Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Día das Letras Galegas 2023

 

Un 17 de Maio especial

 

Para acceder ás imaxes relacionadas pinchar no enlace

En 1960, Francisco Fernández del Riego ingresou como membro numerario na Academia Galega e tres anos despois, a proposta súa, a Academia acordou celebrar cada 17 de maio  o Día das Letras Galegas. Del Riego pensaba que se hai un día dedicado á literatura española, con Cervantes como referencia,nós deberiamos ter un día dedicado á literatura galega relacionado con Rosalía de Castro e co libro Cantares Gallegos, o primeiro que escribiu na fala popular. Del Riego non coñecía a data da edición, pero na dedicatoria que a autora fixo á escritora Fernán Caballero figura a do 17 de maio de 1863 e elixiuna ante a proximidade do centenario. A celebración de 2023 é especial por ser o homenaxeado impulsor da iniciativa.

Siro (La Voz de Galicia)

Francisco Fernández del Riego (1913-2010)foi o principal dinamizador do galeguismo cultural tras o abrupto corte que supuxeron a Guerra Civil e a posguerra. Ademais de poñer en marcha todo tipo de proxectos encamiñados a recuperar a presenza do galego como lingua de cultura, durante unha gran parte da súa longa vida foi o alicerce ao redor do que se artellou o traballo conxunto entre os intelectuais do exilio, os que permaneceron no país tras a contenda e as novas xeracións de galeguistas que van xurdindo malia o difícil contexto da ditadura franquista.

A data do 25 de xullo de 1950 pasou á historia como a da fundación da editorial Galaxia, o máis emblemático fito do “segundo rexurdimento” da cultura galega tras a Guerra Civil. Os tres grandes artífices do proxecto foron: Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto e Francisco Fernández del Riego. Galaxia veu a luz para converterse no buque insignia da cultura do país, e pese ás dificultades foi o gran referente cultural da Galicia da época.

Non esquecemos outras aportacións do homenaxeado como as publicacións da revista Grial (1951) que “servía de canle para dar a coñecer a produción cultural galega e tamén para erixirse como un espazo de comunicación entre a cultura galega e as culturas do mundo”. E tamén a Revista de Economía de Galicia (1958) para analizar a realidade económica e social do noso territorio. 

Del Riego foi un dos xenerosos, sempre entusiasta e vital; son varias as xeracións vinculadas á intelectualidade que tiveron no maxisterio do homenaxeado nas Letras Galegas 2023 unha porta sempre aberta para satisfacer a curiosidade e ampliar o coñecemento.

Grazas Don Paco!

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS a toda a comunidade educativa do Eusebio da Guarda!

Beni Vidal, xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura

 



page | by Dr. Radut