Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

2024: ANO VILLALTINO, ANO AVEGOSO!

Comeza o 2024, un ano especialmente máxico por ser o elixido pola Real Academia Galega para honrar a figura de Luísa Villalta o vindeiro 17 de maio, no Día das Letras Galegas Esta esgrevia escritora coruñesa recreou con magnífica mestría e agarimo cada recuncho do seu berce herculino.

Foi poeta, narradora, dramaturga, ensaísta, tradutora, violinista e, tamén me atrevo a afirmar, unha espléndida filósofa. O seu anceio por esculcar cada recuncho expresivo, o desexo de ser suxeito sempre, non obxecto, a súa creación prolífica vese reflectida nas distintas expresións escritas que nos deixou coma valiosísimo legado. Ese afán de vivir/crear ás alancadas queda reflectido nas súas fermosas palabras, que constitúen un de tantos poemas da miña predilección:

  SON, somos, seremos unha vibración convulsa,

certidume tremulante, aspereza,

torsións que fan de nós un timbre irrepetíbel,

sonido sinónimo de nós.

   Xovens de imediato vellos nas fronteiras

esperamos do mar algun regreso,

no ruído dos pasos que inequivocamente se desvían,

como cabalos, sobre tantos fólios galopados

sen encontrar nen temor xa baixo os cascos,

estamos sempre a ponto de nacer,

de rebentar o noso útero perpétuo. 

O pasado 8 de maio de 2023, coma unha sorte de agoiro, neste centro a súa figura foi merecente dun sentido recoñecemento, ao ser antiga alumna que pisou estes vetustos corredores, graduándose no curso 1973/74. Pois este ano 2024, Luísa, como dixen naquel acto dunha fermosa xornada de primavera, cal os misioneros xesuítas que tiñan que espallar o evanxeo, nós temos de predicar as túas palabras, temos a misión de que cheguen a cada recuncho, xeración tras xeración porque, collendo o pensamento do escritor Doménico Cieri Estrada:

“A poesía non ten tempo; o que a le, rescátaa, faina presente e logo regresa á súa eternidade”. E eu engado que, por extensión, a túa escrita múltiple ficará con nós para sempre.

Esta é, pois, a nosa misión: facer que as túas palabras sexan inmorredoiras. Perde coidado, Luísa, que “o silencio non vai dicir a última palabra”. Este é o teu ano.

Avegoso 2024, Ano Villaltino!!!!

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)



page | by Dr. Radut