Encontros con escritores: Iria Misa


          O venres día 31 marzo ás 9:40h un grupo de alumnos de 3º ESO fomos á biblioteca Xosé Neira Vilas para coñecer a Iria Misa e falar con ela, pois é autora do libro "Xa non estou aquí" que acabamos de ler.
 
         Antes de comezar, o seu marido, que tamén estaba alí, repartiu uns carteis con caras de persoas desaparecidas en Galiza e preguntounos que criamos que lles pasara. No caso das mulleres, o que nos pasaba pola cabeza eran violacións ou maltrato machista; no dos homes, suicidios ou simples desaparicións.
          Ao principio produciuse unha fervenza de preguntas de todo tipo (coido que non esperaba tantas) ás que respondeu con amabilidade e bastante alegría. Eu, por exemplo, pregunteille se non lle gustaría facer un libro mesturando o inglés co galego, pois ela dá clase de inglés nun centro de Gondomar. Respondeume que lle parecía unha boa idea, aínda que por agora non tiña ese tipo de plans xa que o público que le en inglés ao mellor non entendía ben as ocorrencias dunha escritora galega.

          Iria Misa foi a gañadora do premio de literatura Xuvenil Jules Verne no pasado 2016. A verdade é que o merece pois é unha moi boa novela que creo que pode axudar a pensar as cousas antes de facelas, como o consumo de drogas por exemplo. Esas cousas van estar sempre presentes, fálese ou non delas, polo que hai que controlalas e ver por nós mesmos e non polo que nos impoña a sociedade ou nos ofrezan os amigas/os, xa que iso non é sempre o correcto.

          En definitiva, unha boa actividade que paga a pena repetir.

Jara Paredes 3º PMAR