No 2002 o BOE recollía o nacemento dun novo Parque Nacional na rede
española, o primeiro no caso galego: o Parque Nacional
Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. Esta nova área protexida conta
con máis de mil hectáreas terrestres e unhas sete mil marítimas e
inclúe catro arquipélagos situados nas Rías Baixas: Cíes, Ons, Sálvora
e Cortegada. Quedaron fóra outras zonas de indubidable beleza e valor
ecolóxico coma Cabo Udra, San adrián, Costa da Vela, a illa de San
Simón, Lobeira, o sistema dunar de Corrubedo, as illas Sisargas ou a
propia Costa da Morte, se ben non se descarta unha futura ampliación do
parque.
As Cíes desde o Monte Facho.
Situado nun entorno natural vencellado ao mar presenta unha enorme
biodiversidade, cunha gran variedade de ecosistemas. O valor ecolóxico
do medio terrestre é enorme, pero aínda o é máis o do medio mariño. E é
que os ecosistemas mariños, que sustentan unha extraordinaria
diversidade de especies vexetais e animais, presentan un moi bo estado
de conservación aínda que son susceptibles á contaminación de hidrocarburos procedentes do tráfico marítimo (a marea negra do Prestige asolou
as costas de Cíes, Ons e Sávora aos poucos meses da declaración de
Parque Nacional), por sustancias orgánicas procedentes do turismo estival e polos propios vertidos urbanos e industriais
ás rías. Tamén está o risco da sobreexplotación de recursos pesqueiros
e o uso de artes de pesca nocivas para o medio. O traballo do Parque
Nacional consiste, pois, en regular estas actividades para que os
ecosistemas naturais non se vexan afectados e para que se desenvolvan de maneira sostible.
Mostra desa riqueza ecolóxica é que nas Illas Atlánticas están
catalogadas 412 especies vexetais terrestres, 200 especies de algas,
máis de 200 de animais terrestres e numerosas colonias de aves mariñas.
No tocante á vexetación hai especies de litoral, de cantil e de duna:
loureiro, piñeiros mansos, toxos, xestas mansas, pirixel de mar, herba
de namorar...
O arquipélago de Cíes
sitúase na boca da ría de Vigo e está formado por tres illas
(Monteagudo, Montefaro e San Martiño) e unha serie de pequenos illotes.
As dúas illas máis grandes, Monteagudo e Montefaro, están unidas por
unha barra de area resultado da acción das correntes mariñas. Fronte a
unha costa abrupta polo oeste, a costa leste deixa paso a mansas praias
coma a de Rodas. Na primeira das illas está o sistema dunar de
Figueiras e o faro de Monteagudo, onde se pode visitar un observatorio
de aves. En Montefaro está a praia de Rodas e a lagoa dos Nenos; ten
tamén un faro, un observatorio para o estudio ornitolóxico e alberga os
restos dun pequeno castro; mesmo se poden visitar as ruínas dun vello
mosteiro da época sueva.
En Cíes temos as dúas maiores colonias de gaivotas arxénteas e de
cormoráns moñudos de toda España e alí aniña tamén unha especie
protexida como é o arao común.
En 1980 as Cíes xa foran declaradas Parque Natural, así como Zona de
Especial Protección para as Aves (ZEPA). A maior parte está cuberta de
toxo e matogueira baixa, con algúns piñeiros e eucaliptos, que xunto
coa acacia están a desprazar a flora autóctona da zona. No espacio
intermareal e nos fondos abondan percebes, bois, nécoras, ourizos,
estrelas de mar, polbo e unha inmensa variedade de algas.
Na boca da ría de Pontevedra están a illa de Ons e a súa irmá pequena, Onza (ou Onceta),
rodeadas de illotes menores coma Freitosa ou o Centolo. É lugar de
parada migratoria dunha manchea de aves. Ons ten ao norte o Monte
Centolo e praias coma a de Melide, Pereiró ou Cans, restos dun castro e
acantilados coma o Burato do Inferno, todos lugares destacados pola súa riqueza en canto a ornitofauna e especies submarinas.
Tanto en Cíes coma en Ons podemos atopar evidencias da presencia humana
desde moi antigo; hai restos arqueolóxicos do Bronce Final e castros
coma o das Hortas, en Montefaro, nas Cíes, que nos falan de xente que
xa viviu alí durante a Prehistoria gracias á abundancia de peixe,
crustáceos e moluscos e á cría de galiñas e ganado menor. O propio Xulio César
estivo en Ons, perseguindo a un grupo de lusitanos que tentaba fuxir do
exército romano. Na Idade Media Ons e Cíes albergaron pequenas ermidas
e mesmo un mosteiro, o de Santo Estevo, cuxas ruinas se poden visitar
en Cíes. Da mesma época é unha tumba antropomorfa de Ons, a Laxe do Crego. Nin Cíes nin Ons e Sálvora se libraron tampouco dos ataques de piratas coma o inglés Francis Drake
no século XVI (famoso por loitar con María Pita na Coruña). No século
XIX algunhas familias voltaron instalarse en Cíes e viviron da pesca
ata a década de 1970, cando abandoaron definitivamente as illas. Tamén
Ons se repoboou no XIX; xentes da parroquia marinense de Seixo
asentáronse alí e viviron das relacións comerciais con Bueu e
Pontevedra, se ben os máis deles deixaron Ons nos anos 80. Hoxe a illa
está despoboada a meirande parte do ano, se ben no verán permanecen
varias familias que aproveitan o tirón. Ata semella que o propio Nautilus de 20.000 légoas de viaxe submarina de Verne atravesou os fondos da ría de Vigo.
Xa na ría de Arousa temos a maior illa do Parque, Sálvora.
Destaca o seu relevo abrupto, con altos coma Milreu ou As Galleiras. En
Punta Besugueiros está o faro de Sálvora, construído en 1847 e ampliado
en 1954. Alí estivo tamén a mediados do século XVIII a primeira
industria de salazón de toda a ría. A súa costa áspera e accidentada é
viveiro natural de numerosos mariscos, especialmente de percebes.
No interior da ría arousana, fronte á vila de Carril, xusto na desembocadura do Ulla temos a illa de Cortegada,
un verdadeiro xardín botánico galego: garda o bosque de loureiro máis
grande toda Europa, con exemplares de 13 metros de altura e abondan os
piñeiros mansos. Quedan alí os restos dunha pequena capela e a piques
estivo de convertirse nunha urbanización de luxo, o que acentúa a
necesidade de protexer e conservar a illa.
Aínda que o acceso a todo este paraíso é restrinxido podemos visitar
Cíes e Ons en Semana Santa, nas fins de semana de maio e durante todo o
verán. No caso das Cíes hai liñas de barcos que saen de Vigo, Cangas ou
Baiona para faceren visitas e voltar no mesmo día. E se queres acampar en Ons
non tes máis que solicitar permiso con antelación e coller un catamarán
en Bueu, Marín, Sanxenxo ou Portonovo. Iso si, lembra que entras nunha
zona protexida, polo que todos debemos colaborar ao máximo para
preservar esa beleza e permitir que se conserve de cara a que as
futuras xeracións as poidan visitar e disfrutar.