Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

"DURA LEX, SED LEX"

Con este principio xeral do Dereito Romano, que pode traducirse como " a lei é dura, pero é lei", pode resumirse perfectamente un dos obxectivos fundamentais da visita que o alumnado de 1 BACH da materia de Oratoria efectuou na mañá de hoxe aos Xulgados de Praza Monforte, para asistir como público a xuízos por delito leve, os antes chamados "xuízos de faltas": verificar a necesidade e a obriga de respectar e aplicar a lei en todos os casos, pois o respecto á mesma é positivo para a vida en sociedade e beneficia o futuro.
O dito alumnado estivo acompañado pola Directora do IES P. Eusebio da Guarda e polas profesoras que imparten a materia de Oratoria, Dulce Fernández, Yolanda Vila e Teresa Pastor, pertencentes ao Departamento de Lingua Galega e Literatura.
Ao longo da mañá, os rapaces e rapazas puideron vivir en directo como se desenvolven estes xuízos de diferente tipoloxía. A maxistrada titular do Xulgado de Instrución número 5 explicoulles polo miúdo o rol que realiza cada membro do tribunal.
Pero, como alumnos de Oratoria, tamén puideron ver diferentes exercicios de argumentación e comprobar que un discurso ben artellado, garante a lexitimidade e, sobre todo, que as falacias teñen "as patas muy curtas" e unha boa exposición coa verdade por diante, tira por terra calquera mentira.
Entre xuízo e xuízo, os estudantes interactuaron coa maxistrada e a fiscal, nun interesante diálogo, onde xurdiron temas transversais de grande validez para o crecemento persoal dos rapaces, como que a educación sempre abre portas, o respecto á autoridade, que todo acto ten as súas consecuencias, .......
Como complemento a unha educación en valores, os rapaces coñeceron tamén un inspector do Corpo da Policía Nacional, pertencente á Brigada de delitos tecnolóxicos, invitado expresamente pola maxistrada, quen lles falou dos perigos das redes sociais, poñéndolles nomes propios a delitos de triste actualidade: bullýing, sexting, grooming, ....... E, por riba de todo, de  non mirar para o outro lado, como o lema do noso centro, tanto sexan vítimas como coñecedores do delito, e denunciar sempre.
Xa para rematar, malia a duración desta actividade ( 4 horas), o alumnado non se despegou das súas cadeiras e mostrouse encantado en todo momento. Cómpre dicir que o seu comportamento foi óptimo, preguntando e sabendo estar nunha sala xudicial.
Oxalá todos lembremos esta fermosa e chuviosa mañá galega dun 16 de outubro de 2019, onde todos puidemos gozar da arte da palabra e do sentido da xustiza.
(Teresa Pastor Novo, profesora de Lingua Galega e Literatura).



blog | by Dr. Radut