Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Exposición "De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos"

27de outubro de 2021

Estes días e ata o 5 de novembro, contamos no instituto cunha exposición sobre as cantigas do trobador da lírica medieval Galego-portuguesa Martín de Padrozelos. Promocionada pola Asociación de Estudosos do Camiño de Santiago e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística, e comisariada por Luis Celeiro, forma parte dun proxecto relacionado coa nosa lírica medieval e mais co Camiño de Santiago. Ten un afán divulgativo co obxectivo de facilitar o achegamento tanto á cultura medieval en xeral como á nosa lírica en particular, centrado en Martín de Padrozelos, trobador do val de Lóuzara no Concello de Samos. Froito da colaboración estreita do grupo investigador xurdiron o documental Trobador no camiño, andares pola lírica de Martín de Padrozelos, esta exposición das súas dez cantigas de amigo e de amor, e un magnífico disco do grupo A Quenlla, titulado Trobador no camiño. 

A exposición viaxou polos concellos do Camiño lucense durante este verán, e agora vai continuar o seu percorrido polos centros de ensino galegos. É neles onde mellor se poderá aproveitar didacticamente, tendo en conta a carencia de materiais sobre esta época literaria. Vén acompañada de recursos dixitais para facilitar o  traballo nas clases, e a modo de clausura desta primeira rolda en 2021, terá lugar un concerto do grupo A Quenlla coa interpretación das cantigas de Martín de Padrozelos en Chantada o 18 de decembro.

Departamento de Lingua Galega e Literatura

EDLG do IES Eusebio da Guarda 



blog | by Dr. Radut