornais que recolleron a boa nova.

Galicia Hoxe

Vieiros

La Voz de Galicia

A Nosa Terra

Faro de Vigo

Pintor na biblioteca do IES Lamas de Castelo.

 

   
Pintor é tamén un afouto emprendedor de iniciativas culturais
vencellado de raíz á vila que o viu medrar, Agolada. O seu traballo
sobre a posta en valor da arquitectura de feira dos pendellos, a
homenaxe a un adiantado ao seu tempo coma Primo Castro Vila e outras
andanzas podedes velas en Aqualatam.

Noraboa, amigho!

Xosé Vázquez Pintor no IES "Lamas de Castelo"

O
mércores 16 de maio, no marco das Xornadas Culturais que organizou o
noso centro para a Semana das Letras Galegas, tivemos a sorte de contar
entre nós con este amigo dos nenos, como el gusta dicir.

Vázquez Pintor falou de Lume de Biqueira,
da canteira galega, da mercantilización dos clubes de fútbol, que vén
sustituíndo a entrega de vellas glorias do balompé que corrían pola
banda e comían a herba se era preciso. Mesmo nos desvelou
secretos de xuventude: houbo unha época na que ía máis Riazor cá
escola. A nai explicoulle cunha vareada que había que estudiar máis e
como dixo el, entendín á primeira.

Foi unha horiña e
pico de fala entre amigos. Pintor escapou da charla maxistral e soubo
levar o acto cara unha conversa a varias voces. Houbo tempo para ler un
cachiño da tan premiada A memoria do boi
e para falar da metáfora amorosa no encontro, hoxe xa perdido,
sustituído pola man dos veterinarios, entre o boi amante e a vaquiña
amorosa. Tempo tamén para repasar a súa poesía (Rotación violeta, Banzados...)
a casualidade quixo que aparecera un poemiña adicado á praia de Carnota
onde unha muller agarda polo náufrago que non há volver. Para repasar
outro no que as protagonistas eran as mociñas que vendían o seu amor en
Compostela, para decatarnos da importancia de estar en galego no mundo,
para repasar vellos oficios ameazados polo lume do esquecemento, para
ver de preto a un home implicado co país, cos nenos, co futuro...

A súa gorxa mancada
non foi quen de tumbar a ansia de falar, de estar entre os que
considera os seus amigos xa para sempre. Trouxo libros para o centro,
asinou exemplares e mesmo fotocopias do penúltimo artigo que publicou Vieiros e fíxose amigo xa, para sempre, de todos nós. Con el, pois, mollamos as palabras (que non a palleta) e por iso, amigho, moitas ghrasias.

Hai fotos do acto. Podedes velas clicando aquí .

Quen dixo tal...?

Como vos foi coa segunda frase? A cousa estaba máis ou menos clara coas pistas que había. "Mr. Cacahuete" non era outro ca Jimmy Carter;
seica o alcumaron así porque a súa familia controlaba unha empresa
adicada ao comercio deste pequeno froito. Como podedes ver non todos os
presidentes norteamericanos gozaron de tan mala sona coma o de hoxe.
Carter, que foi presidente nos anos '70, foi galardoado co Nobel da Paz do
2002 polo seu traballo na procura de solucións pacíficas aos conflictos
internacionais, por impulsar a democracia e os Dereitos Humanos e
fomentar o progreso económico e social dos pobos menos desenvolvidos.

Coma sempre, podes saber algo máis del aquí .

 

A
nova frase ten que ver con algo que xurdiu na aula de 4º estes días.
Estivemos falando da importancia do diálogo. Valoramos a importancia de
saber escoitar a postura dos demais, expoñer claramente a nosa opinión,
mesmo chegar a ceder para que poida haber un entendemento entre dúas
opcións, en principio contrapostas. O certo é que o debate deu para
moito e a conclusión á que chegamos foi dobre. Decatámonos de que o
conflicto é algo natural; é normal que xurda. O que xa non é normal é
solucionalo por medio da violencia habendo outros métodos máis
civilizados para pulir diferencias. E ademais, todos estivemos de
acordo en que o importante é defender a nosa postura e saber respetar a
dos demais, sempre e cando a dos demais, de rebote, respete a nosa. E é
que a liberdade dun remata onde vulnera á dos demais.

Pois diso vai a frase desta semana...

Non estou de acordo co que dis, pero defenderei coa miña vida o teu dereito a expresalo.
Quen pensades que dixo tal?
Foi quizais, Sócrates? Foi, ao mellor, Voltaire? Ou, se cadra, foi Unamuno...?
Que
decides...? A buscar por aí. Évos unha frase ben coñecida; xa veredes
como non vai ser complicado dar co autor. Feliz búsqueda.

Composición do Departamento

David  Álvarez Castro

Lucía Campañó Farando

Modesto Fontán Ocampo



book | by Dr. Radut