Skip to Content

Teatro: A señora de Forcadela, O Quinquilláns. Deputación de Pontevedra: O pasado por vir.

O alumnado do 4º curso de ESO do IES de Cotobade asistiu esta mañá a unha das actividades sobre a memoria histórica que a Deputación de Pontevedra, grazas ao seu programa de Memoria Histórica ‘O Pasado Por Vir’, está a levar pola provincia da man de concellos, asociacións e centros de ensino.


A representación “A señora de Forcadela” permitiu achegarnos dunha maneira diferente ás vivencias da represión e a ditadura.
‘A señora de Forcadela’ é unha historia baseada na biografía da mestra Josefa García Segret, extensiva á doutras mulleres represaliadas na Galiza a partir de xullo do 36: foi detida o 15 de agosto e na prisión de Tui salvou a vida grazas á axuda dun médico forense e dun doutor que aseguraron que estaba embarazada. Foi xulgada en Vigo por rebelión e condenada a pena de morte que se lle conmutou por cadea perpetua, e despois a 6 anos e un día.

En 1982, Josefa García Segret publicou un libro autobiográfico titulado ‘Abaixo as ditaduras’, editado por ela mesma, grazas ao que a día de hoxe se coñecen as súas vivencias. No libro explícase a vida dunha reclusa dunha maneira moi directa. Aínda que terminou a obra en 1976, a súa publicación —“polas circunstancias do momento”— tivo que agardar a 1982, catro anos antes da súa morte.

A peza teatral foi representada pola compañía teatral ‘O Quinquilláns’, contando no elenco con Tero Rodríguez e Lucho Penabade.
O noso agradecemento ao departamento de lingua e literatura galega polo impulso e organización!

Fotografía: Beatriz Pérez Espiña

  

 

 

 

 

 

 

 

 



story | by Dr. Radut