Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

“COUSAS DA MALA VIDA”: O RONSEL DE CASTELAO

Co gallo da celebración do Día contra a Violencia de Xénero o pasado 25 de novembro, o alumnado de 2º ESO A, B e C elaborou microrrelatos, cuxo argumento estivo focalizado no tema do maltrato. Á parte de constituír un traballo para a Educación en Valores, cun asunto de triste actualidade, o alumnado quixo mostrar con esta tarefa a sensibilidade cara a esta lacra e darlles voz aos milleiros de vítimas que sufriron e están a sufrir situacións de abuso. Mais, por outra banda, estes microcontos queren tamén renderlle unha merecida homenaxe ao escritor Castelao, de quen se cumpriu o 7 de xaneiro deste 2020 o 70º cabodano do seu pasamento.

Baixo o título “COUSAS da mala vida”, o dito alumnado, coordinados pola súa profesora de Lingua galega e literatura, Teresa Pastor Novo, elaborou por parellas microcontos, coa técnica da “Cousa” unha sorte de “xénero” inventado por Castelao, quizais a creación literaria máis orixinal que nos deixou; historias de tamaño reducido, acompañadas por unha ilustración, que recolle o momento cume do relato. O esgrevio rianxeiro completou ao longo de anos unha colección de corenta e cinco relatos breves satíricos, “Cousas da vida”, co seu “humor de lima xorda”.

Esta obra de Castelao presenta textos críticos coa sociedade da época, resaltando as dificultades da vida dos galegos daquel entón, obrigados á emigración e angustiados pola pobreza. Tamén quixo reflectir a amargura dos regreso dos emigrantes que volvían de América. O seu estilo é breve, conciso, sen pararse moito en descricións; podería chamarse unha “prosa substantiva”, dado que sempre vai á acción do relato. Cómpre salientar un certo lirismo na forma de escribir as frases. Os relatos concentran todo o seu clímax nas últimas frases.

O dito alumnado leu os seus relatos no Salón de Actos do instituto, a finais do mes de novembro, durante os dous recreos e de xeito ininterrumpido, para renderlles unha humilde, mais sentida homenaxe, ás vítimas asoballadas e asemade, denunciar en voz alta o que é condenable, e visualizar a vergoña desta lacra social, recollendo a célebre frase de Marthin Luther King : “O comezo da fin da vida prodúcese cando gardamos silenzo ante as cousas que importan”.

A mostra destes textos pódese ver dentro da Exposición en homenaxe a Castelao, no 1º andar do instituto e ademais, en arquivo adxunto, dúas alumnas de 2º ESO C explican o seu traballo. Parabéns a este alumnado, que amosou dobre sensibilidade, tanto por seguir o ronsel do esgrevio rianxeiro, como por darlles a palabra ás vítimas do maltrato.

 

Teresa Pastor Novo

 (Profesora de Lingua Galega e Literatura)



blog | by Dr. Radut