Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS 2024 NA HONRA DE LUÍSA VILLALTA

Vídeos do alumnado: V1 - V2 -  V3 - V4 - V5 - V6 - V7 - V8 - V9 - V10 - V11 V12 

Fotos do acto: ENLACE 

Os días 13, 14 e 15 de maio o EDLG organizou a Semana das Letras Galegas 2024, adicadas hogano á escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas Luísa Villalta. Dada a repercusión que este ano ten tal efeméride para a nosa cidade e para o noso instituto, por ser Luísa Villalta coruñesa de pro e antiga alumna do Instituto Eusebio da Guarda, a coordinadora do EDLG Teresa Pastor Novo solicitoulle á Dirección do centro a concesión das últimas dúas horas da mañá, co obxecto de que o alumnado puidese expoñer as tarefas que estiveron facendo ao longo do curso, en homenaxe á escritora herculina.

Durante esas tres xornadas, os alumnas e alumnas, acompañados do seu profesorado, presentaron os seus traballos, que constituíron as tarefas recompiladas no libro Luísa, melodía infinita, volume conxunto, no que participaron diversos departamentos didácticos, atendendo con moito interese a proposta deseñada polo EDLG. Ao longo destas xornadas, expuxéronse múltiples e laboriosas tarefas; ademais de traballar as facetas da autora como poeta, narradora, articulista de opinión, dramaturga e ensaísta, tamén resultou moi enriquecedora a convivencia lingüística, abordando a súa faceta como tradutora. E así, puidemos ter a marabillosa oportunidade de escoitar as verbas de Villalta na voz do noso alumnado (e tamén dalgún profesor) en latín, grego, inglés e francés.

E, por suposto, a presenza da música non podía faltar, nesa perenne e fermosa aliaxe desta arte, que Luísa Villalta propiciou con todas as demais. Así, o último día desta Semana das Letras Galegas, no Salón de Actos puidemos escoitar a melodía A Luísa, creada polo catedrático Faustino Porras, sendo interpretada ao piano pola alumna de 1º Bach B Lara Solsona Santás.

Días antes desta Semana das Letras Galegas, concretamente o 3 de maio, tivo lugar no noso instituto un acto, tamén organizado polo EDLG, onde, baixo o título Tributo: O sitio do meu recreo, se presentaron os seguintes traballos: o nomeado libro Luísa, melodía infinita, no que interviron diversos departamentos didácticos, con interesantes tarefas destinadas ao alumnado; un cadro realizado por alumnado de 2º Bach de Debuxo artístico, baixo a coordinación da catedrática Eva Vérez, a partir do poema Poema da Cidade Alta, do libro de Villalta En concreto; e a estrea oficial da musicalización dun poema do libro Música reservada, realizada polo catedrático Faustino Porras, peza que titulou A Luísa. O memo día, presentouse unha placa de homenaxe á escritora, colocada no vestíbulo do centro, encima da de Pablo Picasso.

Logo deste entrañable acto académico, dirixido a representantes políticos e institucionais, á familia Villalta Gómez e mais a profesorado en activo e xubilado, a Semana das Letras Galegas tivo un único protagonista: o alumnado do noso centro, quen amosou un enorme compromiso coa obra villaltina e unha actitude respectuosa ante o traballo desenvovido en común.

Con este última actividade, o EDLG pecha os actos de homenaxe a Luísa Villalta, iniciados de xeito agoirento aquel 8 de maio do curso pasado cando, a que subscribe, propuxo dentro do Plano anual de actividades do EDLG do curso 2022/ 2023 adicarlle unha homenaxe, de xeito periódico, a algún alumno ou alumna que destacase nalgún campo. Nin non meus mellores soños imaxinaría que, tras aquel O ollar calmo das palabras, organizado en memoria de Luísa Villalta, escoitaría a avegosa nova, algo máis dun mes despois, de que a RAG decidiu nomear a autora coruñesa a elexida no Día das Letras Galegas do ano 2024.

Porén, malia ser un ano de intenso traballo, como coordinadora do EDLG deste centro, agradezo a implicación dos diversos departamentos nas actividades propostas e deseñadas por este equipo, ademais de todo o apoio recibido pola Dirección deste instituto, quen sempre lle deu luz verde a todas as iniciativas que tiven a honra de propoñer e coordinar.

Moitas grazas, alumnado e profesorado implicado, por mover este buque tan grande: a prolífica obra da nosa esgrevia paisana, Luísa Villalta!

Teresa Pastor Novo

(coordinadora do EDLG)

 



page | by Dr. Radut