Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Visita ao CERN

 VIAXE A XENEBRA (23-27 SETEMBRO 2016)

O curso pasado, o departamento de Física e Química decidiu poñer en marcha unha viaxe diferente ás que se viñan organizando no instituto ata entón, unha viaxe que tiña unha parte científica interesantísima que era visitar o CERN (European Organization for Nuclear Research), ademais de coñecer a cidade de Xenebra, e como non, algún dos museos que alí se atopan.

(Pinchar na imaxe para ver máis fotografías)

 O venres 23 de setembro, despois dun bo madrugón, saimos no avión cara a Xenebra, onde esa mesma tarde visitamos o Pazo das Nacións Unidas, unha visita que nos pareceu moi interesante pola defensa que dende alí se fai dos dereitos humanos, visitamos a sala dos dereitos humanos e da Alianza de civilizacións decorada por Miguel Barceló, a sala dos pasos perdidos, a sala das asembleas e a sala do Consello.

Ao día seguinte, chegou o prato forte da viaxe, erguémonos cedo e collemos o tranvía cara ao CERN, os 26 rapaces e as dúas profesoras que os acompañabamos (Mª Carmen Díaz Cabanas e Teresa Fraga) estabamos moi ilusionados. Durante a visita guiada por dous enxeñeiros encantadores, entendemos o que alí se facía, comemos no CERN e pola tarde fomos á parte vella da cidade para dar unha volta polas rúas. Cea e a descansar.

O domingo 25, visitamos o museo da Cruz Vermella, a algún dos rapaces pareceulles un pouco duro polos asuntos humanitarios que alí se amosan e onde a axuda da Cruz Vermella é importantísima (situacións de guerra, de catástrofes naturais…). Comemos na cafetería do museo e pola tarde saímos cara ao centro da cidade para ver o surtidor Jet d´eau e pasear polo lago Leman.

O luns día 26, volvemos  ao CERN onde tiñamos concertada unha visita informal ás dúas da tarde. Comemos na cafetería que estaba chea de científicos de todo o mundo e puidemos apreciar o  estupendo ambiente que alí había. Mar Capeáns, física galega que traballa no CERN dende hai moitos anos, agardábanos na entrada, e presentounos a outros tres científicos galegos que nos ían facer de guías (guías de luxo), para ensinarnos como era o seu día a día. Deixáronnos encantados e con algunha vocación de futuro entre os nosos alumnos.

Pola tarde tocaba a busca do tesouro, fixemos seis equipos, repartimos mapas da cidade e instrucións en inglés e os rapaces puxéronse en marcha percorrendo a parte antiga da cidade de punta a punta, acabaron esgotados (nós tamén), pero pasárono moi ben, e o obxectivo de coñecer a cidade e un pouco da súa historia estaba conseguido.

O martes día 27 tocaba a volta a España. Como o avión saía as 18.00 horas, pola mañá aproveitamos para coñecer o museo etnográfico que nos encantou a moitos de nós.

Maletas, tranvía, aeroporto…, o que prometía ser unha volta tranquila truncouse pola néboa na Coruña e o desvío do avión cara a Santiago, dende alí autobús e chegada a Coruña, tarde e cansos, pero encantados coa viaxe realizada.

Esperemos que o ano que vén repitamos esta experiencia!!!



blog | by Dr. Radut