Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

24N: NON MÁIS TITULARES !

Pincha en FOTOS , VIDEO , Cartel 24N , Póster VEN DE LARANXA!

Un ano máis, o EDLG organizou un acto para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller que, por coincidir hogano en sábado, foi adiado para o venres 24. Para tal causa, este equipo artellou a protesta collendo como recurso o xornal, e en concreto, a súa sección de sucesos. Desgraciadamente é raro o día en que, ao abrir un, non atopemos noticias desta vileza, de aí que case se podería crear unha nova sección: violencia contra a Muller. Con certeza, cada unha destas noticias debería ocupar a totalidade da primeira páxina, dado que así a importancia da ubicación sería absolutamente proporcional á condena unánime e ás medidas gobernamentais máis contundentes para garantir a súa punibilidade. Pola contra, estas pésimas noticias forman parte dunha simple sección; nin sequera son, como se dixo antes, unha soa sección dun xornal. A forza dun titular é evidente: o titular é a primeira impresión, e quizais a única, que causa nun posible lector. Sen un titular ou un título de entrada que convirta un curioso nun lector, o resto das palabras estarían de máis. Porén, un titular pode conseguir algo máis que simplemente captar a atención; pode comunicar unha mensaxe completa a un público indesexable, que actúe cun corportamento lamentablemente imitativo. Nesta ocasión o lema foi: Non máis titulares! Así, nun acto coordinado polas profesoras e integrantes do EDLG Minia Prego, Beatriz Sixto e Beni Vidal, o alumnado foi entrando no Salón de Actos, e representantes de todas as clases de ESO e BACH, ademais de profesorado do centro, leron titulares de prensa sobre violencia contra a muller, co obxectivo de denunciar máis alto, se cabe, esta lacra da nosa sociedade. Para significar ese día, fixérono de xeito ininterrumpido, ao longo dos dous recreos. O feito de sacrificar o seu tempo de lecer en aras dunha boa causa, fai que a Educación con maiúsculas teña sentido, ao no estar circunscrita soamente ás diversas materias académicas. O profesorado titor acompañou os seus grupos. Ende ben, entre as claves para loitar contra a violencia cara ás mulleres e avanzar na prevención, nós, como docentes, temos unha poderosa arma: a de poderlle inculcar á mocidade unha actitude reflexiva e activa ante os problemas máis acuciantes que temos na nosa sociedade e non permitirlles “mirar para o outro lado”, porque neste tema, non hai outro lado: só a condena unánime contra a violencia.

Moitas grazas a todo o alumnado e profesorado que arrimou o ombreiro nesta loita pintada de laranxa, a cor de optimismo e esperanza institucionalizada pola ONU para esta conmemoración.

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)



page | by Dr. Radut