Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

ARS COQUENDI

Para acceder a todas as fotos pinchar no ENLACE

Un achado moi valioso e acaído en tempos do Samaín: ARS COQUENDI

Sabiades que antigamente algunhas das aulas do andar superior do edificio histórico cumprían o servizo de vivendas para os conserxes? De feito, algunha delas conserva o resto da “mirilla” ou ollo de pez da porta. Con esta información que lle escoitaron á súa profesora de Lingua Galega e Literatura Teresa Pastor Novo, o alumnado de 1º ESO A e D, guiados polas curiosidades que ten agochadas este emblemático instituto, quixo pescudar o soto deste do mesmo, coa finalidade de descubrir algo. E alí, agochada entre teas de araña e diversos trebellos, os rapaces e rapazas ficaron abraiados diante dunha misteriosa caixa negra onde se podía ler, con letras sanguiñentas: ARS COQUENDI, a arte de cociñar, en lingua latina. Ao abrila, o feitizo non puido ser maior: contiña o que viría sendo un manuscrito realizado por alumnado de hai máis dun século, con moitas receitas elaboradas cos ingredientes máis noxentos posibles, “saborentos” manxares do mundo do Alén. Abofé o gusto compilatorio dalgún conserxe fixo conservar esta alfaia.

Obviamente, isto constitúe unha brincadeira para contextualizar esta actividade, bo pretexto para renderlle unha homenaxe ao Samaín. Logo da lectura nesta 1a avaliación do libro de Ledicia Costas, Escarlatina, a cociñeira defunta, o alumnado dos grupos antes nomeados tivo que inventar uns pratos imposibles de comer no mundo dos vivos. Así, quixemos sumarnos á temática da morte que, cun humor maxistral, recrea a nomeada autora viguesa, con divertidas aventuras do Inframundo, protagonizadas por uns personaxes moi peculiares e divertidos. Escarlatina, unha nena cociñeira falecida no século XIX, que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés, coprotagoniza esta historia xunto con Román, quen recibira polo seu aniversario un agasallo moi particular.

Polo libro desfilan larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos. Tecidas entre ellas, asistimos a múltiples peripecias, cun exquisito humor macabro. Como novidade hogano, quixemos engadir ese ficticio manuscrito antergo, que non é máis que o seu magnífico traballo, presentado nesa caixa negra sinistra, exposta nunha mesa sanguinolenta que recrea un xantar do Inframundo. A dita mostra pódese ver no primeiro andar do Edificio histórico, instalada un axeitado 31 de outubro (anunciando a noite do Samaín).

Quérolle agradecer a todo alumnado a implicación nesta celebración tan de noso, e a boa disposición das alumnas de 1º ESO D Adriana Corrochano Martínez e Carmen Segret Vázquez, por axudar na montaxe desta exposición, sacrificando o seu tempo de lecer. De igual xeito, fago extensiva a miña gratitude á profesora Belén González Aguiar, xefa do Departamento de Latín, pola súa asesoría lingüística na tradución do título deste manuscrito, ademais de suxerirnos a deleitosa lectura de De re coquinaria, do escritor latino Marco Gavio Apicio, considerado o primeiro tratado sobre gastronomía, e que serviu e aínda serve de guía para moitos dos escritores e cociñeiros posteriores.

O Samaín foi unha data moi gorentosa en actividades porque, ademais de desenvolver a expresión escrita e mais o humor con estes pratos, tamén puxeron a proba a súa expresión oral e elaboraron microrrelatos de terror; como se de contacontos reais se tratase, narraron e dramatizaron as súas grandes historias pequenas na propia aula, nunha atmosfera arrepiante, con efectos especiais e sustos incluídos. Bo traballo, rapazada!

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)



page | by Dr. Radut