Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Intercambio de Francés: visita dos alumnos de Fontenilles

¿E TI DE QUEN VES SENDO?

Converteuse este ano en Et toi, tu es né où?

Os amigos do Irène Joliot-Curie participaron no traballo que levará a cabo a biblioteca do noso centro baixo o lema ¿E ti de quen ves sendo?

Nun acto sinxelo, onte xoves, 17 de outubro, estiveron presentes no salón de actos para falarnos deles mesmos e da orixe das súas familias.

Pero houbo moito mais na súa visita deste ano. Baixo un ceo tipicamente galego, anubrado e con choiva a maior parte dos días, non dubidaron en viaxar ata as terras da ría do Barqueiro, visitando o cabo de Estaca de Bares ou os acantilados de Loiba.

Xa mais preto da nosa cidade, estiveron no parque natural das Fragas do Eume, sen deixar de ir a Santiago ou facer un percorrido pola nosa cidade, guiados polos alumnos do ciclo superior de Formación Profesional de Guías turísticos. Por suposto, sen esquecerse dos museos científicos da Coruña, que tanto lles gustan.

Os nosos alumnos participantes, na súa meirande parte de 3º da ESO, andaban estes días un pouco nerviosos por quererlles ensinar todo o que a nosa cidade posúe. Mesmo onte, na festa que se organizou para agasallalos, xa no día da despedida, atopábanse entre ledos e tristes ao mesmo tempo, xa que os días xuntos estaban a punto de rematar. Pero por outra banda, vían que había moitos puntos de afinidade, as barreiras das distintas linguas esmorecían para dar paso a unha complicidade marabillosa, “son capaz de expresarme noutra lingua, xa me saen as verbas … ” dicíannos, pero apenas había  tempo xa … Sempre nos quedará a 2ª parte do intercambio, aló polo mes de abril, entón proseguiremos este camiño na Ocitania.

Dende o departamento de francés queremos dar as grazas ás familias acolledoras, aos alumnos dos ciclos superiores de Guías turísticos e mais de Organización de eventos polo magnífico buffet presentado na biblioteca. Á dirección do I.E.S. Plurilingüe Eusebio da Guarda por permitir levar a cabo este tipo de actividades.

Hai que dicir que ademais de Mme Tanis, este ano, os profesores acompañantes foron Dominique Volpato, profesora de historia e Anaïs Kenzi Gil, profesora de español.

Saúdos dende aquí á toda a comunidade educativa do Collège Irène Joliot-Curie de Fontenilles, os nosos amigos en terras galas.

Despedímonos ata o mes de abril, no que viaxaremos ata aló, aos rapaces xa lles tarda…

O DEPARTAMENTO DE FRANCÉS

 



blog | by Dr. Radut