Skip to Content

 Lamas de Castelo s/n - 15293 - Carnota (A Coruña) - ies.lamas.castelo@edu.xunta.gal - 881867200

Horario: de luns a venres de 8:40 a 14:10 - luns tarde de 16:20 a 18:00 - recreo de 11:10 a 11:40




Biografías 11

LUCRECIA BORGIA

 

Pertenceu á familia italiana, de orixe español, máis corrupta da historia. Foi considerada culpable de asasinatos por envelenamento, de incesto e moitas outras atrocidades.

Lucrecia posuía un carácter dual, en ocasións era vista como a muller máis casta e outras veces era o retrato do mesmo demo. A historia non decidiu aínda con que visión quedar xa que as barbaries que se lle adxudican non están comprobadas.

Naceu en Roma no ano 1480, filla do cardeal Rodrigo Borgia, que pasará á historia como o Papa Alexander VI, e da súa recoñecida amante Vanuzza Cattanei. Sendo filla ilexítima será recoñecida polo seu pai e utilizada tanto por el como polo seu outro fillo, César Borgia nos seus intereses de tipo político.

O seu pai confiará a educación de Lucrecia á viúva Adriana Orsini, quen a introducirá no coñecemento do latín, grego, italiano, castelán, e francés; así como de artes coma a música, o canto e o debuxo, o que lle permitirá moverse nos círculos cortesáns máis refinados.

Ós catorce anos de idade, seu pai concerta o que será o primeiro dos tres matrimonios de Lucrecia, será con Giovanni Sforza. Este matrimonio quedará anulado poucos anos despois cando Alexander VI obligará a Sforza a declararse impotente. Durante o proceso de nulidade Lucrecia permanecerá enclaustrada nun convento, comunicándose con seu pai unicamente a través dun mensaxeiro. Neste tempo queda embarazada e aínda hoxe non hai unha decisión unánime sobre quen foi o pai dese neno. Tras dar a luz será declarada virxe despois dun exame practicado pola Igrexa.

O seu segundo matrimonio, con Alfonso de Aragón, suscitará os ciumes enfermizos de seu irmán César Borgia, e apesares de ter sido el quen escollera o novo esposo, rematará coa vida deste na propia alcoba.

Cando Alexandre VI é xa maior deixa a administración da Igrexa do Vaticano a Lucrecia. Foi entón cando César Borgia escollerá , de novo, o terceiro esposo de Lucrecia: Alfonso d´Este, herdeiro do ducado de Ferrara. A vida de Lucrecia cambiou, aínda que mantivo un romance platónico con Pietro Bembo (coñecido autor da época). Nai novamente de catro fillos, a negativa do seu marido a acoller os seus fillos anteriores, xunto coa morte dun destes mergullouna nunha fonda tristura.

Tras o nacemento do seu quinto descendente, unha nena, morreu sendo a digna esposa do duque de Ferrara, tras ter sido acusada de incesto e de varios asasinatos (empregando para eles “cantarella” o coñecido veleno dos Borgia) baixo as ordes de seu pai e de seu irmán.

En realidade, Lucrecia foi unha moza culta, refinada xenerosa, amante da arte, capaz de alternar cos xenios da súa época e moi caritativa que , cando aínda era unha adolescente houbo de servir ós intereses políticos dun pai e dun irmán movidos por unha ambición desmesurada.



book | by Dr. Radut