Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

O alumnado de 3º ESO tivo a oportunidade de aprender a regueifear!

O último día de clase do primeiro trimestre o alumnado de 3º ESO, baixo a dirección da profesora de Lingua galega Dulce Fernández, tivo a oportunidade de aprender nada menos que a regueifear! A cantante Alba María, nun obradoiro desenvolvido no noso salón de actos, explicou de maneira práctica e participativa a historia, a estrutura e algún truco para facilitar esta difícil tarefa. Captou a atención do público desde os primeiros instantes improvisando unha copla referida á actividade, e continuou dirixíndose a uns e outros alumnos e alumnas seguindo a dinámica da regueifa e arrincando o aplauso do público. A seguir explicou a orixe da palabra: unha rosca cun ovo no medio que se comía de sobremesa nos casamentos, no momento en que os cantares e o sentido do humor se facían presentes. Nalgún canto tradicional faise alusión a ela, como podemos observar neste:

A regueifa está na mesa
e no medio ten un ovo,
para cortar a regueifa
veñan as de Portonovo
 

Na tradición galega a regueifa fai acto de presenza xa na Idade Media, nas tenzóns dos trobadores, e Alba María salientou a súa semellanza con modelos musicais actuais como o rap e outras formas semellantes que se dan en países ben afastados do noso. Finalmente, coa colaboración do público elaborouse unha copla aplicando a técnica musical, métrica e rítmica aprendida. Foi unha xornada de despedida de trimestre ben proveitosa que agardamos poder repetir. Moitas grazas Alba María!



blog | by Dr. Radut