Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

MANUSCRITO ARS COQUENDI

Sabedes o que significan as siglas DEP, mocosas e mocosos?! Ou o mesmo, RIP, na nobre lingua latina?  “Descansa en paz!”. Si, iso mesmo, EN PAZ! Pois así estaba eu durmindo apraciblemente ata que sentín o balbordo destes seres tolos, a buligar polo soto da miña derradeira morada. Ah, ah, desculpade que non me teña presentado aínda: chámome Fidel do Camposanto Pequeno. A que veñen eses risos? Ben, xa estou afeito. Levaba toda a vida aturando con esa herdanza patronímica pero, agora no Alén onde estou, lévoos con fachenda. Son o espírito dun vello conserxe deste instituto, un chisco rosmón, seica, pero non tanto, xa que a rapazada daquel entón púxome o alcume de Pequeniño, nun aceno agarimoso.

Pois resulta que antigamente algunhas das aulas do andar superior do edificio histórico cumprían o servizo de vivendas para os conserxes. De feito, algunha delas conserva o resto da “mirilla” ou ollo de pez da porta. Cheguei dunha aldea moi cativa, chamada Pedralba, na provincia de Ourense, e comecei a traballar neste instituto sendo eu un mozo; ao principio facía de mandadeiro. Como non tiña vivenda de meu, deixáronme albergarme nun cuarto da parte superior, e alí vivín feliz trinta e cinco anos, ata que, por desgraza, caín a rolos pola escaleira de mármore de Carrara e abrín a cabeza. E alí quedei. Pero non quixen marchar así, de súpeto. E decidín quedar “doutro xeito”. Agora son unha alma en pena que segue a coidar e a custodiar os obxectos que atesoura este vello inmoble.

Pois nestas estaba, cando por mor da “brillante” idea dunha profesora de Lingua e Literatura Galega, Teresa Pastor Novo, o alumnado de 1º ESO A e D deste curso 2023- 2024, foron de excursión polo instituto, guiados polas curiosidades que ten agochadas o noso emblemático centro. Así, non puido ter peor proposta esta docente sabichona que pescudar o soto, coa finalidade de descubrir algo. E alí, oculta entre teas de araña e diversos trebellos, os rapaces e rapazas ficaron abraiados diante dunha misteriosa caixa negra onde se podía ler, con letras sanguiñentas: ARS COQUENDI. Ao abrila, o feitizo que sentiron non puido ser maior, xa que contiña un manuscrito realizado por alumnado de hai máis dun século, con moitas receitas elaboradas cos ingredientes máis noxentos posibles, “saborentos” manxares do mundo do Alén. 

O meu gusto compilatorio e miña paixón pola tradición dos vellos códices medievais fixo que gardase con paciencia cada unha destas receitas e darlle forma de libro que, para min, é o meu tesouro. Ao parecer, unha antiga profesora mandáralles facer un traballo, consistente en inventar pratos imposibles de comer no mundo dos vivos. A verdade é que para min son unha excelente axuda agora, que estou no inframundo, porque nunca se me deu ben a cociña e agora fago estas sabedeiras receitas. Mais do que sempre gocei foi da lectura; fun e son un auténtico rato de biblioteca. Eu lera hai tempo un curioso libro, De re coquinaria, do escritor latino Marco Gavio Apicio, considerado o primeiro tratado sobre gastronomía, que serviu e aínda serve de guía para moitos dos escritores e cociñeiros posteriores. 

E así, aproveitando os meus coñecementos bibliográficos, decidín titular este receitario conservado Ars coquendi, que traducido do latín significa “A arte culinaria ou a arte de cociñar”. E, por último, gardeino nunha caixa negra, para que non acabase sendo manxar dos ratos, que o olen todo. Mais non foron ratos ........ Peor!!!!!!A sabichona da profesora e mais o seu alumnado colleron o meu tesouro e levárono para expoñer nunha vitrina, para dar a coñecer a todo o alumnado o marabilloso achádego atopado. Ah, pero antes de marchar do soto, agarrei un mociño polo brazo e díxenlle: “Agardo que me devolvades a miña alfaia; de non ser así, virá o meu espírito para facervos trasnadas”. O cativo fuxiu a fume de carozo, mentres a miña gargallada se mesturaba co timbre da fin da clase.

 

© Ma Teresa Pastor Novo (microrrelato)

© Ma Teresa Pastor Novo (curtametraxe)



page | by Dr. Radut